Publicado por: MontePituco | 02/06/2014

RECURSO CONTRA O PLAN SECTORIAL DE ÁREAS EMPRESARIAIS

Diario, 29 de xuño de 2014.

“…Y el descarte del polígono contemplado en Monte Pituco por razones de impacto ambiental”. [Nestes termos pronúnciase un artigo no Diario de Pontevedra do 29 de maio de 2014 sobre a aprobación oficial do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais; unha afirmación que cómpre matizar e explicar no artigo que segue a continuación]

A Asociación DEFENDE O MONTE PITUCO impugnará o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia que entrou en vigor o 29 de maio. Esta decisión é consecuente coa demanda interposta por este colectivo veciñal contra o Planeamento Urbanístico marinense, que clasificou o Monte Pituco (Pornedo) como chan industrial, delimitando un polígono que afecta a unha área incluida no Espazo Natural dos Montes do Morrazo, cun forte desnivel do terreo, que agrede o perímetro de protección de varios xacementos arqueolóxicos catalogados e que provocaría un impacto paisaxístico irreversible na fachada litoral de toda a ría.

O Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais recén aprobado non lle aporta nada novo a Marín. O estudo preliminar que fora encargado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas incluía a dotación dunha plataforma loxística Marín-Pontevedra cunha superficie de 279.364 metros cadrados promovida polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. DEFENDE O MONTE PITUCO -xunto con outros colectivos que o secundaron- presentou alegacións en marzo de 2012 contra dita urbanización en fase de estudo, que se localizaba por enriba dun terreo que o PXOM -aprobado en xuño de 2012- acabou clasificando como solo industrial.

O proxecto da plataforma loxística Marín-Pontevedra reflectido no Plan Sectorial de Ordenación de Zonas Empresariais.

[Este polígono que ocupaba máis territorio de Pontevedra que de Marín, era a Plataforma Loxística Pontevedra-Marín incluida na fase de estudo do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais que, no documento definitivo aprobado en maio de 2014, tras máis de dous anos en periodo de estudo, DESAPARECE]

Despois de dous anos de tramitación, o Plan Sectorial aprobado o 30 de abril pola Xunta deu como resultado a desaparición da denominada plataforma loxística Marín-Pontevedra, que xa na análise de viabilidade se caracterizaba pola súa “baixa puntuación”.

En vez de actualizar o volume de proxectos, restando da cifra total que se barallaba inicialmente aquelas actuacións que agora se descartan, a estratexia da Xunta consiste en asumir como “propias” algunhas bolsas de solo empresarial que xa estaban contempladas con anterioridade a través dos instrumentos de planificación urbanística municipal. É o caso do que -no Plan Sectorial vixente- se dá en chamar polígono empresarial Marín-Pornedo, cunha superficie de 336.944 metros cadrados, que coincide coa zona delimitada no PXOM marinense.

Plan Empresarial Marín-Pornedo que contempla o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais.

[No lugar da Plataforma Loxística Pontevedra-Marín, aparece o Plan Empresarial Marín-Pornedo, que é o mesmo solo industrial que se contempla no PXOM marinense, e que xa foi impugnado por Defende o Monte Pituco]

Nesta situación tamén se atopa o polígono industrial da Cruz da Maceira, en Moaña, que tamén casa coa área reservada no seu PXOM.

Con manobras coma éstas é como a Xunta consegue gabarse de incluir 117 actuacións no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, situadas en 95 concellos e que suman en conxunto 46,3 millóns de metros cadrados.

Para xustificar o seu rexeitamento á inclusión do parque empresarial Marín-Pornedo no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, DEFENDE O MONTE PITUCO volverá abundar nos argumentos técnicos e legais nos que ten apoiado o seu recurso xudicial contra o PXOM en contra da clasificación dese mesmo espazo como solo industrial. A maiores, DEFENDE O MONTE PITUCO vai impulsar a elaboración dun pormenorizado estudo medioambiental da zona, que reúna todos os elementos de fauna, flora, rede hidrográfica e paisaxe que poidan resultar afectados.

Ademais, DEFENDE O MONTE PITUCO apoiarase nos plantexamentos da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, que tamén rexeita o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais: a ausencia de Avaliación Ambiental Estratéxica conxunta das 117 actuacións contempladas neste documento, tal como determina a Lei 9/2006 sobre Avaliación dos efectos de determinados Plans e Programas no medio ambiente, transposición da Directiva 2001/42/CE a nivel europeo e en vigor a nivel estatal dende o 21 de xullo de 2004; así como as disposicións das Directrices de Ordenación do Territorio e do Plan de Ordenación do Litoral.

Cómpre chamar atención sobre o regulamento que desenvolve o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia que, nunha das súas disposicións, establece que as “ampliacións” das áreas empresariais existentes ordenadas mediante un proxecto sectorial, consideraranse “modificación” do ámbito orixinal, polo que “non será necesaria a declaración de incidencia supramunicipal”.

Co emprendemento de accións legais contra este Plan Sectorial, DEFENDE O MONTE PITUCO tratará de protexer da impunidade o atropelo que pretende cometer a Xunta contra este contorno tan sensible da xeografía marinense, ante a incapacidade económica da Administración local para urbanizalo nun futuro máis ou menos cercano, coa complicidade das empresas interesadas en lucrarse coa súa destrucción.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: