Publicado por: MontePituco | 05/02/2013

PLENO DE XANEIRO (III)

Estamos na conta atrás para a celebración do novo Pleno ordinario, e nós con estes pelos, sen ter repasado a maior parte do que deu de si a longa sesión de xaneiro. Non tan longa, malia todo, como as case 6 horas que durou o pleno de decembro de 2012, que ata a alcaldesa no inicio tivo que excusarse porque a acta -ao cadrar coas vacacións de Nadal- non estaba rematada.

O primeiro punto da orde do día foi unha moción urxente do BNG sobre os desafiuzamentos. Pilar Blanco comezou a súa intervención queixándose de que, a diferenza dos demais partidos, o PP votara en contra da proposta na Comisión de Urbanismo e Facenda. A voceira nacionalista expuxo datos sobre a crecente afección desta problemática, que de xaneiro a xuño de 2012 aumentou un 15%, e demandoulle ao PP “que deixe de poñer panos quentes” e defenda a modificación da Lei Hipotecaria.

Criticou tamén que a pesar de que o ano pasado todos votaran a favor dunha moción semellante, sobre o compromiso de crear unha comisión de seguemento cos afectados, dende entón só se convocara unha reunión, pero sen a participación de ningún técnico nin representante da plataforma de damnificados. O grupo municipal do BNG propuxo a aplicación de medidas a nivel municipal, como a eliminación do imposto de plusvalías, a revisión dos protocolos de atención social e -velaí a nai do año– que o asesor xurídico da alcaldía atenda os afectados. “Isto non ten que se un problema para o Goberno local”, engadiu Pilar Blanco, que se reservou “para a segunda parte do debate” outra batería de argumentos.

María Ramallo ía cederlle a continuación o turno de palabra ao socialista Francisco Veiga que, sorprendentemente, non quixo seguir a orde habitual no debate das mocións. Manifestou o seu desexo de intervir, pero despois do PP. “Non é ese o criterio”, contestoulle María Ramallo con certa resignación, intuíndo que a estratexia de Veiga ía consistir unicamente en atacar a réplica do grupo de Goberno. Se o ex-alcalde actúa así é, sen dúbida, porque o seu propio discurso é tan feble e tan pouco consistente, que soamente intervindo a posteriori é capaz de acadar un plus de efectismo. Trátase dunha manobra que evidencia a inseguridade do Psoe á hora de expoñer os seus plantexamentos, porque reservándose por capricho a intervención en último lugar, por diante de Mar-In, adquire vantaxe dialéctica ao poder atacar directamente o discurso do PP. En calquera caso, como o tenente alcalde Santos Costa tampouco se caracteriza polo seu pico de ouro, precisamente, o empeño de Veiga por ir despois do PP é ante todo e sobre todo unha inmensa ridiculez. Pero alá el.

Santos Costa, en definitiva, explicou que o PP está de acordo en todo o que plantexaba a plataforma, pero que discrepaba do BNG -que sempre tiña que dar a nota, ou algo así dixo- no último punto da moción, referente ao asesor xurídico. “Non é viable”, dixo o concelleiro popular, argumentando que o asesor da alcaldía “non está contratado para defender intereses particulares”. Así, o apoio do PP á moción dependía de que o BNG retirara ese punto; e se non, aínda que o PP votara en contra da moción, a plataforma podía contar co apoio dos populares.

Despois de Santos Costa tocáballe a Francisco Veiga: canta expectación por saber o que ía contar. Emoción, intriga, dor de barriga. Que datos reveladores aportaría, que sesuda contra-réplica ás palabras do voceiro do PP. Total, para nada: leña verde, todo é fume.

Na súa intervención dixo que o Psoe estaba de acordo cos 11 puntos da moción do Bng. “E se houbera 23, pois 23”, engadiu. Como se foran 368. A Veiga e ao Psoe todo lle vale; xa todos sabemos que é un grupo municipal que non ten por costume cuestionarse as cousas, por moitos motivos que poida haber. Pero Veiga&cía, ao seu, sempre para adiante como os de Alacante. E como para mostra, un botón, velaí o proxecto do polígono no Monte Pituco.

Veiga reprochou a falta de sensibilidade do PP coa Plataforma de afectados polos desafiuzamentos. Como se el fora un exemplo de sensibilidade cos veciños do Monte Pituco, que gastamos máis dunha ducia de escritos pedíndolle unha simple entrevista que nunca endexamais aceptou convocar.

Para o voceiro socialista non debería haber ningún inconvinte na implicación da asesoría xurídica da alcaldía en prol da busca de solucións a estes problemas, por tratarse “dun tema de suficiente calado”. A fin de contas, recordou Veiga con xesto serio e afectado, hai 500.000 familias afectadas en toda España e algúns dos perxudicados polos desafiuzamentos xa perderan a vida ao atravesar por unha situación tan desesperada.

E non está de máis facer politiqueo barato da dor allea? Acaso non lemos a prensa a cotío, non vemos as noticias na televisión, non escoitamos a radio, non estamos abondo enteirados de tanto drama para que Francisco Veiga veña meter o dedo na chaga?

…Veiga seguía ao seu, acusando o PP de non ter feito nada máis que acollerse a un decreto de boas prácticas “que non serve para nada, só para quedar ben diante da opinión pública para botar balóns fóra”. E pechou a súa actuación estelar pedindo o apoio para a moción do Bng e medidas concretas para solucionar o problema porque “dende o Concello podemos e debemos”. Yes, we can, Veiga, ouh-yeah!

A primeira tanda de intervencións pechouna a voceira de Mar-In, que calificou de “insuficientes e inxustas” as medidas do Goberno ante os desafiuzamentos. Para Isabel Martínez Epifanio, os argumentos de Santos Costa para rexeitar a moción do Bng son “excusas”, porque o contrato do asesor da alcaldía “é para tratar os pleitos e tamén para asesoría da alcaldía”, polo que a alcaldesa actuaría como “intermediaria” no tratamento deses casos. Para Mar-In a actitude do PP evidencia o seu “desinterese” ante un problema que leva meses sen solución e sen convocar as reunións comprometidas. “Que problema hai en introducir unha partida para axudar as familias, en que a Policía Local non vaia comunicar ordes de desafiuzamento, habendo Policía Nacional”, explicou Martínez Epifanio.

Para rematar, queixouse de que a moción estaba “sen informar” e, á vista de que o PP non ía apoiala, “xa non a someten ao informe dos técnicos, e agora como hai público e afectados, din que o PP apoia a plataforma”. “E queda como dios“, exclamou un dos asistentes ao pleno.

Volveu á carga Pilar Blanco, que lle buscou un novo enfoque ao seu discurso. Apelando primeiro á presenza no Pleno dos representantes da plataforma do Morrazo, e reprochándolle ao Goberno local que “dende abril non se molestou en convocar a comisión nin en falar cos afectados”, despois centrouse en intentar bombardear o polémico contrato do asesor. A voceira do Bng comparou o posicionamento do PP de Marín co PP de Moaña, “onde tamén se presentou a moción e foi aprobada por todos os grupos”, abundando en que, ademais, “non todos os concellos teñen asesoría”. Pilar Blanco cargou as tintas afirmando que o Goberno local “non quere recoñecer que o contrato do asesor é para a alcaldesa, á que asesora telefonicamente, en conversas privadas e públicas, e na elaboración de dictames”.

Tamén puxo como exemplo o concello de Pontevedra, onde existe un convenio co Colexio de Avogados que “recibe consultas de veciños afectados de Marín”, denunciou Pilar Blanco, mentres a alcaldesa sostén que “non hai afectados de Marín”.

Manuel Santos volveuse reiterar no dito na súa primeira intervención: “Reconocemos que es un problema real y duro y, no porque haya público, en el acta queda reflejado que estamos a favor de los 10 puntos. No somos insensibles y la plataforma tiene nuestro total apoyo”, concluiu o concelleiro do PP.

Máis do mesmo tamén por parte de Francisco Veiga. Isabel Martínez Epifanio volveu pedirlle ao PP que apoie a moción porque “o único que nos toca como concello é o punto 11 e o resto supón mandar escritos”. Así, volveu cuestionar que o grupo de Goberno estivera comprometido nesta causa porque “se estiveran preocupados, pedirían o informe e apoiarían a moción”.

Pola súa parte, María Ramallo explicou que recibira a un grupo de afectados e que dende o Concello déraselle publicidade á Plataforma; que efectivamente houbera unha reunión na que se tratara o caso dunha afectada de Marín, que se fixeran xestións cos servizos sociais e coa dirección do banco. “Hai casos que se poden defender e outros que non”, matizou a alcaldesa, que pediu que “non se faga política con estes temas”. Ramallo intentou sacudirse das acusacións da oposición argumentando que “hai xente con problemas que non quere someterse á comisión” e, en canto ao asesor, deu o debate por perdido: “Non os vou convencer”. Segundo a alcaldesa, o asesor xa se ocupa de máis de 50 pleitos relacionados co Concello e, así como “non habería problema en atender a xente” afectada polos desafiuzamentos, María Ramallo rexeitou que o asesor tivera que ocuparse dos pleitos que se derivaran deses casos.

Como ponente da moción, Pilar Blanco pechou a ronda de intervencións destacando que o Bng presentara a moción “a petición da plataforma, será porque non lle vale o que vostede fai”, dixo, en alusión a María Ramallo, á que acusou de “incumplir o que aproba porque aproba de cara á galería”. A voceira do Bng tamén cuestionou os datos aportados pola alcaldesa, gabándose de ter información “por outro lado”. Sobre o convenio co Colexio de Avogados, así como a alcaldesa dixera que o Concello de Pontevedra tamén tiña asesoría xurídica, Pilar Blanco replicoulle que ese convenio ofertárallo a entidade colexial “a todos os concellos da provincia”.

Para botarlle en cara que o PP non apoiaba a moción, volveu á carga co tema do asesor, esixindo que “ten que dar conta da súa actividade aos cidadáns que pagan” esa adxudicación de 70.000 euros por 3 anos con dereito a prórroga. Pilar Blanco volveu reclamar que o asesor da alcaldía lle preste os seus servizos aos afectados polos desafiuzamentos que “malamente poden pagar un avogado” e recomendoulle ao PP “que busque no diccionario a palabra sensibilidade”.

E que tal se o Bng busca no diccionario a palabra demagoxia? Velaquí a definición da Real Academia Galega: “Política baseada en agradar ao pobo satisfacendo as súas aspiracións e intereses e fomentando as súas paixóns para manexalo mellor “. Unha cousa non quita a outra…

Na votación gañou a maioría do PP.

O seguinte punto na orde do día, sobre a recuperación do campo de fútbol de San Xulián, xa se tratou no artigo titulado PLENO DE XANEIRO (II): A TITULARIDADE DO CAMPO DE FÚTBOL DE SAN XULIÁN.


Responses

  1. […] concelleira Marián Sanmartín explicou que xa no Pleno de xaneiro tratárase unha moción semellante que non contara co apoio do PP e que esta cuestión volvía […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: