Publicado por: MontePituco | 18/08/2014

VAIPOLORÍO: REMATOU POR ESTE ANO A LIMPEZA DO GAFOS

Campaña de limpeza 2014 do Gafos, organizada por Vaipolorío.

Rematou este pasado domingo unha edición máis da Campaña de limpeza do Gafos, organizada por Vaipolorío. Alá foron cinco xornadas de duro traballo para os veteranos desta asociación e para os voluntarios que se sumaron a esta iniciativa tan encomiable.

A derradeira sesión deste ano centrouse no treito urbán do Gafos, dende a estación de buses ata a desembocadura do curso fluvial, na parte descuberta. Un dos grupos traballou no paseo construido preto de Campolongo e outro dende a ponte da Tablada ata o final.

Pantallas de ordenador, pezas metálicas de aspecto enferruxado e ata televisores vellos saíron das augas do Gafos, ademais de bolsas e recipientes de plástico de cores e formas variopintas, pezas de roupa e calzado vello… Sumando as bolsas de lixo retiradas nesta campaña, Vaipolorío retirou un número considerable de toneladas de residuos, algúns dos cales permanecen expostos nun cilindro situado na rúa Alcalde Hevia, para lembrarnos que se o río está suxo e contaminado é por culpa da falta de sensibilidade e de educación dun sector da poboación incapaz de entender que o lixo se deposita nos contenedores correspondentes, que non se tira de calquera xeito a calquera parte.

Campaña de limpeza 2014 do Gafos, organizada por Vaipolorío.

Esta experiencia serviu tamén para pór de manifesto a apropiación que se fai do espazo público que, por lei, debería respectarse. Hai zonas nas que é imposible acceder ao río pola beira, por ningunha das marxes. A servidume de paso está literalmente absorbida, ocupada e invadida por muros de fincas e paredes de edificios. Malamente se pode avanzar por enriba das tubarías do saneamento.

Mentres unha parte dos integrantes destes audaces comandos de limpeza se introducían no Gafos enfundados en fundas impermeables para retirar con ganchos o lixo, os que axudaban a encher as bolsas e a retiralas non podían axudarlles e observaban impotentes dende a ponte da rúa Rosalía de Castro ou dende a barandilla dun dos edificios literalmente pegados ao río.

Esta situación, por desgraza, non é exclusiva de Pontevedra. Tamén en Marín o Lameira –no treito dende o Sequelo ata o Hotel Libertad– padece este mordisco voraz. No paseo fluvial construido durante o bipartito naquel famoso Plan Arela é imposible non fixarse no aspecto descoidado que presenta o río: a tubaría do saneamento vai polo medio e medio do curso fluvial, os muros das propiedades privadas érguense a rente da auga e están á vista sen disimulo ningún numerosos tubos que supostamente serven para verter algo. O propio paseo de madeira está practicamente enriba do Lameira…

Campaña de limpeza 2014 do Gafos, organizada por Vaipolorío.

Responsables de Vaipolorío non podían ocultar a súa indignación ao atopar, a poucos metros do río, pola parte de atrás dun edificio, un colchón tirado. Unha acción propia de “paletos urbáns”, clamaban con razón.

Por riba de impedir o acceso ao río con redes metálicas e muros, usurpando os terrenos obrigados para servidume de paso, o Gafos tamén é vítima do incivismo.

Menos mal que Vaipolorío segue actuando ano tras ano na procura dun Gafos máis coidado, máis habitable para os seus inquilinos naturais -a fauna e a flora autóctona- e para as persoas que saben gozar dun agradable paseo pola súa beira ou polas súas pontes e muíños.

Campaña de limpeza 2014 do Gafos, organizada por Vaipolorío.

Ver tamén o artigo titulado “Enchendo o Refugafos” (agosto 2013) sobre a campaña de limpeza do pasado ano.


Responses

  1. […] Vaipolorío, cuxos integrantes levan máis dunha década traballando desinteresadamente na limpeza do río Gafos; ou da Comunidade de Montes de Salcedo, que implicou o Concello de Pontevedra, a veciñanza da […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: