Publicado por: MontePituco | 14/03/2013

PLENO DE MARZO (III): NÚCLEOS DO LITORAL

Eran as 10 e cuarto da noite, había pouco que marcharan dous veciños despotricando -un deles- porque no Pleno só falaban de parvadas. Foi votar a proposta -denegada- do Bng para crear unha comisión de investigación sobre a suposta queima de expedentes, e coa mesma erguéronse coma resortes os da cla do Bloque -a maioría- e saíron da sala. Xa remataran de oír falar do seu libro e o resto do pleno seica lles traía ao pairo.

No seguinte punto, para dar conta das resolucións da alcaldía, Vilaboa pediulle á alcaldesa que dera un turno de palabra para falar do plan de axuste, ao que Ramallo lle contestou que tocaba o punto de “dar conta”. Vilaboa, erre que erre, recorreu ao manido argumento do talante democrático. Ramallo, erre que erre, que era o turno de dar conta. “Non lle interesa!”, exclamou Vilaboa.

Pleno tras pleno, dende que o Bloque voltou á oposición, o papel de Vilaboa é como o dese alumno que incordia na aula, que disfruta poñendo dos nervios o profesorado, que se afana en discurrir comentarios pretendidamente chistosos para divertir o resto da clase, pero que de actitude construtiva e interés por aportar en positivo, nada de nada.

O Psoe presentou unha moción de urxencia sobre os núcleos do litoral. Veiga propuxo que o Concello presentara unha alegación conxunta á moficación da Lei de Costas para que os núcleos que quedaran fóra “atoparan un acomodo” no novo texto legal de xeito que todos quedaran arreglados. O día 12 remataba o trámite no Senado e o Psoe demandou que os núcleos de Marín “poidan aparecer nun anexo para que non haxa que facer ningún trámite posterior que poida contar co visto bo, ou non”, apostillou Veiga, “de Costas do Estado”.

Vilaboa quixo intervir pero era o turno da alcaldesa para replicar a xustificación do Psoe. “Perdón su majestad!”. Bromiñas sen graza, made in Vilaboa o chistoso.

Ramallo expuxo que “non estamos no suposto no que entra a moción” e que a modificación da Lei segue adiante nos termos previstos, “os núcleos de Marín nin tiñan problema”. “Enviamos unha enmenda á Xunta e ao Senado, o noso plantexamento está recollido”, engadiu a alcaldesa, en alusión a que “se asimila o solo de núcleo a solo urbano”. Por tanto, dende o PP anunciaron o seu voto en contra e pedíronlle ao Psoe que retiraran a moción, argumentando que esta cuestión “vaise tratar no Senado e xa se está traballando cos ponentes da lei”. Ramallo insistiulle en que “tal e como está” a proposta de novo regulamento, “beneficia a Marín”, polo que “non vexo adecuada a moción, que non resolve o noso problema”, concluiu a alcaldesa.

“Quen provocou esta moción hoxe foi vostede”, retrucou Vilaboa, que quixo destacar que cando gobernaba o Bloque o tema dos núcleos do litoral tratábase “co máximo consenso” facendo partícipe o PP que daquela estaba na oposición, e os veciños. “Chegou vostede e iso acabouse”, queixouse Vilaboa, que tamén protestou porque non se convocara a comisión e porque o PP dixera “que non había que alegar”. “Vostede crese en posesión da verdade, menos mal que está a prensa”. (Onde vai que marchara a prensa, pero a Vilaboa débelle pasar algo semellante que ao neno do Sexto Sentido, que ás veces ve xornalistas).

O voceiro do Bloque anunciou que o seu grupo apoiaría a moción do Psoe e criticou que Ramallo “vai por libre” porque “apartounos a nós e aos veciños, que non tiñan coñecemento da alegación”. Que problema había en traela aquí?”, insistiu Vilaboa, preocupado porque daba por feito que o PP sacaría “vantaxe” política deste tema. “Volva ao camiño que tiñamos”, rematou Vilaboa.

Pola súa parte, Isabel Martínez Epifanio tamén xustificou que apoiaría a moción porque a actitude do PP parecéralle “unha falta de respecto institucional”. “Enseñáronnos a copia da alegación, dixeron que non era necesario traela a pleno, non os volveron chamar, dixéronnos que alegáramos pero non cando”, protestou a edil de Mar-In. “Se sae ben, mérito seu, se sae mal, da Corporación”, engadiu Epifanio, que coincidiu cos outros en que “non se consensuou” coa oposición.

Veiga continuou dicindo que “todo o mundo dicía que o problema de Marín era único” e que o PP, con esa medida, o que facía era “equiparar” os núcleos de aquí con outros, polo que lle reclamou a Ramallo que defendera a súa “especificidade”. Que tal e como actuaba o PP, a situación dos núcleos do litoral quedaba “á interpretación” de Costas, mentres que, co anexo que propoñía o Psoe, “xa a Lei de Costas dilles que si”.

“Fáltalle razón e sóbralle demagoxia”, respondeulle María Ramallo, que engadiu que “na última comisión do litoral, na que non estivo (en alusión ao propio Veiga), saímos convencidos de que a Lei de Costas era boa, e se hai que facer rédito político, saíu cos votos do PP”, aclarou a alcaldesa, que recalcou que na xunta de voceiros anterior ao pleno déralles unha copia da alegación técnica. “A moción non ten nin pés nin cabeza”, asegurou Ramallo, que lle criticou ao Psoe a súa estratexia de transmitirlle á veciñanza que se o PP non apoiaba a moción socialista daba a entender “que imos en contra dos núcleos”.

Ramallo aclarou que Costas ten “a última palabra, nos guste ou non”, e defendeu que a alegación enviada ao Senado, que o mesmo non prospera, advertiu a alcaldesa, “non era necesario que viñera a pleno”; aínda así, pediulle “desculpas” á oposición “se entenderon que nos tiñamos que volver reunir”.

“Ánimo de ocultar, ningún; de solucionar, todo”, engadiu a alcaldesa. “Está mentindo constantemente”, replicoulle Vilaboa.

“Hoxe tiñamos que estar votando aquí esa alegación co apoio dos veciños e dos grupos municipais”, recalcou o voceiro do Bng apelando ao “máximo consenso e rigor”, e acusando unha vez máis a Ramallo de “insultar” a oposición. A dose de pataqueiradas seguía en aumento: “Eu son celador, son parvo; vostede é xurista, lea”, espetoulle Vilaboa á alcaldesa referíndose á moción do PP. “Vostede pasa de nós, non falou nin cos veciños”. O edil do Bloque segue sen asumir que o de mandar xa se lle acabou, polo menos ata que volva ter unha nova oportunidade de presentarse ás próximas eleccións.

O caso é que o debate desta moción urxente ocupou unha hora máis de pleno. Cando xa Vilaboa non sabía que máis argumentos poñer, porque o seu discurso pasaba de repetitivo, meteu polo medio o tema de Ence, que se o PP pretender facer “perdurar” a fábrica, e insinuou que María Ramallo tería recibido instruccións do seu partido “para non meter baza” no asunto dos núcleos “para non liar o palangre”. Foi falar o experto en palangres dialécticos. Foi falar o que non se aplica para si as advertencias da súa compañeira Pilar Blanco cando se dirixe nun ton desafiante a Ramallo advertíndolle que “non se atreva a facer aseveracións”.

Despois de pedirlle á alcaldesa que convoque para principios da semana seguinte a comisión do litoral, pechou Veiga o debate para confirmar que o Psoe non retiraba a moción e que a pesar de que o PP “a tilda de demagóxica, é a única forma de solución real”.

A moción contou cos votos a favor do Psoe, Bng e Mar-In. Pero quedou rexeitada polos votos en contra do PP.

 

Advertisements

Responses

  1. Que ben retratas ós concelleiros!
    Así son, así se comportan.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: