Publicado por: MontePituco | 19/08/2014

ELEMENTOS DE INTERESE NO PITUCO E ALEDAÑOS

Mapa do Pituco e do Espazo Sete Camiños.

Hai quen di que o monte non serve para nada, co pretexto de xustificar dun xeito moi burdo e nada argumentado a instalación do polígono industrial contemplado no PXOM, co ‘aplauso’ da Comunidade de Montes, que así segue sumando trofeos na súa escalada pro-descapitalización: liña de alta tensión, Variante de Marín, tubaría de Acuaes, Brilat… A caixa non deixa de soar -CLIN! CLIN!- cada vez que se abre para ‘soltar lastre’.

Para os pro-polígono, mais tamén e sobre todo para as persoas -moitas!- interesadas no verdadeiro avance e progreso do monte a través da súa posta en valor, da recuperación dos seus elementos de interese para o lecer e para a defensa do medio ambiente, da explotación sostible dos seus recursos naturais e da implantación de novos cultivos que redunden en maiores e mellores beneficios, vai este mapa no que se sitúan sobre o terreo -máis ou menos- os principais elementos de interese.

Petroglifos catalogados da Idade do Bronce, mámoas… ata gravados modernos de Pepito Meijón, para os que tamén os expertos abogan pola súa clasificación e protección. Antigas canteiras das que podemos aprender os sistemas de traballo de antano nun sector que chegou a ser moi importante. Fontes, mananciais naturais, miradoiros, pedras de formas sorprendentes… Estes bens abranguen o Monte Pituco pertencente á parroquia de San Xulián e os montes lindeiros de Salcedo e Lourizán, situados no termo municipal pontevedrés. Os tres -xunto cunha ampliación cara ao monte veciñal de Vilaboa- conforman o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

Na comunidade veciña de Salcedo están colaborando co Concello de Pontevedra na recuperación do “seu” Castro das Croas; a propia comunidade limpou e delimitou a área na que se atopan os conxuntos rupestres de Regato dos Buratos, Pedra do Fundamento e Pedra do Encantamento; e ademais impulsou a restauración dos muíños do Batán.

A carón desta “milla de ouro” do patrimonio arqueolóxico pontevedrés está o Monte Pituco. De feito, os terreos da parroquia de Lourizán que lindan co Monte Pituco están clasificados no seu PXOM como de interese arqueolóxico.

Resulta incomprensible, pois, que a carón deste territorio de interese arqueolóxico, o Concello de Marín decidira clasificar o Monte Pituco como solo industrial. Non pode haber un contraste tan chamativo e escandaloso. Sen dúbida, quen errou na catalogación foi o Concello de Marín, que nin sequera é quen de situar correctamente no seu PXOM o patrimonio arqueolóxico, nin moito menos identificalo coas fotos que lles corresponden. A petroglifos de hai 6.000 anos asignáronlles imaxes de gravados de Pepito Meijón! Máis que unha ‘simple’ confusión, é unha auténtica chafallada, un fraude pagado con cartos públicos e un insulto á intelixencia.

Malia que aos pro-polígono non lles interesa en absoluto que se coñeza este patrimonio, DEFENDE O MONTE PITUCO aposta -como apostan maioritariamente os arqueólogos, os expertos- pola difusión, polo coñecemento, pola sensibilización. Non se protexe o que non se coñece. Que hai pro-polígonos dispostos a destruir os elementos que lles ‘estorban’ para os seus intereses, certo é. Mais o avance é imparable, a demanda está na rúa, hai exemplos a imitar ao noso carón: Salcedo, Combarro, Mougás, Ramallosa…

Este domingo día 24, a partir das 10:30 horas, ascenderemos polo Monte Pituco. Veremos “cousas” que nos disgusten; veremos outras dignas de aplaudir. Que cada un/unha compare e saque conclusións.

…A nosa: POLÍGONO NON!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: