Publicado por: MontePituco | 24/08/2014

GRAZAS POR ACOMPAÑARNOS NA ANDAINA POLO PITUCO

Asistentes á ruta polo Monte Pituco.

Preto de 80 persoas participaron este domingo na andaina organizada pola Asociación Monte Pituco. Asistiron á ruta veciños da parroquia de San Xulián e do centro de Marín, das parroquias veciñas de Salcedo e Lourizán en Pontevedra, e afeccionados ao sendeirismo dende localidades como Cangas, Moaña e Vigo. Tamén se sumaron persoas que están veraneando na bisbarra, procedentes de Asturias e Madrid. Todos coincidiron en admirar a paisaxe, o patrimonio arqueolóxico, a tradición oral asociada aos petroglifos e os sendeiros que conforman a área que abrangue o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

O obxectivo desta iniciativa era, ademais de dar a coñecer un valioso conxunto de bens, reivindicar a súa conservación, fronte ao proxecto do Concello de Marín e da Xunta de construir un polígono industrial no Monte Pituco, incluido no Espazo Natural dos Montes do Morrazo; unha zona que, xunto cos Bens de Interese Cultural protexidos, é abundante en mananciais naturais, especies de flora endémica e fauna ameazada, e cun forte desnivel que faría inviable unha obra desas características.

As explicacións dos elementos que se visitaron ao longo do itinerario -gravados rupestres, mámoas, elementos de interese etnográfico, lendas- correron a conta de representantes da Asociación Monte Pituco. Interviron tamén Ramón Laxe, da Comunidade de Montes de Salcedo, que explicou os traballos de recuperación e posta en valor que están facendo de muíños, petroglifos e a ordenación dos recursos forestais; e Xilberte Manso, do Instituto de Estudos Miñoranos, un colectivo radicano no Val Miñor con moita experiencia na divulgación do patrimonio arqueolóxico.

Destacou tamén a presenza, neste roteiro, de representantes de diversos colectivos: Queremos Galego Marín, Anova, Colectivo Nacionalista de Marín e Círculo Podemos, entre outros.

Partindo dende a arboreda do Monte Pituco, a carón da estrada de Figueirido, o grupo achegouse ata os petroglifos e a mámoa de Sete Camiños, a fonte da Prata e Chan das Mouras en Salcedo, o monte e a mámoa de Catadoiro en Lourizán, para rematar no conxunto rupestre de Pornedo e no miradoiro dende o que se divisa unha panorámica de toda a ría.

A Asociación Monte Pituco organizará unha nova andaina a mediados do vindeiro mes de setembro para dar a coñecer outros bens; será en horario vespertino, para poder apreciar os gravados rupestres coa luz rasante do solpor.

Chegando ao Alto do Pornedo.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: