Publicado por: MontePituco | 11/03/2013

PLENO DE MARZO (I): MATRIMONIOS CIVÍS, DESAFIUZAMENTOS

De 8 da tarde a 12 e media da noite. Catro horiñas e media ‘de nada’. Todo un detalle rebaixar en 30 minutos o maratoniano e agre pleno de febreiro. Igual en abril nos sorprenden e a sesión mingua outros 30 minutos máis. Cousa insoportable!

Aprobáronse as actas pendentes de xaneiro e febreiro. Isabel Martínez Epifanio pediu que se corrixira na acta do mes anterior a frase na que se indicaba que a edil independente non tiña preguntas: “Non é que non quixera, é que non puiden”, argumentou, en alusión ás difíciles condicións nas que rematou ese pleno.

A concelleira Marián Sanmartín leu o manifesto co gallo do Día da Muller, que se aprobou por unanimidade.

No seguinte punto da orde do día, referente á implantación dunha taxa que gravará os matrimonio civís que se celebren no Concello, o concelleiro Manuel Santos tratou de xustificar os 55 euros que custará este servizo.

Francisco Veiga anunciou o voto en contra do grupo municipal socialista e expuxo que “o día máis feliz” das parellas que queiran casar en Marín debería ser de balde, como nos últimos 12 anos de goberno socialista. E máis “no momento actual”. Que polos 1.300 euros anuais que se recadarían con esta taxa, abondaría con eliminar un “pincho” -léase piscolabis ou paparota- dos que se celebran no Concello para non cobrar. “Xustifícase un gasto de 55 euros, como se foran 70 ou 80”, engadiu, argumentando que o persoal necesario poderíase cubrir con “xente de gabinete”.

Isabel Martínez Epifanio coincidiu con Veiga en que “non é o momento” e criticou que “os números que se fixeron son elevados” porque o custe pola hora e media de traballo do conserxe é excesivo e os trámites administrativos realízanse en horario laboral.

Santos Costa replicou que noutros concellos cóbranse ata 90 euros por este servizo e que 55 euros “non é costoso tendo en conta o que se gasta nunha celebración coma esta”.

No seu segundo turno de intervención, Veiga xa comezou a repetirse e a esbardallar: ademais de recalcar que o cálculo da cuantía da taxa “adolece de rigor técnico” e de tildala de “abusiva”, deu en rememorar que, na súa etapa á fronte da alcaldía viña celebrando de 70 a 80 vodas anuais de “parellas de todo tipo, unhas que poden gastar máis de 3.000 e outras que non poden gastar nada”. Dramatismo en vea. E o que lle chaman mesturar churras con merinas: “Están subindo todas as taxas, fan máis operacións de crédito, un plan de axuste e non conseguimos nada con vostedes no goberno”.

Malia acabar absténdose, Isabel Martínez Epifanio facía seguidismo das teses de Veiga e atribuía a implantación da taxa ao plan de axuste: “É o que non nos queren dicir, que todo o que pasa polo Concello hai que cobralo”, protestaba a edil independente, que pedía unha rebaixa da taxa: “Os criterios de valoración non son obxectivos, utilizan parámetros que non se corresponden coa realidade, por non dicir que ningún conserve lles vén por 20 minutos, porque non lles compensa”, explicou.

Por último, Santos Costa expuxo que fora o tesoureiro municipal o que realizara o informe, que xustificara as cantidades “en base a algo, e xa non poñemos o detalle” que reciben os constraíntes a modo de agasallo do Concello. “É demagóxico dicir que lle arruinamos a vida a alguén”, espetoulle o concelleiro de Facenda a Veiga.

A taxa aprobouse cos votos a favor do PP, o voto en contra do Psoe e a abstención de Mar-In e do Bloque, que non meteu baza no debate deste punto.

Máis movido foi o tema seguinte, a moción presentada pola Plataforma de Afectados polos Desafiuzamentos no Morrazo para demandarlle ao Goberno unha reforma da lexislación que beneficie os cidadáns que puideran perder a súa vivenda: a dación en pago, a creación dunha bolsa de vivenda social, a posibilidade de converter a hipoteca nun aluguer foron algunhas das propostas que se lle trasladarían ao Congreso e ao Senado. No tocante ás medidas dende o ámbito local, a moción recollía a colaboración dos servizos xurídicos do Concello “nos casos que o requiran”.

A concelleira Marián Sanmartín explicou que xa no Pleno de xaneiro tratárase unha moción semellante que non contara co apoio do PP e que esta cuestión volvía tratarse no Pleno trala xuntanza celebrada co voceiro da Plataforma, Francisco Asensio.

Veiga agradeceu que o PP apoie a moción, algo que atribuíu ao “cambio de ponente”, xa que no pleno anterior a moción debatérase previamente na comisión de Urbanismo e Facenda, mentres que nesta ocasión tramitouse a través de Servizos Sociais e Medio Ambiente. “Apoiarémola porque apoiámola antes, pero é unha tomadura de pelo”, criticou o voceiro do Psoe, que tamén se queixou de que a oposición non fora convocada a esa reunión coa Plataforma. Polo medio, Veiga referiuse á anterior moción do Bloque Nacionalista GaLLego -“Galego”, corrixiuno Vilaboa, que parece atento ás observacións que se fan desde este blogue- e chamou a atención a respecto de que nesta ocasión o polémico “punto 11” que os populares rexeitaran hai dous meses, agora inclúese no documento.

“Non creo que recapacitaran”, afirmou Pilar Blanco, para quen o feito de que fora a Plataforma a que rexistrara a moción motivou que o PP recuncara no tema. Tamén culpou o PP de que non prosperara a anterior moción: “Negáronse a tratala se non se retiraba o punto 11” referido ás medidas de competencia municipal, insistiu a voceira do Bng, que cuestionou que, por moito que a moción fose aprobada, non se cumpriría. E ao igual que Veiga, queixouse de a oposición non participara na reunión coa Plataforma, celebrada “despois da nota de prensa na que a Plataforma desmontou o dito pola alcaldesa”. Pilar Blanco, que discrepou do Goberno local cando afirma que en Marín “non hai afectados”, reclamou a convocatoria da comisión de seguemento dos desafiuzamentos coa participación de técnicos de consumo, a asistenta social e o asesor legal do Concello, argumentando que no taboleiro de anuncios do Concello xa figuran 3 anuncios do Xulgado por execucións hipotecarias coas vivendas en poxa “e xa non hai nada que facer”.

Máis crítica foi Isabel Martínez Epifanio, e tamén algo máis precisa que os demais á hora de recordar o debate da moción no pleno de xaneiro: “o PP estaba disposto a aceptar que se eximira do pago de plusvalías os afectados, pero do resto das propostas dixo que non eran viables”. “Cal é o seu funcionamento como partido, toman en serio o que se aproba en pleno ou non? Suponse que traen os temas estudados”. A voceira de Mar-In tamén pediu a convocatoria da comisión de seguemento e sumouse á protesta dos anteriores grupos por seren invitados á reunión coa plataforma, cuestionando a “transparencia” coa que actúa o Goberno local. “Por que cambiaron de criterio co punto 11º, vostedes negáronse a chegar a un acordo”, recriminoulles.

Marián Sanmartín contestou que o Goberno local non recuaba e que a moción deste mes “non é a mesma moción” que a anterior presentada polo Bng: “O Bng pedía que o asesor dedicara todo o tempo necesario”, afirma a concelleira de Servizos Sociais, apelando á acta: “Santos Costa di que está de acordo cos 10 puntos pero non co toque do Bng”. Sobre o encontro co representante da Plataforma, dixo que “explicóuselle por que o PP rexeitara a moción, que se pactara se quería que se volvera presentar, e que como o voceiro pedírao” por iso volvía á orde do día.

“Nós non dixemos que non houbera afectados”, replicou Sanmartín sobre as acusacións de Pilar Blanco: “Non temos coñecemento de casos nos Servizo Sociais”, matizou, “a nosa sorpresa foron os tres casos que aparecen no taboleiro de anuncios”. Que a raíz diso, Servizos Sociais confirmáralle que non tiñan coñecemento da existencia de afectados e contactara coa entidade bancaria. “O normal é que para convocar a comisión haxa algún caso a tratar”, engadiu Sanmartín, pero que tratándose de “temas privados”, era preciso contar co permiso dos afectados para tratar os seus casos. Polo demais, que o Goberno local xa tiña pendente de aprobación un convenio co Colexio de Avogados para colaborar na atención a estas situacións.

E para rematar, Marián Sanmartín espetoulle á oposición que a vontade do PP sobre este tema era “apoiar sen coletillas que queiran desprestixiar o traballo do Concello, sen meter broza”. Titubeou bastante a concelleira do PP na elección da palabra. Dixo broza, pero a piques estivo de dicir “merda”. Mais contívose, para disgusto de Veiga e de Blanco, que xa tiñan o incisivo afiado para chantarllo na iugular no caso de que Marián Sanmartín consumara -”consumar”, palabra que tanto lle gusta a certo líder sindical- o exceso verbal.

Veiga atopou nos argumentos de Isabel Martínez o apoio perfecto para afondar na súa particular teoría do caos, tratando de probar a existencia de “contradiccións e problemas internos” no PP local. “Santos Costa obrigou a retirar o punto 11 completo que é o que traen aquí”, dixo Veiga. “Mentira”, interrompeuno o aludido. “Están traendo a mesma moción, agora presionados pola Plataforma, e onde o concelleiro dixo digo, agora non se atreve ou non lle deixa, e tráea vostede”, en alusión a Marián Sanmartín. “A xente cansa de que non se tratenn as cousas”, recalcou Veiga, que xa estaba embalado proferindo toda clase de descalificacións: “pitorreo, vergoña, merecemos respecto”.

Dun tempo a esta parte o Psoe e o Bng puxéronse de acordo para calificar de “insulto” as críticas máis ou menos lexítimas que reciben do PP -neste pleno, de feito, verase en repetidas ocasións como exercitan esa estratexia do victimismo- pero, en cambio, Veiga&Blanco&Muradas&Vilaboa e demais compañía abriron a veda para chimparlle ao PP canta palabrería negativa haxa no diccionario -mellor canto máis potente-. En boca de calquera membro do PP, a palabra “pitorreo” dirixida ao Bng e o Psoe tómana automaticamente por un “insulto”; non así no caso do Psoe e do Bng, que poden falar de “pitorreo, vergoña”… “jauría”… “Bárcenas”… Inxuria, que algo queda, vén sendo a paupérrima filosofía destes francortiradores da política local.

Pilar Blanco non quedaba tranquila se non metía a pulla do asesor “da alcaldesa” que cobra 283.000 euros do Concello. Dende o Bloque insistiron en acusar o Goberno local de “non ter interese en facer nada polos afectados” e reclamaron “que se acredite que non hai afectados”. Dun xeito parecido a como tratou de ridiculizar o concelleiro do rural no debate sobre o muro de Mogor no pleno de febreiro poñéndoo en evidencia pola súa falta de experiencia, Pilar Blanco tamén se dirixiu a Marián Sanmartín asegurando que a vía “bastante perdida neste tema” e ofrecéndolle “colaboración” do Bng, como quen lle perdoaba a vida. A voceira do Bloque insistiu en facer quedar mal o PP asegurando que se dirixira ao Colexio de Avogados, onde lle dixeran que “ninguén do Concello de Marín” chamara a esta entidade. A alcaldesa e a concelleira de Benestar Social e Medio Ambiente resoplaban.

“Enfádame que me tachen de mentireira”, indicou a edil de Mar-In, recalcando que a acta da comisión de Economía e Facenda dicía que Santos Costa apoiaba “os 10 puntos, e non me puxen de acordo co Psoe e co Bng para dicir que houbera unha proposta de retirar o acordo, intentouse chegar a un acordo”, engadiu. Isabel Martínez argumentou que “como nas comisións informativas non asiste público, non se radia” o que se di ou deixa de dicir. E volveu criticar o PP por “enmendarse a si mesmos”, cousa que fai “difícil saber como respiran”.

Por alusións, Santos Costa ratificouse no dito na comisión que el preside. “O mérito é do representante da Plataforma, que nos aclarou a filosofía da moció, convenceume a min e o meu partido, e somos un partido flexible”.

“Van falar todos?”, queixouse Vilaboa cando viu que María Ramallo tamén ía tomar a palabra. A alcaldesa expuxo que o feito de que non houbera constancia de afectados que se dirixiran ao Concello “non quere dicir que non haxa casos”. E aínda así, “non en todos pode intervir o Concello”. Tamén desmentiu a Pilar Blanco asegurando que unha concelleira “falara persoalmente” con Juan Carlos Abeigón e Victor Lorenzo Abelleira, directivos do Colexio de Avogados, sobre o borrador do convenio listo “para ser firmado”. María Ramallo comprometeuse a reunir a comisión de seguemento e concluiu dicindo que “rectificar no noso caso pode ser positivo”.

Pilar Blanco pediu que a comisión se xunte este mes e que se acrediten os datos. Isabel Martínez dirixiuse a Santos Costa para que teña en conta, na elaboración do orzamento, que a moción prevía “habilitar un fondo especial”.

Este punto aprobouse por unanimidade. Eran as 9 da noite.

 


Responses

  1. Acordaron cobrar 55 Euros polas bodas. Pero…
    Os bautizos civís instaurados por Fran Veiga van continuar sendo de balde?

    Unha vez mais agradézoche o exercicio de pacencia que fas coa crónica dos plenos.

    • Dos bautizos civís non dixeron ren, nin os do PP, que moi probablemente non estean polo labor de “publicitar” esa fórmula de “benvida” á sociedade tan chiripitifláutica, nin o propio Veiga, “pai” da criatura, que igual non está demasiado orgulloso da súa “obra”, a tenor da case nula demanda.
      Grazas pola visita ao blogue e por confiar na crónica. Porque á vista do que se le e se oe logo por aí, dá a impresión de que existen plenos paralelos. Saúde!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: