Publicado por: MontePituco | 12/03/2013

PLENO DE MARZO (II): UNHA HORA DEBATENDO A SUPOSTA QUEIMA DE EXPEDENTES

O debate da moción do Bng sobre a suposta queima de expedentes ocupou algo máis dunha hora do Pleno deste mes de marzo.

Pilar Blanco explicou que a primeira vez que o seu partido dera conta deste tema fora na sesión da Corporación do pasado 17 de decembro no turno de rogos e preguntas. A voceira do Bloque pedíralle a acta da Policía local a María Ramallo, que se comprometera a darlla pero que, ao non recibila, o Bng pediuna por escrito agardando recibila no prazo legal de 5 días. “A queima de expedentes municipais está prohibida pola lei, hai que arquivalos, a responsable é a alcaldesa”, advertiu Pilar Blanco, que recalcou a “gravidade dos feitos” e calificounos de “queima clandestina”, polo que lle demandou ao Goberno local a apertura dun expedentes informativo para esclarecer os feitos, tendo en conta que non fora ata o 11 de xaneiro cando o Bloque recibira a acta solicitada.

Pilar Blanco púxose a ler a acta da policía, con data do 30 de novembro, que facía alusión a 126 documentos, “algún con rexistro de urbanismo e número de expedente”. “Que documentos se destruiron e cal foi o motivo para desfacerse deles”, preguntou a voceira do Bloque, que afirmou que a queima de documentos producírase durante “días e días”. “Ocultan información á oposición e no pleno do mes pasado non había informe de secretaría”, criticou Pilar Blanco.

María Ramallo anunciou que o PP votaría en contra da moción, que xa tiña dictame negativo da comisión. A alcaldesa acusou a Pilar Blanco de “sacar vantaxe” deste tema “do que lle soplaran, lle contaran, pedindo informes, dando roldas de prensa e titulares”. Tamén lamentou que os procedementos administrativos “non sempre se fan ben, ou fanse como se pode”. E a partir de aí relatou os cambios de localización habidos en varios departamentos municipais dende que goberna o PP: policía local, aulas de música, servizos sociais, centro de información á muller, enxeñeiro e arquitecto técnico… e as oficinas de medio ambiente e urbanismo que ocupaban Pilar Blanco e Xosé María Vilaboa “nun local alugado que custaba uns euros ao mes”. Que os traslados ocuparan “varias semanas de traballo” nas que non foi necesario recorrer a ningunha empresa externade mudanzas. “Coloráronse expedentes na Sacoa, rotuláronse expedentes e fíxose espazo para arquivar os expedentes das oficinas de urbanismo e medio ambiente, foise limpando e todos os funcionarios colaboraron”, explicou a alcaldesa, precisando que “tiráronse cousas acumuladas, moito papel, o que se fixo foi limpeza”, insistiu.

E recalcou que “o que se destruíran foran copias e fotocopias, non os expedentes”. Dito isto, sacou de detrás da mesa dous arquivadores ao tempo que dicía: “Comprobei persoalmente que estaban os arquivos aos que aludiu o Bloque e tróuxenllos para que, como Santo Tomas, comprobe que o que se triturou foron copias antigas dun expurgo feito polos funcionarios”.

María Ramallo queixouse de que o tema “correra como a pólvora” facéndose crer que no Concello de Marín “fanse fogueiras de San Xoán antes de tempo”. E en resume, para a alcaldesa era “absurdo” apoiar a moción do Bloque.

Fran Veiga seguía na dinámica de falar de todo e de nada: “Estivo facendo limpeza en vez de facer os orzamentos e de buscar fondos económicos, saíunos moi cara”, díxolle o ex-alcalde. O voceiro do Psoe criticou que ata apenas un par de días non houbera informe de secretaría sobre este particular e denunciou que era “a primeira vez que se destrúe algo así”. Non paga a pena intuir o que debeu facer Veiga cos numerosos escritos presentados por Defende o Monte Pituco pedíndolle unha simple xuntanza. A súa síndrome de Dióxenes ten carácter selectivo.

Na súa réplica, Veiga asegurou que co que gastara o Goberno local na festa moteira do pasado ano pagábase o aluguer da oficina de urbanismo durante catro anos, e que por culpa de que a Policía local xa non estaba na Casa Consistorial, a interventora pechábase no seu despacho porque nunha ocasión “alguén asustouna”. O ex-alcalde acusou a María Ramallo de que “oculta e secuestra información” e que “garda no caixón información importante” que precisa a oposición para fiscalizar o Goberno local.

E se o equipo de Goberno “atara curto” a información que manexa, aínda que non debera facelo, por máis que si o faga, non é de estrañar, tendo en conta como actúan os principais partidos da oposición, con mala fe que disfrazan de bonhomía e de entrega á causa da veciñanza marinense. Falsos uns e falsos outros. Por algo a política e os políticos non contan coa confianza da cidadanía, que se sente “vendida” ante unha clase dirixente que utiliza o poder en beneficio propio ou dos seus achegados.

Pola súa parte, Isabel Martínez Epifanio criticoulle ao PP que na anterior lexislatura criticábanlle ao bipartito a “falta de transparencia” que agora exercen os populares dende o goberno local. “A explicación pode convencerme, o que non entendo é por que, se todo é tan fácil, levamos dende decembro esperando a que este tema sexa transparente”, argumentou a concelleira de Mar-In. “Iso fai sospeitar que hai algo detrás que non queren contar”, engadiu Isabel Martínez, que tamén aproveitou o seu turno para queixarse de que o PP incumpre a ordenanza do galego. [Aínda que nesta crónica se emprega o galego, María Ramallo fixo a súa primeira intervención en castelán].

O xeito no que alcaldesa lle respostou ao Bloque e as acusacións que verqueu contra os concelleiros nacionalistas incomodou moito a Pilar Blanco: “Se lle molesto con temas que a comprometen, reacciona faltando ao respecto, trata de ofenderme cos seus insultos pero non me afectan”. Pilar Blanco facíase a ofendida con ese ton indolente e antipático que a caracteriza. Tratou de defenderse explicando que cando sacara a colación o tema da queima de expedentes “non había xornalistas nin case público” na sala. O que non dixo Pilar Blanco é que cando os xornalistas marchan da sala, ao día seguinte non lles falta tempo a Vilaboa e mais ela para irlles contar aos informadores todo canto perderon de oír e apuntar, con pelos e señales en versión bloqueiril.

A concelleira do Bng tratou de contrarrestar o que a propia Pilar Blanco calificou como un “golpe de efecto” da alcaldesa poñendo as dúas carpetas sobre a mesa presidencial: “Eses expedentes non se queimaron porque chegou a policía e precintou”, retrucou Blanco, “e se abrira o expedente, saberiamos que se queimou durante varios días nun bidón”. E aproveitando que o Lameira pasa por Marín, Blanco fixo por gañar puntos gabando a policía local: “Menos mal que a un policía que pasaba por alí chamoulle a atención, non pasou de todo, e por iso non nos quede dar as actas”, engadiu a voceira do Bloque, remachando o que xa dixeran os seus homólogos da oposición: “a transparencia brilla pola súa ausencia”.

María Ramallo tomou boa nota dos argumentos de Veiga e Blanco. Ao primeiro espetoulle: “A miña hora custa o mesmo que custaba a súa” e, botándolle en cara a súa anterior experiencia como alcalde, reprochoulle que “sabe cal é o persoal da ‘Casa’, que non hai arquiveiro no Concello, e se quere ensínolle as fotos de como o encontrei”, advertiulle, lembrando que “había séculos que non se facían expurgos” de papeleo. E acusando a oposición de “ser máis papistas que o Papa”, volveu insistir no argumento anterior: que só se tiraran “fotocopias, o gordo”, que os expedentes estaban na secretaría e todo o demais, de 8 ou 15 anos atrás, podíase tirar.

A alcaldesa gardaba outro as na manga: comezou comentando que levaba anos preguntándose que había no interior dunha caixa de cartón que había no alto do moble da sala onde se celebra a xunta de Goberno, e coa mesma sacou unhas fotos que dende a zona do público non se vían ben. Nos bancos da oposición, os do Psoe e os do Bng agacharon a cabeza e comezaron a comentar entre eles. María Ramallo non paraba de dar brasa: que apareceran cabichas de cigarrillos no medio da documentación, que as actas da policía local “remitíanse á alcaldía” de toda a vida, tamén de antes.

E terceiro tanto a prol da alcaldesa, defendendo o traballo do persoal municipal, que “se deslomaron traendo caixas dende urbanismo”. Tamén lembrou cando anos atrás os movementos de documentación se facían “tirando todo” nun contenedor, “e non por iso presentei unha moción”, criticou a alcaldesa que, antes de asumir “toda a responsabilidade”, tamén lle disparou un dardo a Pilar Blanco: “O que levou a empresa de destrucción de documentos foron copias, non o poña en dúbida”, ao que engadiu que dita empresa puxérase en contacto con Pilar Blanco para ofrecerlle o seu servizos ao concello no anterior mandato “e a vostede non lle interesou”. Pilar Blanco, por suposto, puxo o berro no ceo.

Fran Veiga volveu repetirse, intentou restarlle importancia ao comentado por María Ramallo sobre as actas da Policía local argumentando que esas actas, dende a alcaldía, “remitíanse aos departamentos”.

Pero do que non deu unha explicación convincente nin coherente foi sobre esas misteriosas fotos que abaneara María Ramallo e que resultaron ser… MATERIAL PARA SACRIFICAR CANS ABANDOADOS. Segundo a versión de Veiga, ese material deixouse enriba do moble “PARA QUE NON O TOCARA NINGUÉN”. Pero quen pulula polas dependencias municipais entón? Nenos ou persoas adultas? Que fai un material desas características criando ácaros e telarañas dentro dunha caixa? Non hai quen o devolva a quen o enviou ao Concello? Que máis sorpresas macabras deixou o bipartito despois de perder as eleccións?

Volveu intervir Isabel Martínez Epifanio, para facer unha reflexión ben oportuna: “Quen saca beneficio disto é o Bng”. En opinión da edil independente se o Goberno local non levara catro meses “dándolle voltas” teríase aclarado antes e a estas alturas tampouco habería “problema” en crear unha comisión de investigación.

E nesas estaba cando de súpeto interrompeu o seu discurso e fíxolle un rogo á alcaldesa: “Mentres non haxa un regulamento de participación cidadá, que non falen outros mentres falamos os concelleiros”.

Sorpresa na sala. Efectivamente, na primeira fila do lado a carón dos bancos do PP, dous veciños falaban entre eles, non en voz alta, pero as súas voces por veces facíanse sentir. Un deles, o voceiro dos veciños de Seixo, Antonio Conde, dirixiuse directamente a Isabel Martínez Epifanio: “É por min?”, interpelouna. A concelleira de Mar-In permanecía seria, mirándoo pero sen abrir a boca. María Ramallo pedíalle silencio a Antonio Conde, que de súpeto ergueuse en actitude de abandonar a sala mentres profería: “Marcho, non veño a oír parvadas, falen de cousas importantes, do centro de saúde…” E con el ergueuse tamén o otro veciño. Non obstante, volveu Conde sobre os seus pasos porque coa precipitación esquecíalle a chaqueta que, curiosamente, -así de estreito debe ser o seu nivel de confianza co bando popular- tiña pendurada da balaustrada que separa os bancos das cadeiras do público.

Mentres isto acontecía, había otro grupo de veciños que polo baixo exteriorizaban a súa satisfacción polo feito de que Antonio Conde saíra da sala. Era os da cla do Bloque, sentados do lado onde están os bancos da oposición. Alegrábanse porque un veciño simpatizante do PP fora apercibido. En cambio, ninguén da oposición os apercibe a eles cando entre eles establecen unha especie de pleno paralelo, rindo cando rin Vilaboa ou Blanco, criticando as votacións que perde o Bloque ou jaleando os concelleiros nacionalistas. A cla do Bng, xente con criterio, e leal, moi leal.

Retomouse o debate: Pilar Blanco xa levaba tres turnos de palabra e non aportaba nada novo, máis que reproches. “Quedamos con máis dúbidas pola actitude pechada do Goberno e os que temos a culpa somos os que denunciamos”. Que lle poñan unha estatua a esta muller, que sería de Marín sen os escándalos que destapa, que a contraten o CNI, a CIA e a KGB para velar pola paz mundial.

“Atrévese a facer aseveracións, vostede que se cre”, espetoulle a María Ramallo en alusión ao comentario sobre a empresa de xestión de documentos. O seu ton era cada vez máis alterado. “Temos que agantar insultos, faltas de respecto, nós que molestamos non podemos exercer as nosas actas de concelleiros”. Pilar Blanco xa empezaba a desviarse por outros derroteiros: “Acumula incumprimentos, sobre o plan de axuste o informe é demoledor”. A voceira do Bloque seguía enfadada, coa vea hinchada e a voz de pito que se lle pon cando berra: “Non chamei a ningunha empresa, non queimei ningún papel, se seguimos con isto vostede sae comprometida”, seguía ameazando Pilar Blanco, que en vez de rematar o debate dunha santa vez logo dunha hora dándolle á moa, deu en ler unha segunda acta da policía local, como tratando de recalcar que o PP “oculta, pon de escudo os funcionarios e a secretaria”.

Está claro que Pilar Blanco non sabe medir os tempos, trata de dosificar a información que esgrime para non gastar todos os foguetes nun único estalo, pero a súa estratexia non é operativa, máis ao contrario resulta esgotadora e cansina ata o hastío. “Siga, siga así, queime documentación, cambie o regulamento para que non poidamos preguntar, que se este concello ten sona de algo é culpa da alcaldesa, que ten fama de dictadora”. Tomadofrascocarrasco. O que hai que oír. Pilar Blanco, que foi tenente alcalde dun rexedor municipal que non recibía os veciños que lle pedían entrevistas para “molestalo, denunciar, comprometer, cuestionar”… Todo o que ela lle critica agora a María Ramallo xa o avalou o Bloque nun goberno bipartito cuxa xestión chegou ao Valedor do Pobo por ser belixerante e nada receptivo á parte da veciñanza que lle esixía explicacións.

Foi oir María Ramallo a palabra “dictadora” e chamou á orde a Pilar Blanco: “Non me falte ao respecto”. Señora Blanco, o respecto que lle reclama ao equipo de goberno ten que ser recíproco. En definitiva, a alcaldesa lembroulle a Pilar Blanco que levaba máis de 15 minutos facendo uso dun terceiro turno de palabra e antes de dar paso á votación, espetoulle: “Se este concello ten gama de que se queiman expedentes, é culpa súa”.

Na votación, Bng, Psoe e Mar-In votaron a favor. O PP tumbou a petición da comisión de investigación votando en contra da moción. Eran as 10 e cuarto da noite e aínda quedaba moito pleno por diante

Que non te líen con dimes, diretes e crónicas a medias deste, do otro e do de máis aló. Sucedeu así. E así queda exposto no blogue Defende o Monte Pituco.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: