Publicado por: MontePituco | 21/01/2013

PSOE: LOBO CON PEL DE CORDEIRO

Charla en Marín contra o proxecto do parque eólico de Pedras Negras.

 

Porque foi o PSOE de Marín o que DESPREZOU a fauna, a flora e o patrimonio arqueolóxico do Monte Pituco cando decidiu proxectar neste espazo natural protexido un polígono industrial “alegal” a través do PXOM, non podemos menos que asombrarnos primeiro, escandalizarnos logo, e indignarnos despois, co titular dun comunicado que emitiu hoxe o PSOE provincial: “Os socialistas denuncian o impacto negativo sobre a fauna, a flora e o patrimonio arqueolóxico do parque eólico de Pedras Negras”. Rir por non chorar, ante o cinismo incomensurable dos políticos que forman parte deste partido. Ou trabucaríanse de siglas, acaso?

Queda moi ben ir de “verdes” pola vida, máxime nun partido supostamente de esquerdas. O problema neste caso é que as palabras non acompañan os feitos. É moi doado subirse ao carro dunha causa que, como o rexeitamento ao proxecto de instalación dun feixe de aeroxeneradores nos Montes do Morrazo, conta cunha mobilización social de máis ou menos envergadura. O seguidismo político é unha práctica e unha pose moi extendida entre os que ven a realidade a través da fiestra dun cómodo despacho, que calibran se un movemento cidadán ten máis ou menos adeptos a través do que publican ou deixan de ver publicado nas páxinas dos xornais.

Pero non estaban alí os deputados do PSOE en ningunha das tres andainas reivindicativas organizadas pola Plataforma Montes do Morrazo contra o parque eólico. Como tampouco estiveron nunca no Monte Pituco, nin tiveron nas mans un exemplar da especie protexida chioglosa lusitanica, nin do endemismo linaria saxatilis, nin contemplaron os relevos dos petroglifos milenarios do Pornedo na hora do solpor.

Por iso é tan irritante o dobre raseiro que o PSOE aplica para rexeitar que se levanten uns muíños en Pedras Negras ao mesmo tempo que bendicen a destrucción do Pituco baixo toneladas de formigón e asfalto, que toleran a agresión irreversible á súa escarpada fisonomía natural a base de desmontes e muros de contención que causarán un impacto visual brutal, que consenten a agresión á fauna, á flora e ao patrimonio arqueolóxico do Pituco.

Para información dos diputados socialistas, o Monte Pituco é unha parte TAN LEXÍTIMA dos Montes do Morrazo como Pedras Negras. As Normas Subsidiarias Provinciais de Planeamento catalogaron os Montes do Morrazo como o Espazo Natural Protexido e a postura do PSOE provincial só pode evidenciar dúas cousas: un profundo descoñecemento do terreo que pisan e unha evidente descoordinación no propio partido ou, pola contra, mala fe, hipocresía e incoherencia manifesta por parte dos responsables políticos que se posicionan desta maneira tan arbitraria e tendenciosa.

…E iso que fan ben en opoñerse ao parque eólico en Pedras Negras. Pero con que criterio non están a prol da conservación do Monte Pituco? Con que argumentos o ex-alcalde socialista Francisco Veiga se negou reiteradamente a atender as peticións de Defende o Monte Pituco para explicar en que se baseaba para destrozar o Pituco, a fauna, a flora e o patrimonio arqueolóxico que agora protexe por consigna no caso de Pedras Negras? E que hai dos informes topográficos que evidencian que a pendente do terreo fai totalmente desaconsellable a urbanización deste espazo? Por que o PSOE de Marín fixo oídos xordos, supostamente manipulou os informes reais ou fabricou estudos técnicos á súa medida, e non procurou estudar outra alternativa que fora máis viable e menos custosa?

Francisco Veiga escudouse no silenzo porque non contestou ningunha petición de entrevista. E máis aínda, tratou con desprezo a Defende o Monte Pituco ao considerar que os representantes deste colectivo xa estaban suficientemente atendidos cunha non-conversa de 20 segundos por teléfono, e unha contestación malencarada ao pé dunhas escaleiras. Esa actitude só denota cobardía.

E para cobardía, a doutros tantos socialistas -Modesto Pose, Carmen Gallego, Guillermo Meijón e Abel Losada- con motivo dunha xuntanza que mantiñan en Marín en abril de 2010 sobre dotacións e equipamentos. Defende o Monte Pituco envioulle un correo electrónico a cada un deles para expoñer os motivos polos que era totalmente desacertada a instalación dun parque empresarial nesta ubicación. Ningún deles tivo a cortesía de contestar.

Os socialistas denuncian o impacto negativo sobre a fauna, a flora e o patrimonio arquolóxico do parque eólico Pedras Negras

Patricia Vilán presentou unha interpelación parlamentaria para coñecer si a Xunta ten realizado informes de impacto ambiental sobre este proxecto

Denuncia a contaminación de acuíferos durante a construción do parque, que pon en risco 14 xacementos arqueolóxicos da zona

A parlamentaria socialista, Patricia Vilán, vén de presentar unha interpelación ao goberno da Xunta sobre se ten feito unha avaliación do impacto que o proxecto de parque eólico Pedras Negras ten na flora e na fauna da zona e sobre a existencia dunha segunda fase deste proxecto que podería afectar a Pontevedra e ós Chans de Ermelo, ó Monte Paralia e ó Monte do Grilo no concello de Bueu.

A iniciativa socialista pregunta tamén ao Executivo de Feijó polas medidas adoptadas para evitar a destrución de xacementos arqueolóxicos catalogados na zona.

En data 18 de decembro de 2012, o BOP de Pontevedra facía público o proxecto do parque eólico Pedras Negras, promovido pola empresa multinacional italiana Enel Green Power España SL. Dispón a publicación que ha de afectar os Concellos de Marín, Moaña, Vilaboa e Bueu.

A implantación deste parque eólico suporá a instalación de 14 aeroxeradores, cunha potencia nominal unitaria de 3.000 Kw e de 14 transformadores de 3. 350 KVA instalados no interior de cada aeroxerador.

Non ten mérito ningún elaborar preguntas parlamentarias a base de refritos xornalísticos. Basta con coller a prensa, fixarse naqueles artigos nos que se verquen máis ríos de tinta sobre temas susceptibles de “pillar cacho” electoral, e quedar como adalides de causas que, como o medio ambiente, tocan a sensibilidade dunha parte cada vez máis grande da sociedade. E agora, NA VÉSPERA dunha charla que organiza en Marín a Plataforma Montes do Morrazo, sáenos con este comunicado OPORTUNISTA para que a súa publicación cadre no mesmo día da sesión informativa. Pero aí están as hemerotecas para desenmascarar esta dobre moral que evidencia o PSOE.

Para a deputada socialista esta instalación suporá un impacto claramente negativo para a natureza, a paisaxe, o patrimonio arqueolóxico e a economía da zona. De feito, afectará a 14 xacementos arqueolóxicos catalogados, a varias mámoas e a un petroglifo.

A maiores, denuncia Patricia Vilán, os desterros afectarán a numerosos regatos e acuíferos, provocando a mortandade da fauna e a desfeita da flora durante a construción do parque e sen que exista unha avaliación fiábel do impacto.

Ao PSOE de Marín nunca lle importou que os veciños que residen nas proximidades do Monte Pituco perdan os mananciais que lles subministran auga potable para consumo doméstico dende tempo inmemorial; nin que as numerosas leiras de regadío desa contorna perdan valor porque tamén esas propiedades quedarían en seco; ou pola contra, que as riadas e as enxurradas que provocarán os aberrante desmonte que habería que facer no Pituco -porque así está acontecendo xa a consecuencia do movemento de terras que se fixo por culpa das obras da Variante- arrasen os viñedos, os campos e as plantacións dos lugares da Curxeira, de Vilafíns…

Non amosou ningunha sensibilidade pola contaminación dos regatos nos que habitan especies rexistradas nos catálogos de fauna e flora ameazada.

Como tamén ignorou as consecuencias de construir un polígono en plena fachada marítima; porque Defende o Monte Pituco achegou un estudo da cunca visual que expón como ese parque industrial sería visible dente todos os concellos da Ría de Pontevedra, co conseguinte impacto negativo para a paisaxe e para un sector económico tan importante como o turismo: dende Combarro, que dende hai 40 anos é Conxunto Histórico-Artístico Nacional, ou dende Sanxenxo.

Por non falar dos petroglifos de Pornedo, de Sete Camiños, das mámoas existentes na contorna do polígono proxectado e que quedarían totalmente fóra de contexto.

…O PSOE, ese lobo con pel de cordeiro, ese verdugo que agora -tarde, mal e en vésperas do Entroido- se nos disfraza de ecoloxista e entusiasta do patrimonio.


Responses

  1. O escrito do Psoe é calcado a calquera nota ou alegación da Plataforma. Parece como se copiaran frases completas.

    • …Proba de que non “cren” nin sequera nas propostas que presentan, porque se tiveran o máis mínimo interese e se estiveran verdadeiramente comprometidos, notaríase na forma de traballar, habería material de colleita propia, e non se limitarían a tratar de “quedar ben” publicamente “fusilando” as consignas da plataforma.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: