Publicado por: MontePituco | 15/01/2013

PLENO DE XANEIRO (II): A TITULARIDADE DO CAMPO DE FÚTBOL DE SAN XULIÁN

Vista parcial da Casa de Montes de San Xulián.

No pleno deste mes de xaneiro aprobouse unha moción de Mar-In para inscribir o campo de fútbol de San Xulián no inventario de propiedades municipais, de xeito que o Concello de Marín sexa o titular desta instalación. A concelleira Isabel Martínez Epifanio argumentou que xa rematara de elaborarse o inventario e que cumpría regularizar a situación para evitar que algún particular puidera reclamar como propio un terreo municipal, como no caso do campo de fútbol, onde a finais dos anos 90 se fixeron obras de peche perimetral e instalación de vestiarios. Cando naquelas datas o independente Antón Pousada era tenente alcalde da Corporación, xa houbera negociacións coa directiva da Comunidade de Montes de San Xulián para acadar un acordo sobre o campo que non fraguou, polo que os da Comunidade de Montes “quedaron con el”.

Como o PP xa se abstivera na comisión correspondente, o concelleiro de Urbanismo expuxo a postura do seu partido, alegando que “non é prioritario inscribir esta parcela habendo máis de 160 terreos que non están rexistradas baixo titularidade municipal”. Santos Costa recriminoulle a Mar-In e ao Bng que se abstiveran na aprobación do inventario porque “podía xerar conflictos” ao presentarse reclamacións: “E agora queren que se inscriba esta parcela”, engadiu o edil popular, que os acusou de ser “incongruentes”.

Pola súa parte, Francisco Veiga xustificou que os socialistas apoiarían a moción de Mar-In porque “o documento anterior era dos anos 70” e logo dun proceso que fora “longo e tedioso”, era “necesario e obrigatorio por lei” regularizar o patrimonio do Concello xa que, “por falta de interese, lévase perdido moito tempo”, engadiu o concelleiro do Psoe, que acusou o PP de estarlle “escapando” a este tema. E a respecto de que o Concello “non recibiu ningunha petición de ningún clube” para xogar nese campo, segundo Santos Costa, Veiga replicoulle que “non hai peticións porque a xente non sabe que é un campo municipal”, polo que bastaría con formalizar a inscrición, publicitar que se trata dunha instalación municipal, e o edil socialista deu por feito que choverían as solicitudes, tendo en conta que hai equipos de Marín que van xogar a campos noutros concellos limítrofes.

“Non deixa de sorprenderme”, comezou dicindo Xosé María Vilaboa dirixíndose a Santos Costa, para criticarlle que o Goberno local aprobara o inventario e agora estaba poñendo “en dúbida” o documento ante as reticencias a inscribir esa propiedade no catálogo de bens municipais. O concelleiro do Bng rematou a súa intervención deixando en evidencia o Goberno local: “Quen é o presidente da Comunidade de Montes? Un ex-concelleiro do PP. E isto vai traer conflicto”, advertiu Vilaboa, que tamén chamou a atención sobre outro terreo que, como ese campo de fútbol, tamén sería de titularidade municipal: a Casa de Cultura de San Xulián.

Para rematar o debate sobre esta moción, Isabel Martínez Epifanio reiterou que “esta propiedade non está inscrita” e queixouse de que, por non actuar a tempo, “algunhas das propiedades pendentes de inscrición xa foran inscritas por particulares”. En consonancia co apuntado por Vilaboa, a edil de Mar-In confirmou que, efectivamente, o seu partido solicitaría tamén que se rexistre a nome do Concello a Casa da Cultura de San Xulián, que se construira “en terreo municipal”. E deu por feito que en ambos casos se producirá un conflicto coa Comunidade de Montes de San Xulián, malia que o Goberno local non cumpre co que corresponde facer porque “non se quere meter coa Comunidade de Montes”.

A moción aprobouse cos votos a favor de Mar-In, Bng e Psoe. O PP abstívose.

Este pasado domingo celebrouse a asemblea da Comunidade de Montes de San Xulián. Un comuneiro vencellado ao Bng, ex-tesoureiro da Comunidade, e que para máis señas renunciou ao cargo “por non estar de acordo coas contas do bar”, aproveitou o apartado de rogos e preguntas para sacar o tema da moción aprobada no Concello tan só dous días atrás.

“Iso está parado”, contestou o presidente da Comunidade de Montes, que asegurou que se presentaran alegacións porque, se polo Concello fora, estes teríanse apropiado do campo de fútbol, ao que a Comunidade de Montes non ía acceder.

O ex-tesoureiro, que asistiu ao Pleno do Concello, pediu explicacións sobre a actitude do Vicepresidente da Comunidade, que tamén estivera presente entre o público na sesión da Corporación e, sen embargo, non plantexara absolutamente nada sobre este asunto tan delicado ante a asemblea de comuneiros. O vicepresidente defendeuse dicindo que no momento no que se debateu a moción el ausentárase da sala. Casualidades da vida. Logo volveu aparecer e quedou ata as 12 da noite, cando o pleno rematou, e tivo a santa paciencia -coma sempre- de facerlle a espera aos concelleiros de turno para as súas comenencias. Pero, en definitiva, a postura da Comunidade de Montes é que vai haber que “sentarse co Concello e debater”, porque unha de dúas, “ou se chega a un acordo ou haberá litixio”, concluiu o secretario da Comunidade.

E que máis lle dará aos directivos da Comunidade de des-Montes, despois de ter cobrado 354.679,58 euros en expropiacións. A conta rebosa billetes. O gremio dos avogados-asesores-consultores están encantados con comunidades coma esta, que lles dan traballo a eito: conflictos de lindes coas comunidades limítrofes de alá e de acolá, reclamacións de terreos máis ou menos distraídos por causas máis ou menos sospeitosas…

Sería lóxico pensar que, pola vinculación política entre os directivos -unha parte da cúpula, polo menos- da Comunidade de Montes e o Goberno local, haxa contactos entre ambas partes. Dende que se presentou a moción para a recuperación da titularidade do campo de fútbol de San Xulián, en outubro de 2012, ata que -por diversas circunstancias- o seu debate efectivo no Pleno demorouse tres meses, houbo tampo abondo para que a Comunidade e o Concello mantiveran algunha negociación extraoficial para orientarse os afectados pola posible perda destas dotacións das que agora se cuestiona a súa propiedade: a Casa de Cultura e o campo de fútbol.

O posicionamento do Concello foi de neutralidade; sería dificilmente defendible que o PP fixera prevalecer a súa maioría absoluta para botar abaixo esta moción que, dunha banda, propón reforzar o patrimonio municipal dos marinenses; e doutra, é a consecuencia lóxica da tramitación dun inventario ao que se destinaron uns recursos económicos pagados por todos os contribuíntes.

Outra cousa é cando se vaian formalizar os dous puntos nos que se concretaba a moción de Mar-In: rexistrar a propiedade do campo de fútbol se non está a nome de ninguén, e asumir a xestión desta dotación deportiva para ofertala a posibles usuarios, o que redundaría en máis ingresos para as arcas do Concello. Porque nas Administración en xeral, nas locais en particular, e no caso de Marín xa é un mal crónico, estamos afeitos a que se “molle” moito papel; tómanse decisións que aparentemente se teñen que materializar -creación de comisións, obras comprometidas, xestións varias- pero que quedan sine die no limbo ata que ao Goberno local lle interese facelas efectivas ou, pola contra, non as cumpra endexamais a mantenta.

Pode ser o caso da inscrición do campo de fútbol de San Xulián e da Casa de Cultura no inventario municipal. Do dito ao feito sempre vai un treito. E ningunha normativa nin regulamento das Corporacións locais establece un prazo para que mocións como a de Mar-In cheguen a bo porto, quedando ao criterio -ou capricho- do Goberno local o seu cumprimento.


Responses

  1. […] O seguinte punto na orde do día sobre a recuperación do campo de fútbol de San Xulián xa se tratou no artigo titulado PLENO DE XANEIRO (II): A TITULARIDADE DO CAMPO DE FÚTBOL DE SAN XULIÁN. […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: