Publicado por: MontePituco | 26/05/2014

CELEBROUSE A REUNIÓN COA ALCALDESA

Faro de Vigo, 28 de xullo de 2011.

[Noticia da primeira e única visita de María Ramallo ao Monte Pituco, en xullo de 2011]

Produciuse hai uns días a agardada xuntanza coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, que acudiu a este encontro co concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos Costa, e coa edil de Medio Ambiente, Marián Sanmartín. Semellante despregue político atopou unha fronte veciñal formada por tres representantes de DEFENDE O MONTE PITUCO e da Asociación de Veciños de San Xulián, máis dous arqueólogos de traxectoria contrastada para abordar, precisamente, a precaria situación do patrimonio prehistórico nesta parte do monte comunal da parroquia.

O encontro comezou facendo memoria: a primeira e única visita de María Ramallo ao Pituco produciuse en xullo de 2011, pouco tempo despois de chegar ao goberno local. A alcaldesa marchou do monte co compromiso de dirixirse á Comunidade de Montes de San Xulián -“que tiene más dinero”, dixo, en alusión a que as arcas municipais quedaran supostamente nunha situación de precariedade na etapa do bipartito-.

Ante o incumprimento dese anuncio, en agosto de 2013 dirixímonos por segunda vez a María Ramallo ao remate dunha xuntanza sobre o proxecto da rede de abastecemento de Acuaes que tivera lugar na Casa de Montes, e en presenza do secretario da directiva dos comuneiros, para reiterarlles a necesidade de poñer en marcha medidas urxente de recuperación e posta en valor dos gravados rupestres catalogados. A resposta foi aparentemente receptiva por parte do dirixente da Comunidade, que ante a alcaldesa requeriunos varios orzamentos para ser valorados.

Foi dar media volta a alcaldesa, e aquelas boas palabras marcharon co vento. Cando ao cabo dunhas semanas nos presentamos na Casa de Montes para entregar dous orzamentos solicitados a senllas empresas de arqueoloxía -un máis básico, otro máis completo-, empezaron a darnos largas. Ata que a resposta foi confirmar por fin o VETO da Comunidade de Montes a todas as propostas de DEFENDE O MONTE PITUCO a prol da mellora deste enclave.

A resposta de María Ramallo a este relato de introdución non foi demasiado crible: “Creí que habían fructificado esas gestiones”.

…Pois non, alcaldesa. A Comunidade de Montes está pechada en banda e solo a mediación do Goberno local, co que ademais hai unha evidente sintonía política, pode encauzar esta situación de cerrazón irracional. Xa que o que dictamina a lei pásano polo arco do triunfo:

“Os PROPIETARIOS, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, están OBRIGADOS a conservalos, coidalos e protexelos debidamente para aseguraren a súa integridade e evitaren a súa perda, destrucción ou deterioración”. (Lei de Patrimonio, artigo 25 sobre o deber de conservar o Patrimonio Cultural).

Se para algo serviu esta entrevista foi para entregarlle a María Ramallo os orzamentos de intervención arqueolóxica que a Comunidade de Montes arquivou o ano pasado no fondo dun caixón ou que directamente tirou ao cubo do lixo. Agardamos que o Goberno local cumpra nesta ocasión e actúe -conxuntamente coa directiva dos comuneiros- para facer o que noutros municipios está xerando recursos económicos derivados do turismo cultural ; uns beneficios que van moito máis aló do monetario, que se traducen en boa imaxe, en interese científico e académico. Como ben lle lembrou un dos arqueólogos asistentes: o patrimonio arqueolóxico marinense é moi coñecido, primeiro polos petroglifos de Mogor, que á súa vez fan que medre o interese por coñecer os demais gravados rupestres do noso ámbito municipal. E nese efecto chamada, os petroglifos da zona de San Xulián en xeral e do Pituco en particular, teñen unha enorme importancia. E nada teñen que envexarlle aos de Mogor, engadimos dende DEFENDE O MONTE PITUCO. Mágoa que non se estean a valorar abondo, á vista do abandono no que se atopan.

Un dos arqueólogos que participaron nesta xuntanza recomendoulle á alcaldesa a necesidade de acometer polo menos “unha posta en valor suave”, “o máis importante” para evitar a dinámica de deterioro progresivo que existe, por exemplo, pola presenza de árbores tanto a carón dos petroglifos como no interior das cámaras dos túmulos megalíticos, no caso das mámoas.

María Ramallo recoñeceu que o patrimonio arqueolóxico catalogado tense que preservar, independentemente de que a clasificación urbanística -tremendamente inxusta, ao noso entender- teña previsto un polígono industrial na zona: “un proxecto que igual non chego a ver mentres viva”, suxeriu a alcaldesa coa boca pequena.

Por iso é imprescindible que haxa entendemento, sentido común e diálogo. Unha vontade de diálogo que dende DEFENDE O MONTE PITUCO volvemos reiterarlle a María Ramallo para que, máis pronto que tarde, se resolvan os problemas coa Comunidade de Montes que lle expuxemos á alcaldesa nesta reunión: as dificultades de acceso ao conxunto arqueolóxico dos Sete Camiños, a abundante vexetación -potencial combustible- que rodea os petroglifos do Pornedo, o proxecto da rede de abastecemento de auga de ACUAES que pon en perigo a integridade dos gravados de Pinal de Caeiro, a ausencia de sinalización e balizamento de todos estes elementos…

Petroglifos de Sete Camiños (foto, Paulo Troitiño).

[Petroglifos de Sete Camiños. Foto, Paulo Troitiño]

Petroglifos de Pornedo.

[Petroglifos de Pornedo]

Petroglifo catalogado de Pinal de Caeiro. (Foto, Juan Carlos Epifanio).

[Petroglifos de Pinal de Caeiro]

Na súa intervención, os arqueólogos fixeron fincapé nos males endémicos que ten o catálogo do patrimonio arqueolóxico marinense, empezando pola nefasta localización da zona industrial do Pituco, que invade a área de protección dos petroglifos de Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro: “Nótase claramente que a delimitación faise máis grande ou máis pequena segundo conveña, sen ter en conta a obrigada conservación do patrimonio cultural”, criticou un deles.

Os arqueólogos entregáronlle a María Ramallo un informe detallado das graves irregularidades que teñen detectado: “Está claro que no caso de Marín non se ten producido ningunha prospección arqueolóxica exhaustiva para a elaboración do PXOM”, advertíronlle, ademais de queixarse da “completa falta de profesionalidade na catalogación do patrimonio cultural arqueolóxico”.

Entre esas irregularidades, hai numerosos erros de localización xeográfica, fallos garrafais na correcta identificación gráfica dos petroglifos (os de Pornedo datados na Idade do Bronce están asociados á foto duns gravados de Pepito Meijón feitos no século XX!)… e outras eivas que se lle expuxeron á alcaldesa e ao concelleiro de Urbanismo para que teñan en conta que o “catálogo legal” publicado no PXOM dista moito da realidade.

En conclusión, “urxe unha actualización arqueolóxica do PXOM, para que se fixen con precisión as ubicacións dos xacementos, as súas fotografías, delimitacións e entornos de protección, tanto totais como parciais, para corrixir os numerosos erros detectados”. Non actuar neste sentido sería unha irresponsabilidade e suporía que o Concello de Marín estaría a “incumplir gravemente o deber de protección e conservación do patrimonio cultural arqueolóxico”.

María Ramallo anunciou que esta semana celebraríase unha reunión do equipo redactor do PXOM con responsables da Dirección Xeral de Patrimonio, e que se lles trasladaría este informe dos arqueólogos para que se realicen as correccións precisas.

Como destacaron os arqueólogos, trátase dun patrimonio que leva aquí 5.000 anos e non se pode destruír; todo o contrario, é obrigatorio protexelo como Bens de Interese Cultural que son e cambiar o chip para comezar a “ver o patrimonio como un recurso, non como un problema”.

O encontro rematou presentándolle á alcaldesa varios exemplos de Concellos e Comunidades de Montes comprometidos activamente na defensa e promoción do seu patrimonio: Ponte Caldelas, Poio, Salcedo, Amoeiro… para que se apliquen en San Xulián -a parroquia marinense con maior densidade de xacementos- medidas de limpeza e conservación deste valioso legado ancestral.

Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).

[Petroglifos da Carrasca, en San Xulián]

Silla de Champás

[Conxunto rupestre da Silla de Champás]

Tamén se lle volveu reclamar o apoio do Concello de Marín ao proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

E noutra orde de cousas, reiteróuselle a María Ramallo o rexeitamento de DEFENDE O MONTE PITUCO ao novo trazado da rede de abastecemento de auga deseñado por Acuaes pola súa afección ao Monte Pituco e aos gravados de Pinal de Caeiro. Como tamén se lle argumentou a oposición de DEFENDE O MONTE PITUCO á decisión da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de contemplar un polígono empresarial Marín-Pornedo no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia malia a forte pendente da zona, o seu elevado impacto visual dende puntos estratéxico do centro de Marín e dos municipios do entorno da ría, e as afeccións á fauna protexida e aos mananciais naturais que abastecen a veciñanza.

Vista da zona afectada polo polígono previsto no PXOM dende a subida á estrada das praias.


Responses

  1. […] transcurrir dous meses da reunión na que a alcaldesa de Marín, María Ramallo, nos informou de que ía producirse unha xuntanza entre os redactores do PXOM e os […]

  2. […] celebradas con representantes do Goberno local, encabezadas pola alcaldesa María Ramallo, a que se produciu en maio de 2015 centrouse nas graves eivas que presenta o PXOM de Marín, aprobado en xuño de 2012: “Calquera profesional da arqueoloxía sentiría vergoña ao […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: