Publicado por: MontePituco | 15/01/2014

PLENO DE XANEIRO 2014 (II)

*INICIO DO EXPEDIENTE A URBASER POR DEFICIENCIAS E INCUMPRIMENTOS GRAVES OU MOI GRAVES

A concelleira Marián Sanmartín fixo una relación dos motivos que levaran o Goberno local a impulsar esta medida, que se apoiaba no informe do xefe do servizo e no resultado dunha auditoría.

Dende o Psoe, Lamoso anunciou o apoio do seu grupo, “por coherencia” dixo (manda bemoles! o Psoe marinense falando de coherencia é tanto como a demostración de que se pode presumir do que se carece), posto que a instancias deste partido tamén se levaran a cabo medidas contra os incumprimentos no proxecto de execución do Plan Arela.

“Les voy a hacer una sugerencia, con mucha humildad; y no vale la demagogia que se gastan habitualmente”, comentou seguidamente Lamoso. Cando o edil socialista se pon neste plan pseudo-retórico, que parece que quere facer unha crítica que disfraza de constructiva pero que vai cargada de mala intención, cando adopta esa falsa pose -tan ensaiada- de inocencia e conciliación para logo espetar calquera das súas tibias couces verbais, resulta tan previsible como o guión dunha película mala. Gasta verborrea intentando lucirse para ao final non aportar nada e semellante actitude -máis propia dunha persiana que dunha persoa con sentido práctico- resulta cansina e aburrida para o público; é un gasto de tempo e de cuspe verdadeiramente inútil. E tanto circunloquio, para reclamarlle “traballo” ao grupo de goberno. Non é de estrañar que a alcaldesa lle teña que estar lembrando constantemente que remate de falar.

Tirando de máis ironía da súa, Lamoso saca outra teoría: “Igual a empresa decide facerlle a puñeta ao equipo de goberno”.

Despois de dedicar media intervención a contar banalidades para o público do Clube da Comedia, é cando Lamoso esperta e acaba lembrando que el viña para falar “do seu libro”. Daquela é cando critica que “nadie supo de la auditoría, que adolece de puntualidad y cuyo trabajo de campo duró poco”. E despois, como se fose discípulo da ‘Bruja Lola’, augura que “seguro que la empresa va a presentar documentos que igual fueron quemados en la Sacoa, y no se ría”, engade, dando por suposto que os populares van a escachar a gargalladas, cando case nin se inmutan.

En resume, o Psoe vai apoiar o inicio do expediente a Urbaser, pero quéixase de que “hai falta de concreción” nos argumentos e que as deficiencias graves están “collidas polos pelos”. Toma coherencia…

Pola súa parte, Pilar Blanco criticou que “nos últimos tres anos o deterioro do servizo do continuo, e isto dillo quen tivo responsabilidades nesa área e tivo que pelexar para que cumpriran”, engadiu a ex-concelleira de Medio Ambiente do Bng lembrando aqueles ‘marabillosos anos’. Encantada como está sempre de coñecerse, e malia que aínda queda bastante tempo para a campaña electoral, Pilar Blanco non perde comba no que atinxe a airear o seu curriculum político: a recollida de cartón porta a porta, de aceite usado, de vidro para negocios de hostelería, a campaña informativa, a supresión de puntos negros de verquido de enseres… “Servizos que atoparon funcionando”, remarcou a edil do Bloque, que acousou o Pp de “contratar a Urbaser para facer o traballo dos servizos municipais tirando da carteira dos veciños”, en alusión ás arcas municipais.

Entre as queixas que lle enumerou a Marian Sanmartín destacou que a recollida se efectuaba de día, contradicindo a ordenanza de medio ambiente, a acumulación de residuos no mercado, e o mal estado dos contenedores repartidos polo rural. “A auditoría reflicte o que vostedes permitiron”, reprendeulle.

Ademais diso, Pilar Blanco tamén lle restregou que o instructor do expediente estaba imputado, polo que, argumentando que “este proceso empezou mal”, xustificou que o Bloque íase abster na votación.

Isabel Martínez Epifanio fixo unha análise máis baseada no sentido común que no axuste de contas que trazaron os demais concelleiros da oposición: que unha empresa privada está para “sacar o maior beneficio posible” e “ou se está enriba ou se escaquea”. Sen paños quentes, a edil de Mar-In afirmou que o deterioro do servizo de recollida de lixo era “evidente” pero que, con todo, a auditoría encargada polo concello, ademais de custar “unha chea de cartos” viña sendo un “tocho gordo cheo de fotos que non significan nada” .

Ademais, a concelleira independente introduciu un punto de vista no que non repararan nin Psoe nin Bng, que non dubidaron en sumarse á súa tese: coa suba do custe de Sogama, o Goberno local podía estar manobrando a mantenta para sumarse ao carro do servizo de recollida de lixo impulsado dende a Diputación “para xustificar o aumento do recibo”. “Quero pensar que isto non é unha excusa pola porta de atrás”, advertiu Isabel Martínez Epifanio.

…Nerviosa e con bastantes dificultades para expresarse con claridade, Marian Sanmartín iniciou o seu turno de réplica pero, en vez de rebater a acusación máis grave de todas as que lle plantexaran, é dicir, a de Mar-In, tirou dunha documentación vella que gardaba na manga: Permitíuselle todo á empresa”, admitiu a concelleira de limpeza, “e a xestión do Bng tampouco foi marabillosa”. Marian Sanmartín laiouse de non existan enquisas dende 2001, cando Urbaser comezou a prestar este servizo, e tratou de exculparse da parte de responsabilidade que lle poida corresponder argumentando que “se algo está recollido nun prego de condicións, é para cumprilo”.

Cando ninguén o esperaba, e tampouco viña moito a conto, Sanmartín quíxolle ir á iugular ao Bloque, acusando a que fora a súa predecesora no cargo de “perder 300.000 euros” e de gastar 4.872 euros nunha auditoría “pagada” da que tamén verqueu sombras de dúbida: “Non sei se está nun caixón ou se non se fixo”, concluiu.

Menos mal que o tándem de antigos socios Psoe-Bng saíu ao quite. Lamoso criticou que Marian Sanmartin “habla de oídas”, en alusión á súa inexperiencia na política municipal. “No sabe nada de lo que hicieron antes y ahora saca alegremente la técnica del ventilador”, esa que serve para espallar lixo -nunca mellor dito- sobre a xestión dos demais no pasado. Fronte aos 4.800 euros da auditoría do Bloque, o concelleiro socialista restregoulle que a do Pp custara 21.000. “Me uno a la petición de que esto no lleve segundas intenciones”, engadiu Lamoso sobre as sospeitas de Isabel Martínez. “A lo mejor acabamos en un juzgado teniendo que demostrar lo indemostrable y pagando lo impagable”, apostillou o edil do Psoe dando a entender que Urbaser podía emprender accións legais contra o Concello.

“…Iso pásalle por queimar expedientes na Sacoa”, espetoulle Pilar Blanco á concelleira do Pp sobre a ausencia de informe da suposta auditoría. Onde as dan, tómanas. “Sospeitamos que a intención non é presionar a empresa”, explicou a edil nacionalista, “senón que esta marche, para contratarlle á Deputación o seu macroservizo/macronegocio aos concellos e que Urbaser quere optar a facer”.

Isabel Martínez lamentou que Marian Sanmartin “lle bote a culpa aos demais cando non ten argumentos”. E, intentando xustificar as críticas de Lamoso pola inexperiencia da actual concelleira de limpeza, lembroulle que “é nova, e non se lle vía nos plenos” como para ter coñecemento da situación. “Levamos 2 anos con el y tú más, e xa é cansino”, engadiu.

Marián Sanmartín foi a última en tomar a palabra para defenderse das críticas e das acusacións: “Levo 35 anos vivindo en Marín e teño memoria como cidadana. Con este expediente intentaremos que isto non se repita. O servizo é nefasto dende que cheguei e agantamos ano e medio”. Por último, negou o que tiña que ter rebatido dende o principio: que esta medida non agochaba segundas intencións.

O inicio do expediente foi aprobado por PP, Psoe e Mar-In.

 


Responses

  1. En fin, o nivel dos plenos marinenses, está polas nubes. Admiro a pacencia de Monte Pituco.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: