Publicado por: MontePituco | 08/04/2013

PRESENTACIÓN DE ‘FOL DE VELENO’ EN MARÍN

Presentación do Anuario Fol de Veleno en Marín.

A Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) vén de publicar o seu Anuario Fol de Veleno 2013, que consta de 200 páxinas e 16 interesantes artigos de temática variada, dende arqueoloxía e historia, ata antropoloxía e estudos literarios. Fol de Veleno presentarase mañá martes, 9 de abril, ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal de Marín, no marco das I Xornadas sobre Patrimonio que organiza Queremos Galego Marín. Participarán o presidente da SAGA, o economista e antropólogo Rafael Quintía, e o profesor Joao Bieitez, responsable do deseño e da maquetación do Anuario.

Ao longo dos vindeiros días irá chegando ás librarías galegas, nas que se poderá adquirir por 10 euros. Malia que este novo anuario contén 70 páxinas máis que a edición anterior e que o coste de produción foi maior, a SAGA decidiu manter o prezo de venda ao público debido á crise económica.

Para o presidente da SAGA, Rafael Quintía, corren “malos tempos para a cultura, entendida no seu senso de creación artística, intelectual e científica” e, por extensión, son malos tempos tamén “para o coñecemento, a investigación histórica e antropolóxica”. Aínda así, e a pesar da falta de recursos e de apoios, a SAGA seguirá “insistindo en achegar un pouco de esperanza e luz no tempo e na terra da barbarie”, como apunta Rafael Quintía no editorial do Anuario Fol de Veleno 2013.

No apartado de antropoloxía, Xabier Moure abre a rolda de artigos cun estudo sobre as lendas e tradicións que rodean a morte nos Ancares. Tamén sobre a morte, Rafael Quintía documenta como se realizaba o pago dos enterros na zona de Mesía. Miguel Losada formula algunhas hipóteses sobre o posible comercio de madeira de teixo dende Galicia cara ao Atlántico Norte na antigüidade. José Luis Cardero analiza o simbolismo das rodas de lume e dos círculos máxicos.

Pola súa parte, Joám Evans Pim escribe encol do concepto de saudade, mentres que André Peña asina un artigo sobre a etnografía galega como rexistro arqueolóxico non intervencionista. Esta sección tamén inclúe senllos traballos sobre chamanismo en Siberia e sobre os costumes dos indíxenas tarahumaras de México, por Carmen Arnau e Carlos Víctor Rodríguez, respectivamente.

Para os lectores interesados na arqueoloxía e na historia, José Gavilanes elabora un rexistro de petróglifos inéditos localizados entre os municipios de Xunqueira de Espadañedo e Esgos. Outros dous informes céntranse tamén en Galicia: Manuel Gago e Antón Malde repasan a situación do xacemento de Torre dos Mouros, na Coruña; e Antón Fernández céntrase no santuario de Pena Furada, no concello de Coirós.

Por outra banda, Marie Claude Auffret comenta a existencia de figuras aviformes na arte rupestre e Pablo Novoa explica o achado de pinturas rupestres na Amazonía venezolana.

O Anuario Fol de Veleno 2013 remata cun traballo de Susi Gesto sobre ourivería; un estudo da obra do folklorista estadounidense Joel Chandler Harris, por Alicia Beatriz López; e un artigo de José Luis Lozano titulado “O home de pedra”.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: