Publicado por: MontePituco | 25/06/2013

PREMIO Á DILIXENCIA

Carta da Xunta en resposta ao escrito de afectación dos petroglifos do Pornedo.

A principios do mes de novembro de 2010 os colectivos comprometidos coa defensa e conservación do Monte Pornedo denunciamos ante o Concello e a Xunta a presenza dun vehículo abandonado que previamente fora roubado e ao que lle prenderan lume nas inmediacións dos petroglifos. Non era a única agresión da que se daba conta: a circulación de pilotos de motos e quads que converteran a zona nun circuito ilegal tamén poñía en serio perigo a integridade deste patrimonio arqueolóxico. Así se expuxo nos escritos rexistrados ante o Concello de Marín e a Xunta, dos cales se deu conta neste blogue; unhas denuncias que tamén recolleron algúns xornais a nivel local:

Roubado en Vigo, artigo do 4 de novembro de 2011.

O eco mediático da denuncia, artigo do 7 de novembro de 2011.

Foi necesario enviarlle un segundo escrito á Xunta porque a Administración autonómica non parecía reaccionar ante a gravidade dos feitos. Por fin, a finais de decembro de 2010, os restos do vehículo calcinado desapareceron do monte.

Retiraron o amasillo de ferros, artigo do 28 de decembro de 2010.

A “solución” ao circuito ilegal de motorismo foi algo máis complexa pola persistencia dos pilotos, algúns dos cales actuaron mesmo con certa agresividade, e a presión do colectivo. Sorprendentemente, a Comunidade de Montes de San Xulián deu en instalar un panel nun dos accesos ao Alto do Pornedo prohibindo expresamente a circulación de vehículos motorizados agás para uso agrícola. A solución non foi inmediata, pero pouco a pouco esa práctica deportiva indiscriminada que agravaba a erosión do terreo e perxudicaba os gravados rupestres foise reducindo ata quedar reducida a casos moi puntuais de pilotos que fan caso omiso da mensaxe do panel e cruzan o Alto do Pornedo en dirección a cotas máis altas do monte.

Excircuito: antes e despois, artigo do 25 de abril de 2011.

Os paneis informativos, por fin, artigo do 20 de xuño de 2011.

…A Xunta, nin estaba nin se lle agardaba. Ata que hai uns días apareceu no buzón unha comunicación do Servizo de Vixiancia e Inspección na que, DOUS ANOS E MEDIO DESPOIS da presentación das primeiras denuncias por eses casos, se informa do arquivo do expedente porque “xa foi retirado o vehículo”. E a respecto da presenza de motos e quads, comunícaselle ao Concello de Marín , ademais de trasladarllo ao Seprona para que investigue a identidade e procedencia dos infractores.

Por suposto, nestes dous anos e medio os veciños non agardamos sentados a que “papá Estado e mamá Xunta” fixeran o que se supón que as Administracións deben facer: velar polos intereses da cidadanía. Se non fose pola preocupación constante e a modesta iniciativa de DEFENDE O MONTE PITUCO e dos colectivos que apoiaron estas queixas, a estas alturas pode que non houbera un vehículo abandonado, senón media ducia deles. E en canto ao circuito ilegal, o mesmo non quedaría monte porque, coma Atila, que non deixaba medrar a herba alí por onde pasaba co seu cabalo, as rodas dos vehículos terían reducido o terreo a unha lameira inerte que tería escorregado ladeira abaixo coas primeiras riadas dos dous invernos que transcorreron neste longo tempo.

Á vista da présa que se dan e da eficacia coa que actúan na Xunta, queda demostrado que “as cousas de palacio van moi, pero que moi despacio”. E que máis nos vale ir por diante, actuar por conta propia na procura de solucións a problemas que se poden eternizar ou que poden agravarse ata extremos irreversibles.


Responses

  1. Parabéns…, a constancia dá os seu froitos!

    • Grazas, amigo de Nebra. Canto traballiño dá o monte cando quen ten que “mirar” por el en realidade mira para outro lado…


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: