Ensalada de flores e herbas ventureiras con vinagreta de cítricos
Tosta de estrugas con porro e cebolas
Ensalada de llanten
Sopa de capuccina e mexacán (dente de león)
Son algunhas das propostas culinarias que descubrimos no Obradoiro de Herbas Ventureiras organizado por Horta Agrelo no IV Mercado Ecolóxico e Artesanal que se celebrou este fin de semana en Bueu.
Algunhas das que comunmente se denominan “malas herbas” resultan ser moi útiles para a cociña ou para a botica, polas súas propiedades naturais.
A capuccina, por exemplo, é unha fonte de vitamina C. A estruga ten moito ferro e tamén resulta eficaz como anticaspa. E coa malva fanse emplastos con efectos beneficiosos para a pel.
A próxima vez que vaiamos ao monte, ou ao campo, cómpre fixarse máis nas plantas que poidamos atopar, porque algunhas delas son susceptibles de resolvernos a cea ou de proporcionarnos alivio para algún problema de saúde. Cómpre ter en conta cando menos tres requisitos:
-Non recoller plantas das beiras dos camiños, porque poden estar contaminadas por algún producto químico, ou polos residuos que botan os vehículos, ou polo paso dalgún animal. As plantas que recollamos deben ser de monte ou campo adentro.
-Antes de cociñalas ou de aplicalas hai que lavalas. Mais non abonda só pasalas por auga. É preciso depositalas en vinagre, que é un potente desinfectante.
-Non recoller plantas que NON coñezamos. Hai que estar moi seguros de que as plantas que utilizamos son as indicadas e non van supoñer ningún risco para a saúde.
Flores de caléndula
Follas de llanten, tamén coñecida como lingua de ovella. Son o sustituto silvestre do porro e da espinaca.
Froito do llanten.
Follas de leituga, pétalos de rosa e de caléndula, follas tenras de pampullo (as margaridas amarelas coas que se visten os maios), sementes de malva… cantos ingredientes para unha ensalada ben fresca e nutritiva.
A vinagreta de cítricos coa que se aliña a ensalada é moi saborosa. Os ingredientes para elaborala son:
-1 vaso de aceite
-1 vaso de zume de laranxa e limón
-1 chorro de vinagre balsámico
-2 culleradas pequenas de mel
-1 cullerada de mostaza
-sal
A celidonia é tóxica por vía oral, non se pode comer, pero o seu zume aplícase nas espullas ou verrugas para quitalas da pel.
Entre as plantas non comestibles que podemos aproveitar para usos “medicinais” están tamén o mentraste ou “yerbabuena bastarda”, tan eficaz para aliviar o picor que nos produce, por exemplo, o roce das estrugas.
É un ámbito de coñecemento moi interesante. Por iso, as persoas interesadas en afondar neste terreo poden contactar con Horta Agrelo na súa páxina web e informarse dos obradoiros que imparten sobre iniciación ao cultivo ecolóxico, limpeza ecolóxica do fogar ou plantas aromáticas, entre outros, ademais das actividades infantís durante a tempada estival.
[…] https://montepituco.wordpress.com/2014/07/06/chamanlles-malas-herbas-pero-non-son-tal/ […]
By: Mercado ecolóxico de Bueu | Terra do Morraço on 08/07/2014
at 09:01