O pasado mes de marzo unhas máquinas desbrozaron as marxes da estrada. A chuvia abundante das últimas semanas fixo medrar tanto a vexetación que -a estas alturas de xuño, tres meses despois- na curva da Pena xa invade a calzada e mesmo reborda o quitamedos.
Hai uns días alguén foi ao Pornedo para apañar fento e estrume. Unha tarefa agrícola que se puido recuperar nesa zona grazas a que o circuito ilegal de motorismo quedou practicamente erradicado; unha actividade que impedía que medrara a vexetación natural da contorna e, por tanto, era incompatible co aproveitamento agrogandeiro do monte.
O criticable desta acción foi a neglixencia desas persoas, que deixaron tiradas unhas botellas de cristal rotas a carón de onde estiveron traballando. Terían sido máis educados e menos irresponsables cun ben comunal da parroquia se, unha vez bebido (ou comido, posto que teñen aparecido tamén latas de conserva baleiras) levaran de volta os residuos e os depositaran no contenedor correspondente.
A Comunidade de Montes debería tomar nota dun feito tan lamentable e facer as indicacións oportunas nalgunha asemblea; indicacións que son de puro sentido común pero que, á vista da pouca sensibilidade, cómpre lembrar e remarcar.
Dende o pasado mes de marzo levan tirados estes restos de obra a carón do túnel baixo a Variante, entre A Pena e o Caeiro. Primeiro apareceron os cascallos ciscados. Máis adiante, este verquido incontrolado medrou coa incorporación dunhas bolsas de plástico que no seu interior conteñen máis refugallos procedentes dalgunha obra.
Os restos de obra son un mal endémico no Pituco. Principalmente na pista forestal de acceso ao monte no treito entre o cruce do Regueiriño e a mal chamada área recreativa. Cando o que cómpre aquí é unha actuación urxente para reforzar o firme con xabre ou o material que proceda para cubrir de xeito eficaz as fochancas e fendas que se forman coa erosión.
En realidade, por onde cómpre comezar é pola limpeza dos regos laterais que canalizan a baixada das augas pluviais. Mentres non se resolva o cerne do problema, todo o demais sería en balde. Estamos na época ideal para acometer esa obra tan necesaria antes de que retorne o mal tempo.
Que a pista do Pituco é vítima de constantes agresións é un feito constatado. Estas enormes bolsas de residuos levan tiradas dende o mes de febreiro e a vexetación xa está cubríndoas. O peor dun verquido ilegal é que se chegue a “consolidar”, que o lixo non sexa retirado, que ese feito impune non sexa reparado.
E cómpre volver reivindicar ante a Xunta, o Concello e a Comunidade de Montes a necesidade imperiosa de poñer en valor os xacementos arqueolóxicos catalogados e declarados Bens de Interese Cultural. En DEFENDE O MONTE PITUCO levamos anos demandando unha actuación para limpar e sinalizar os petroglifos do Pornedo e dos Sete Camiños, rodeados de fento e toxeiras, indefensos ante o risco do lume. Non vale a excusa da crise; o desembolso económico é ridículo e a repercusión social xustifica con creces este investimento.
A ristra de fotodenuncias non podía rematar sen reiterar, por enésima vez, a necesidade de instalar novas papeleiras na arboreda a carón da estrada de Figueirido. Tralas queixas da veciñanza pola suciedade da zona, en DEFENDE O MONTE PITUCO volvemos facer un chamamento para que se faga un correcto mantemento desta área de esparcemento. Longamente desaproveitada, podendo converterse nun miradoiro polas súas vistas da zona portuaria e da Illa de Tambo. Pasou moito tempo “a monte”, chea de broza, ata que hai un ano por fin se procedeu á súa limpeza. Dende entón non se ten feito máis nada: a vexetación volveu medrar, o escaso mobiliario do que dispón segue deteriorado, e as papeleiras brillan pola súa ausencia.
Destas queixas darase traslado inmediato ás Administracións e entidades competentes, para que lles poñan remedio á maior brevidade posible.
Rediola, pero que porcos somos! Non aprendemos nunca.
By: pasaba por aquí on 06/07/2013
at 11:23
Afortunadamente hai cousas que van… digamos… “mellorando”.
https://montepituco.wordpress.com/2013/07/11/fotodenuncias-antes-despois/
…Para iren empeorando outras. En fin. A loita continúa.
Saúdos.
By: MontePituco on 16/07/2013
at 17:27