Publicado por: MontePituco | 27/06/2013

CHARLA SOBRE O MONTE GALEGO

 

Charla sobre o Monte Galego, organizado por Anova Marín.

As consideracións da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, á que pertencen Xosé Alfredo Pereira e Claudio Quintillán, é coñecida de sobra. Que podemos decir en DEFENDE O MONTE PITUCO sobre as críticas ao Pladiga por parte desta Organización que, por outra parte, tense posicionado claramente en contra da instalación do polígono industrial que tanto tempo levamos rexeitando.

Na charla que se celebrou na Biblioteca de Marín, organizada por Anova, participou tamén o secretario de APROPIGA, a Asociación Profesional de traballadores do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta, Sebastián Borragueros. Na súa intervención advertiu que os lumes estanse “desestacionalizando”: no 2011 un dos peores meses foi outubro, e no 2012 as vagas de incendios afectaron principalmente ao periodo marzo-maio.

Sebastián Borragueros tamén criticou os convenios co Exército en materia de prevención-vixiancia (patrullas militares polos montes) e de extinción (a través da Unidade Militar de Emerxencias). Sobre estes últimos chamou a atención sobre os extraordinarios medios materiais e mecánicos que empregan, que fan que os traballadores do Servizo Público de Prevención e Defensa contra Incendios da Xunta parezan -dixo textualmente- “o exército de Pancho Villa”. Fronte ao efecto “propagandístico” destas medidas e os custes que supoñen, que “non compensan”, engadiu, o presidente de APROPIGA foi partidario de optimizar o labor que poden desenvolver nos montes os 2.000 traballadores deste servizo público.

En representación de Anova tamén participou David Fernández, que criticou o “abandono” do medio rural, que se acrecenta con medidas como o peche de escolas. Na súa defensa dun medio rural “vivo” e habitado, David Fernández advertiu que os incendios forestais dos últimos anos superan con creces as dimensións dos lumes de antano, ata o extremo de denunciar a existencia dun negocio en torno a esta grave problemática, que lle reporta un “lucro” ás empresas que se adican precisamente á súa extinción. Se a Xunta asumise directamente a xestión da prevención e extinción dos incendios, pecharíaselles a billa.

Tamén foi moi crítico coas brigadas municipais que se van crear nalgúns concellos ao abeiro dos convenios que favorece a Xunta: están formadas por persoas sen preparación, “designadas dixitalmente”, e sen experiencia para enfrontarse a un traballo tan perigoso. Pola tramitación administrativa que conleva, David Fernández calcula que esas brigadas non se darán posto en marcha ata setembro-outubro, cando xa sexa demasiado tarde para comezar a facer os traballos de desbroce e prevención que lles correspondería.

E por riba de contribuir a “manter estruturas caciquís” pola dinámica de contratación que conlevan esas brigadas, o voceiro de Anova tamén se amosou disconforme co tratamento da Xunta cara ás comunidades de montes veciñais, das que salientou a súa “xenerosidade coa sociedade”.

Sen embargo, como todo o mundo sabe, e en DEFENDE O MONTE PITUCO estamos curados de espanto, hai “comunidades e comunidades”. Porque mentres algunhas son xenerosas coa sociedade e cómpre recoñecerlles o uso multifuncional dos seus recursos para que os beneficios destes espazos redunden en toda a poboación, outras son xenerosas unicamente consigo mesmas e con certos intereses de índole política e económica.

As parcelas privadas que rodean o Monte Pituco están nun estado lamentable de conservación e limpeza. Hainas que están cheas de materia vexetal seca, amontoada ou ciscada. Un perigo de primeira magnitude ao que a Comunidade de Montes non debería ser allea, posto que o lume non coñece fronteiras: o mesmo comeza ardendo nun mato particular e as lapas acaban arrasando o monte veciñal. Onde por certo as pistas están moi deterioradas, rodeadas de xestas e demais maleza. As áreas de cautela dos xacementos arqueolóxicos tamén están cheas de fento e toxo.

Por desgraza, un ano máis, a Comunidade de Montes non mirou polo Pituco, que volve chegar ao verán nunhas condicións preocupantes para librarse dos incendios.

Charla sobre o Monte Galego que se celebra hoxe en Marín.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: