A Asociación Monte Pituco organiza para o vindeiro domingo 24 de agosto unha ruta a pé polo Monte Pituco, que partirá ás 10:30 horas da arboreda situada no acceso ao propio monte, no cruce da estrada provincial EP-0019 Marín-Figueirido coa pista do Regueiriño. O obxectivo desta actividade é dar a coñecer o patrimonio arqueolóxico e etnográfico da zona, a riqueza medioambiental e paisaxística desta contorna, incluida no Espazo Natural dos Montes do Morrazo.
A andaina, que terá tres horas de duración e un nivel de dificultade asequible, pasará polos petroglifos catalogados de Pornedo e Sete Camiños. Os asistentes tamén poderán ver algúns gravados realizados no século pasado polo marinense Pepito Meijón (1899-1980). Ademais de arte rupestre, no percorrido atoparanse as mámoas de Sete Camiños e Catadoiro.
No Monte Pituco quedan os restos de antigas canteiras que abasteceron de pedra a boa parte da veciñanza e que actualmente conforman un interesante legado etnográfico. A isto engádese un valioso patrimonio inmaterial: microtopónimos e lendas como o “encanto de Fonte Laghoa” ou “a luz dos Sete Camiños”, que foron recollidas na zona.
Non menos importantes serán as referencias á fauna e á flora autóctonas, na que destacan o ecosistema de matogueira, coa presenza de plantas -uces, toxeiras, xesteiras- que acollen a unha poboación de vertebrados e invertebrados: rapaces como o miñato, a avenoiteira cincenta, pequenas aves como a chasca e a escribenta, diferentes tipos de réptiles e insectos. Destacan endemismos como o a linaria ou paxariño, e mesmo animais incluidos no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, como a saramaganta rabilonga.
Outro aspecto que revaloriza o Monte Pituco é a abundancia de mananciais naturais que abastecen os núcleos habitados de O Caeiro, A Pena, A Bouza, O Casal ou A Laxe, xunto coas fincas de cultivo que se atopan nesta parte da parroquia de San Xulián.
A Asociación Monte Pituco reivindica a protección e a conservación destes bens, ameazados principalmente polo proxecto de construcción dun polígono industrial contra o que este colectivo presentou senllos recursos contra o Concello de Marín e a Xunta.
Seguindo o exemplo de comunidades de montes próximas, como Salcedo, Moougás, Combarro ou Santa Cristina da Ramallosa, que veñen apostando pola recuperación do seu patrimonio, a Asociación Monte Pituco procura con esta andaina sensibilizar a veciñanza sobre a importancia de preservar este legado para que repercuta no reforzo da identidade colectiva e poida xerar riqueza para a parroquia, dende o punto de vista da creación de emprego vencellada ao aproveitamento sostible dos recursos forestais e á posta en valor dos elementos de interese histórico, cultural e turístico.
Deixar unha resposta