O Monte Pituco é o escenario onde se gravaron, a mediados deste mes de xuño, algunhas escenas da curtametraxe titulada “Mapache Blues“. A idea deste traballo audiovisual parte de Pablo Crespo, que tamén é guionista, actor e produtor. As fotos son de Diego Muñoz, que tamén é o responsable da dirección, edición e montaxe da curta. O resto do equipo está formado por Borja Vasco e Billy Villot (guionistas e actores), Pablo Santos (guionista), Rave (son) e Jara González (maquillaxe).
A gravación de “Mapache Blues” xurdiu dun traballo académico para a asignatura de tecnoloxía multimedia na titulación de Enxeñería Informática que está cursando Pablo Crespo na Universidade de Santiago (USC). Así foi como se reuniu un grupo de amigos de Marín e arredores para crear unha historia e darlle forma nun video que debería ter unha duración de 10-15 minutos.
Diego Muñoz refírese a “Mapache Blues” como “unha pequena curtametraxe amateur, con apenas equipo e sen ningún medio nin orzamento”. O Monte Pituco é o escenario natural onde comeza e remata esta curta. O seu director tivo “moi claro dende o principio” que esta era a localización ideal “polas súas vistas e cercanía ao pobo”.
Sobre o argumento de Mapache Blues, Diego Muñoz prefire non desvelar nada, á espera da estrea. Máis alá do que comezou sendo un compromiso universitario, para os seus artífices o máis importante son os momentos e a diversión que compartiron durante o tempo que lle adicaron a este traballo.
“Agardamos que o monte siga tal e como é, que nos sirva para poder seguir gravando durante moito máis tempo e poder utilizalo en moitos máis proxectos”, afirma Diego Muñoz ao explicar esta iniciativa.
De feito, descubrimos que o Monte Pituco xa fora o escenario no que Diego Muñoz xa gravara un videoclip do grupo de rap marinense Rave&Deigo.
Temos un monte “de película”: fabulosas panorámicas da ría, fauna e flora de singular riqueza, valiosos elementos patrimoniais… Grazas a este grupo de rapaces por apreciar as cualidades do Monte Pituco e por contribuir á súa difusión a través de traballos audiovisuais coma este. Ogallá acade unha nota excelente e sexa un éxito na súa proxección ao público.
Blog de Mapache Blues: http://mapacheblues.wordpress.com
Traballos de Diego Muñoz: http://motxinm.tumblr.com
[…] anos despois da curtametraxe titulada “Mapache Blues“, o artista visual Motxin Muñoz volveu convocar os seus colaboradores no Monte Pituco para […]
By: NOVO VIDEO DE MOTXIN MUÑOZ GRAVADO NO PITUCO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 03/08/2015
at 23:00