Publicado por: MontePituco | 08/04/2014

PROBA BTT ENTRE PETROGLIFOS CATALOGADOS

Sinal de madeira marcando o trazado da proba deportiva, no Alto do Pornedo.

[Cartel instalado polos organizadores da I Ruta BTT Cidade de Pontevedra no Alto do Pornedo]

O domingo 30 de marzo preto dun milleiro de persoas participaron na I Ruta BTT Cidade de Pontevedra, organizada polo Club Ciclista Farto. O itinerario, de 35 quilómetros, saía dende o Paseo de Montero Ríos en Pontevedra e chegaba ata o lago de Castiñeiras, atravesando o monte veciñal de Salcedo, Lourizán, e o Alto do Pornedo no monte comunal de San Xulián. Despois duns cantos días de choiva e mal tempo, retomamos as andainas polo monte a pouco que escampou e comprobamos que parte do sendeiro presentaba marcas de sprai fluorescente enriba dalgunhas pedras;  sinais que resultaron estar relacionados con esa proba deportiva.

Nun extremo do val do Pornedo atopamos un cartel cravado nun listón de madeira espichado no chan. Os ciclistas baixaran polo sendeiro que, no linde entre Lourizán e San Xulián, baixa cara ao miradoiro do Pornedo. Logo bordeaban a elevación na que se atopan os petroglifos catalogados do Pornedo e enlazaba coa pista forestal principal a través do sendeiro de terra.

Marca de sprai nunha rocha gravada por Pepito Meijón.

[Rocha con marcas de Pepito Meijón, pintada con sprai]

Comprobamos con disgusto que unha das marcas de sprai estaba enriba dun dos numerosos gravados rupestre feitos por Pepito Meijón nesta zona. Un “patrimonio” que, malia non estar inventariado, conta cun valor singular, habendo arqueólogos e historiadores partidarios de estudar e poñer en valor este peculiar legado.

Comprobamos con preocupación que outra das marcas de sprai situábase a escasos metros dos petroglifos do Pornedo. Ao carecer de sinalización e balizamento, ao non existir ningún tipo de protección, calquera dos organizadores que ignorase o valor incalculable deste elemento patrimonial, clasificado como Ben de Interese Cultural e cun rango de protección semellante ao da mesmísima catedral de Santiago, podía terlle debuxado enriba unha desas frechas coas que se orientaron os participantes na carreira.

Marca de sprai a poucos metros dos petroglifos catalogados do Pornedo.

[Marca de sprai a poucos metros dos petroglifos catalogados do Pornedo]

Se afortunadamente non foi así debeuse a que a laxe principal está minimamente desprazada do camiño, de xeito que os corredores pasaron xusto ao seu carón. A área de cautela que se debera respectar, foi ignorada por completo, ningúen das Comunidades de Montes deberon supervisar sobre o terreo o deseño dese operativo loxístico.

Mais a responsabilidade recae -é unha opinión- non tanto nos promotores da ruta, senón nos que non fan absolutamente nada -Comunidade de Montes como propietaria dos terreos, Concello de Marín e Xunta- pola recuperación deste conxunto rupestre e a súa merecida, necesaria e urxente posta en valor.

Nesta ocasión non pasou “nada” pero, en caso de que os petroglifos resultaran danados con sprai ou mesmo se os ciclistas pasaran por enriba da laxe coas súas bicis, habería que depurar responsabilidades a todos os niveis. Por iso o Concello de Marín, a Dirección Xeral de Patrimonio e a Comunidade de Montes de San Xulián teñen que ser conscientes das graves consecuencias da súa omisión no que respecta ás medidas de protección deste xacemento.

Marca de sprai no Alto do Pornedo sinalizando o trazado da proba BTT.

[Marca no camiño do val do Alto do Pornedo]

No caso dos petroglifos de Outeiro da Mina, no monte veciñal de Salcedo, soubemos tamén que o trazado da carreira atravesou polo medio e medio dos petroglifos. E tivemos noticia de que o percorrido dos ciclistas quedou sementado de plásticos.

Na páxina de Facebook da I Ruta BTT Cidade de Pontevedra anunciaban esta semana que en próximos días íase retirar a sinalización instalada polo monte. Iso, no caso dos carteis, porque as marcas de sprai son indelebles. Moitos dos participantes, que con razón quedaron encantados pola beleza das paraxes que cruzaron, volveron repetir o itinerario en días posteriores. E fan ben, porque é un espazo dun alto valor medioambiental, cultural e paisaxístico.

Marcas das rodas atravesando o complexo rupestre de Outeiro da Mina, en Salcedo (foto, Paulo Troitiño).

[Marcas das rodas no complexo rupestre de Outeiro da Mina, en Salcedo. Foto, Paullo Troitiño]

Pero alguén debería informarlles a estes deportistas e aos organizadores desta proba que -parafraseando a Magritte- unha pedra non sempre é unha simple pedra; e que hai que compatibilizar a práctica deportiva co respecto pola natureza e polos elementos históricos existentes.

E nese labor as Administracións e as entidades vencelladas á propiedade comunal do monte teñen que poñer da súa parte, demostrando que lles importa o territorio e amosando a súa boa vontade no cumprimento da Lei de Patrimonio.

Cartaz da Ruta BTT Cidade Pontevedra.


Responses

  1. […] “Proba BTT entre petroglifos catalogados“ […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: