Publicado por: MontePituco | 13/03/2013

ESTE DOMINGO, ANDAINA POLO ESPAZO SETE CAMIÑOS

Domingo 17 de marzo, andaina polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

A A.C. Almuinha e a comisión técnica do proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños organizamos un roteiro pola zona do Espazo dos Sete Camiños o vindeiro domingo 17 de Marzo, con saída ás 10:00h da Área Recreativa do Monte Pornedo. As persoas interesadas en participar tamén poden presentarse ás 09:45h na Parada de Autobuses de Marín, a carón da Alameda, para dirixirnos en vehículos ao punto de partida.

Con esta andaina, que será guiada polo arqueólogo e historiador Lukas Santiago (membro da comisión do proxecto dos Sete Camiños), vaise conmemorar por anticipado o Día Forestal Mundial -que se celebrará o 21 de marzo-, facendo unha plantación simbólica de varias árbores en distintos puntos do percorrido. Tamén se repartirán bolsas entre os asistentes para recoller o lixo que se atope polo camiño, colaborando así a manter limpos os nosos montes.

Ademais de sumarnos ás actividades do Día da Árbore e de contribuír ao bo estado dos montes, o obxectivo da A.C. Almuinha é colaborar na difusión do proxecto do Espazo dos Sete Camiños e dar a coñecer as zonas que abarca, fronte ás ameazas que fan perigar a súa conservación, entre as que destaca o proxecto de instalación dun polígono industrial no Monte Pornedo. Así pois, faise un chamamento á cidadanía para participar neste roteiro e gozar da natureza e do patrimonio que ofrece este contorno: flora, fauna, petróglifos, mámoas, paisaxe, lendas…

Andaina polo Espazo Sete Camiños organizado pola Universidade de Vigo en xaneiro de 2013.

QUE É O ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS?

Trátase dunha iniciativa que apoian unha vintena de colectivos socioculturais e veciñais de Pontevedra, Marín e Vilaboa. Xurdiu ao abeiro de numerosas xornadas de recoñecemento polos montes e o contorno dos Sete Camiños: un cruce de camiños que os habitantes da zona veñen percorrendo dende tempo remoto. O proxecto pretende converterse nun cruce de vontades, sensibilidades e aprezo polo monte e polo patrimonio herdado dos nosos ancestros. Nun espazo de reducidas dimensións que conforma unha unidade natural, concéntranse numerosos elementos patrimoniais.

O sentido común e as intencións elevadas deste proxecto poden prevalecer sobre calquera localismo para legarlles ás xeracións vindeiras un conxunto de bens patrimoniais de valor considerable, recuperados e ben conservados.

A instalación da Liña de Alta Tensión Lourizán-Cangas e a apertura da Variante de Marín xa danaron os xacementos arqueolóxicos existentes malia as advertencias das Comunidades de Montes. A posterior destrucción da mámoa de Louredo situada en terreos da Brilat, e outras ameazas como o proxecto de construcción dun polígono industrial no monte comunal de San Xulián, fan máis que nunca necesario o impulso a este Espazo Natural e Arqueolóxico ante o descoñecemento e o abandono no que se atopan estes xacementos arqueolóxicos. Como alternativa, cómpre garantir a súa preservación como lugar de esparcemento para a sociedade.

Ante a infrautilización do monte e as agresións sufridas nas últimas décadas, cómpren novas estratexias de xestión dos montes que pasen pola sostenibilidade e a explotación racional dos recursos propios. Os xacementos arqueolóxicos poden desempeñar un papel protagonista: a súa posta en valor pode xerar un beneficio económico, social e cultural para a comunidade local.

A zona do Monte do Pornedo e dos Sete Camiños constitúe un espazo privilexiado, de singular relevancia natural e patrimonial. Esta área, que forma parte da Serra de Domaio e pertence aos Montes do Morrazo, catalogados como Espazo Natural Protexido polas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento, está chamada a converterse nunha extensión natural do Parque da Lagoa de Castiñeiras; un referente que axude a enriquecer e diversificar a oferta cultural e turística da bisbarra.

É labor de todos reivindicar a importancia deste patrimonio histórico, natural e paisaxístico, e esixir de forma inmediata a recuperación ambiental e patrimonial da zona, que permita a explotación racional do monte, con criterios baseados na revalorización dos seus propios recursos.

ENTIDADES QUE APOIAN O PROXECTO: Comunidade de Montes de Lourizán – Comunidade de Montes de Salcedo – Comunidade de Montes de Vilaboa – Asociación de Veciños Estriceres (Lourizán) – Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta (Salcedo) – Asociación de Veciños de San Xulián – Asociación de Veciños de Postemirón/A Graña (Vilaboa) – Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres – Plataforma Defende o Monte Pituco/Pornedo – Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra – Asociación Vaipolorío – Asociación Cultural Almuinha – Asociación Cultural A Pedra Floxam – Asociación Cultural Ronsel – Asociación Cultural Os Chichisos – Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca – Associaçom Cultural Amig@s da Cultura – Sociedade Antropolóxica Galega – Clube de Montañeiros de Pontevedra – Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: