Publicado por: MontePituco | 17/07/2014

A 2ª PARTE DO FESTIVAL DE AIRIÑOS, ESTE DOMINGO ÁS 19:30H

Grupo de Gaitas Airiños de San Xulián, no 25º aniversario.

A Asociación Cultural Airiños de San Xulián, de Marín, vén de anunciar un CAMBIO DE DATA no festival 25º aniversario que se ía celebrar este sábado ás 22:00 horas na Alameda Rosalía de Castro de Marín e que, por previsión de mal tempo, vaise adiar un día, pasando a celebrarse ESTE DOMINGO ás 19:30 horas na mesma Alameda.

Airiños de San Xulián xa festexou unha primeira parte do seu 25º aniversario nun festival que tivo lugar o pasado sábado, no marco do inicio das Festas do Carme, coa Banda de Gaitas de Airiños como protagonista e coa colaboración do acordeonista Juan Mariño, do trío Gaifonía e da gaiteira Susana Seivane.

No festival desde domingo ás 19:30 participará o GRUPO DE BAILE DE AIRIÑOS, acompañado das pandereteiras do grupo FENTOS E FROUMA, procedente tamén da parroquia de San Xulián de Marín.

Unha vintena de músicos forman a Banda de Gaitas Airiños de San Xulián, dirixida desde 1989 por José Manuel Riqueza. A parroquia de San Xulián pode presumir de ter unha agrupación de música tradicional que no ano 97 xa era campiona absoluta de 3ª categoría no campionato galego de bandas de gaitas.

E dende entón, triunfaron sempre en todos os certames ata converterse nun referente da primeira división do mundo gaiteiro. Edición tras edición do concurso de Soutelo de Montes dedicado a Avelino Cachafeiro, tamén obteñen excelentes resultados nas súas actuacións.

Ademais de dominar un amplo e variado repertorio de composicións, outro dos aspectos máis salientables de Airiños é a posta en escena, cunha indumentaria da que destaca a calidade dos panos, encaixes e xoias que locen as rapazas.

E por suposto, a calidade musical, que está por enriba de todo: os instrumentos tradicionais combínanse aquí con piano, acordeón, cortina, bongós… que aportan un aquel de modernidade e innovación, un estilo propio. A escola de instrumentos é a fonte da que se nutre a banda, na que se imparten clases de gaita, tambor, bombo, pandeireta, cunchas…

Canda a Banda de Gaitas está tamén o Grupo de Baile de Airiños de San Xulián, que dirixen Rosa María Rea e Pedro Brañas. Conta con máis dunha vintena de integrantes, aos que se suma un grupo de músicos que interpretan un amplo abano de jotas, muiñeiras e pandeiradas, entre outras pezas.

Como todas as agrupacións folclóricas que se preocupan polo relevo xeracional, Airiños de San Xulián tamén atende a formación dunha talentosa canteira de nenos e nenas que forman parte da escola de baile. E para que cada actuación sexa perfecta dedícanlle moitas horas aos ensaios; un esforzo que o público sabe apreciar con aplausos, non só cando percorren Galicia, senón tamén cando viaxan a outras cidades.

Ao baile e á música únese unha terceira cualidade: a elegancia. Así, destaca a vestimenta que locen, como mostra da riqueza etnográfica galega, con traxes de gala ou de cotío, que representan a actividade agrícola e gandeira. En liñas xerais, a indumentaria feminina caracterízase polas puntillas e as feituras artesanais, pezas feitas con brocados, veludos e adornos de acibeche, con pendentes, collares e outros complementos que as embelecen. A roupa dos homes está feita con teas brocadas, veludos e paños; a monteira, herdanza da Idade Media; ou os tecidos de liño e lá de ovella, propios da labranza.

E con toda esta bagaxe como tarxeta de presentación, o nome de Marín e de San Xulián están moi ben representados alí a onde viaxan a Banda de Gaitas e o Grupo de Baile de Airiños: sexa polas catro provincias galegas ou polo resto da Península: Segovia, Málaga, Zaragoza, Ciudad Real, Burgos, Valladolid, Guipúzcoa, Cuenca, Pazos de Ferreira ou Castelo de Neiva en Portugal… e lugares tan afastados como Yalikavak, en Turquía.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: