Publicado por: MontePituco | 22/01/2013

RÍA DE PONTEVEDRA-PEDRAS NEGRAS-MONTE PITUCO

Entre os participantes na manifestación, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo.

Coincidiron no día e na hora a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo na organización de senllas charlas sobre a modificación da Lei de Costas en relación á situación de Ence e sobre o parque eólico proxectado nos Montes do Morrazo, respectivamente. Pero en ámbalas sesións houbo paralelismos que cómpre salientar, vencellables á problemática da clasificación do Monte Pituco como chan industrial.

Dunha banda, a APDR atópase con que dun tempo a esta parte o PP a nivel local, provincial e autonómico lévase pronunciando publicamente en contra da continuidade da fábrica a carón da ría de Pontevedra. Sen embargo, o PP a nivel estatal vén de presentar unha alegación á Lei de Costas que se está elaborando actualmente para evitar que o informe -presuntamente negativo, suponse- que debería emitir a Xunta non inflúa na decisión do Goberno Central de poderlle prorrogar a concesión dos terreos de dominio público marítimo-terrestre por 75 anos máis alegando motivos de interese xeral. O PP de Galicia lavaría as mans ante a cidadanía argumentando ter actuado ata o límite das súas competencias, e a empresa acadaría o seu obxectivo: quedar onde está, que é tanto como perpetuarse en Lourizán.

Entre as numerosas intervencións do público que asisitiu á asemblea aberta celebrada na Galería Sargadelos, chamounos a atención o punto de vista dun veciño que advertiu que ía facer de “avogado do diaño”. En efecto, as empresas xogan a baza dos postos de traballo e ante esa chantaxe emocional a cidadanía é un suxeito débil facilmente dobregable aos intereses financeiros. Así como Ence foi unha imposición da ditadura, a súa permanencia na ría é outra imposición interposta a instancias da dictadura do capital. Este mesmo veciño contou que, por iniciativa propia, enviáralle unha carta á diputada popular pola provincia de Pontevedra, Ana Pastor, ministra de Fomento, para expresarlle o seu rexeitamento a que a Lei de Costas poida beneficiar a Ence. De Fomento, a pelota pasou ao tellado do Ministerio de Medio Ambiente, e ao cabo dun tempo, o interesado recibiu unha contestación na que o director xeral de turno lle contaba “unha de cal e outra de area”.

3ª andaina contra o parque eólico de Pedras Negras.

No coloquio posterior á charla que impartiron Damián Copena, da Universidade de Vigo, e Sergio Regueira, da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, sobre os efectos negativos do parque eólico que Enel Green Power pretende instalar nos Montes do Morrazo, tamén se criticou que a pretensión de saturar o territorio galego con 91 parques eólicos máis é unha “monstruosidade” comparable á política de proliferación de encoros durante o franquismo.

Porque non é que Pedras Negras estea exposta a soportar a agresión que conleva a colocación de 14 aeroxeneradores, dos cales 4 afectan a terreos da comunidade de montes de San Tomé. É que na área de desenvolvemento dese parque cabería outra ración extra de 21 muíños que ampliarían o radio de afección ao Concello de Marín ao situarse no Alto da Encavada, en Castiñeiras, Cotorredondo, o Alto de Agudelo e o Outeiro de Carballosa no límite con Moaña.

Os ponentes explicaron que as empresas promotoras dos parques eólicos -non todas relacionadas co sector da enerxía, por certo- levaban tempo aproveitando o despoboamento endémico do rural galego para facer da súa capa un saio. E onde se supón que as enormes extensións de aeroxeneradores ían xerar emprego e beneficios económicos, na práctica resultou que non evitaron en absoluto a sangría demográfica e o abandono progresivo das aldeas. Por riba, os terreos rústicos que acaban sendo pasto das torretas son recalificados como solo de “protección” -toma paradoxo!- de infraestruturas, co cal os propietarios, foran particulares ou comuneiros, perdían toda opción a optar a subvencións de tipo forestal ou agrogandeiro. Os expertos, por outra banda, calculan que as compensacións que reciben os propietarios dos terreos pola expropiación é ridícula.

Quedaban moi poucos espazos ceibes da sombra deses enormes cipreses metálicos: os Montes do Morrazo, Montecastrove, a Serra do Galiñeiro, o Monte Acival, a Serra da Groba. Agora tamén poden caer nas fauces desta rapiña voraz que non ten pena de que se destrúa a paisaxe, o patrimonio arqueolóxico, a fauna e a flora autóctona.

Hai empresas interesadas en cargarse esta bisbarra, en exprimila ata a derradeira gota. E hai políticos interesados en achandarlles o terreo para que se sigan lucrando a costa de saltarse espazos naturais protexidos, especies animais e vexetais catalogadas como vulnerables, bens de interese cultural que deberan conservarse por mandato legal; a costa de despilfarrar cantidades indecentes de diñeiro en acondicionar un terreo que dende o punto de vista técnico é inviable urbanizar. E para iso manipulan informes e fan versións light de estudos de impacto ambiental que obvian a realidade. E tampouco teñen reparo en evitar dar explicacións á cidadanía que se revolve contra eses abusos flagrantes, que non traga co disfraz perverso do desemprego. Acaso esa opacidade non é unha forma sofisticada de dictadura?

Esa perigosa mestura de cal e de area coa que contestan os políticos que se dignan -de xeito falso e artificial, iso si, despois de que outros predecesores deran sempre a calada por resposta- en atender o enésimo escrito, no fondo é un engano máis. Firman coa man dereita o que des-firman coa man esquerda. Recoñecen coa boca pequena que hai afeccións ao patrimonio arqueolóxico, á fauna, á flora, aos mananciais, aos regatos, á pendente do terreo, ao que faga falta… pero ao dobrar a esquina están negociando cos promotores da desfeita.

E o nome de semellante farsa xestada dende a traizón á legalidade e dende a indefensión da cidadanía crítica e comprometida chámase polígono industrial do Pituco.

E contra as voces tóxicas que só estean agardando recibir un cheque, non é certo que ningunha compensación económica supere a capacidade dun monte ORDENADO e BEN XESTIONADO para xerar ingresos e riqueza para unha parroquia e para unha vila enteira.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: