A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o vindeiro domingo 13 de xullo o terceiro roteiro contra do desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo.
O percorrido -de trazado circular- sairá ás 11 da mañá desde a capela de San Bieito en Domaio (Moaña). Pasará polo núcleo rural da Costa, área de lecer de O Souto, sendeiro do Rego e muíños da Freixa, A Devesa, Paso, ponte das Meáns, Chan do Porco, sendeiro do Rego da Miñouba, Poza da Moura, muíños da Máquina e de José María, paso elevado, Pedra do Navío, núcleo rural de Os Carballiños e Picouto do Gando, camiño do Prado, ponte e muíño do Rial, camiños do Soutiño e O Barquiño, Cruceiro do Carballo do Raposo, até chegar de novo á capela.
O percorrido coincidirá en gran parte co sendeiro municipal dos regos da Freixa e da Miñouba. Malia o bo estado do sendeiro, o percorrido é dunha dificultade media-alta con fortes pendientes de subida no sendeiro do rego da Freixa, e de baixada no sendeiro da Miñouba.
Para chegar ao punto de saída hai que tomar a estrada PO-551 até o núcleo urbano da parroquia de Domaio, onde ao chegar ao paso peonil con semáforos para coller (á esquerda se se vén desde Moaña ou á dereita se se vén da AP-9 de Rande ou da N-550 de Vilaboa) a estrada EP-1103 San Bieito-Verdeal no desvío existente entre a sucursal de Abanca e o bar Tropicana. A capela de San Bieito está á beira da EP-1103 a uns 500 metros da PO-551.
Deixar unha resposta