Publicado por: MontePituco | 06/02/2013

PLENO DE XANEIRO (IV): DOS DESAFIUZAMENTOS ÁS PREFERENTES

O PP introduciu unha moción urxente sobre a situación dos afectados polas participacións preferentes e obrigas subordinadas de Novagalicia Banco. María Ramallo pediu o apoio da oposición ao documento, no que se lles transmite “comprensión e solidariedade” aos afectados. A moción aposta apostaba pola arbitraxe de consumo como vía para que os perxudicados puideran recuperar os seus aforros, sen quitas. “Que o Ministerio de Economía interceda ante as autoridades para que non se produzan e, se as hai, que sexan as menores posibles e a través de canxes”, matizaba o texto.

Dende o grupo socialista, Carmen Villanueva demandou que a moción inste explícitamente á Xunta, xa que é o Goberno autonómico o que ten a competencia exclusiva no ámbito da arbitraxe de consumo. Ademais, “que a quita sexa cero”. E queixouse de que antes de presentar a moción, o PP tiña que ter contactado cos voceiros dos grupos da oposición, que se enteiraran “pola prensa”.

Pola súa parte, Xosé María Vilaboa anunciou que o Bng ía absterse na votación, se ben o seu partido tamén rexeitaba as quitas e reclamaba a devolución do 100% dos cartos. “A moción está ben, pero para quedar ben”, criticou Vilaboa, que non confía na arbitraxe, senón nunha “solución política” a esta problemática. “Hai xente que se acolleu á arbitraxe en febreiro, agosto, e aínda non cobraron, e outros que presentaron a reclamación despois, xa cobraron”, criticou o voceiro nacionalista. “No que estamos de acordo é que isto é un roubo, pero a solución non chega”.En todo caso, para condicionar o seu apoio á moción, o Bng propuxo a modificación do texto da moción: “…para que a través do FROP se devolvan os cartos e se rexeite calquera tipo de quita”.

En canto a Mar-In, Isabel Martínez tamén protestou porque o PP “enviou onte o texto da moción á prensa e hoxe rexistrárona”. A edil independente acusou a María Ramallo de ser “populista” e deixou constar que “antes das eleccións había overbooking de arbitraxes e logo parouse”. Para Isabe Martínez, a moción do grupo de Goberno era “pouco contundente” porque o texto recollía expresións como “sería desexable”. Dende o seu punto de vista, a moción tiña que quedar “sobre a mesa” para que os grupos municipais puideran consensuala.

María Ramallo replicou que non había “ningún problema en incluir os puntos que queren”, tanto no que respectaba en instar á xunta, como en plantexar a eliminación das quitas. “Esta moción se leyó en la Diputación con más de 30 alcaldes y todos estuvieron de acuerdo”, explicou Ramallo, insistindo en que nin era populista nin quería “politizar nin o máis mínimo”, pero que “algo habería que recoñecerlle á Xunta”. Nese sentido, negou que os laudos estiveran “parados”, senón que “vanse tramitando segundo chega a conformidade do banco”. No caso de Marín, sinalou que había máis de 600 solicitudes de arbitraxe e recoñeceu que a problemática está nun “momento crítico”, polo que “o importante é chegarmos a un acordo unánime”, concluiu.

Finalmente, introducíronse os cambios, a alcaldesa volveu darlle lectura e foi aprobada por unanimidade.

A continuación, o BNG presentou outra moción urxente para pedir o arranxo do cruceiro da Pardavila, que resultou danado en 2011 a consecuencia do impacto dun vehículo. Trátase dunha “importante peza do patrimonio local”, afirmaron os nacionalistas, que acusaron o PP de “non darlle importancia á restauración” deste cruceiro. Como se o Bng se caracterizara pola súa denodada defensa en prol da protección do patrimonio: os petroglifos de Pornedo e Sete Camiños -afectados directamente polo proxecto do polígono industrial- non recibiron nin un céntimo do estirado orzamento do anterior bipartito municipal para limparlle os fentos arredor, nin para trazar un perímetro de seguridade ao estar xusto a carón dun camiño transitado mesmo por vehículos motorizados, nin para unha sinxela sinalización. Como dixo o propio Vilaboa na moción anterior: “hai mocións que están ben, pero para iso, para quedar ben”.

Manuel Santos Costa explicou que o Concello tardara en contratar un técnico, unha circunstancia que atribuiu á “lentitude dos organismos”, e puxo como exemplo os 4 anos que tardaron en restaurar un cruceiro en Campañó. “O importante é que se vai arranxar”, concluiu.

A moción aprobouse por unanimidade.

Seguiu Pilar Blanco para pedirlle á alcaldesa “que nos entregue as respostas das preguntas do pleno anterior”, ao que María Ramallo lle contestou que “en ano e medio levamos contestadas máis preguntas que vostede”.

Francisco Veiga encadeou varias preguntas: Que vai facer o concelleiro de Urbanismo, se se pediran responsabilidades ao técnico sobre a licencia na Brea; a moción do Psoe sobre a modificación da Lei de Costas, se estaban “fóra de tempo”; e cando se ían “xubilar os orzamentos do 2008 “que lle serviran para tanto” ao PP no ano e medio que levaba gobernando.

María Ramallo contestou que non se lle pedira ningunha responsabilidade ao técnico municipal en cuestión; que habería unha reunión con técnicos de Costas; e que se estaba traballando no “ansiado” orzamento.

Francisco Veiga tamén preguntara sobre as xestións de Marín en relación coas ofertas dos concellos de Ponte Caldelas, Barro, Pontevedra e Vilaboa sobre o chan industrial asociado ao porto. María Ramallo respondeu que lle contestaría por escrito. Este tema xa se plasmou nun artigo anterior titulado “PLENO DE XANEIRO (I): PORTO E CHAN INDUSTRIAL“.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: