Os votos en contra do PP botaron abaixo a moción da Marea Veciñal -malia o apoio do Psoe e do Bng- reclamándolle á Concellería de Deportes que asuma a xestión do campo de fútbol de San Xulián, cuxa explotación depende da Comunidade de Montes a pesar de tratarse dun terreo inscrito no inventario de bens municipais. Na mesma situación, por certo, está a Casa de Montes, construída igualmente en solo público.
O edil Aarón Franco reclamoulle a Antonio Traba o adecentamento da instalación e a mellora dos accesos argumentando que, se o Concello contase con este campo á súa disposición para cederllo a clubes deportivos e a particulares interesados na práctica futbolística, non sería preciso recorrer aos equipamentos da Escola Naval. Aarón Franco advertiu que noutro tempo o concelleiro de Deportes lamentaba que non houbese instalacións abondo para atender toda a demanda, un problema que se solucionaría asumindo a xestión do campo de San Xulián. “Non lles interesa tocar este campo”, insinuou o concelleiro da Marea, “porque igual teñen outro proxecto para el”.
Pola súa parte, Traba xustificou que se recorra á Escola Naval para aproveitar as súas instalacións por estaren no centro da vila e destacou que mesmo recibe peticións de usuarios do Concello de Pontevedra cando este último pecha instalacións. Para o PP de Marín a xestión do campo de fútbol de San Xulián non é unha prioridade e a intención do Goberno local non é construír ningún novo campo. Ademais, parapetouse en que este recinto “no cumple las medidas” e acusou a oposición de non visitar as instalacións deportivas do Concello e non acudir tampouco aos eventos que teñen lugar nelas. Polo tanto, o campo de fútbol de San Xulián seguirá sendo de terra e seguirá medrando a vexetación no terreo de xogo porque non hai trazas de dotalo do que Traba califica de “tapete verde”, sen o cal os rapaces futboleiros “no quieren jugar”.
O Bng baseou o seu respaldo á moción en tanto o campo de San Pedro está “ocupado a todas horas” mentres o de San Xulián está “a monte” malia ser “municipal”. Dende este grupo acusaron o Goberno local de telo “descoidado” e de non ter “ningún interese en que se lle dea uso para non entrar en conflicto coa Comunidade de Montes”.
De feito, o concelleiro de Deportes eludiu explicar, por máis que llo pediron dende a oposición, a “alegación” que ten presentada a Comunidade de Montes de San Xulián contra a catalogación dese terreo no inventario municipal.
FACENDO HISTORIA
Esta moción da Marea Veciñal enlaza coa moción presentada por Marinenses Independentes a través de quen daquela era a única representante desta formación, Isabel Martínez Epifanio, en xaneiro de 2013. Daquela aprobouse cos votos favorables de Mar-In, Psoe e Bng -absténdose o PP- a inclusión do campo de fútbol de San Xulián no inventario de bens municipais.
Dous días despois daquel Pleno de xaneiro celebrouse a asemblea anual dos comuneiros de San Xulián e un ex-directivo que milita ou simpatiza do Bng preguntou pola reacción da xunta rectora da Comunidade, ao que o presidente contestou que o asunto da titularidade municipal do campo de fútbol da parroquia estaba “parado”.
“Iso está parado”, contestou o presidente da Comunidade de Montes, que asegurou que se presentaran alegacións porque, se polo Concello fora, estes teríanse apropiado do campo de fútbol, ao que a Comunidade de Montes non ía acceder.
O ex-tesoureiro, que asistiu ao Pleno do Concello, pediu explicacións sobre a actitude do Vicepresidente da Comunidade, que tamén estivera presente entre o público na sesión da Corporación e, sen embargo, non plantexara absolutamente nada sobre este asunto tan delicado ante a asemblea de comuneiros. O vicepresidente defendeuse dicindo que no momento no que se debateu a moción el ausentárase da sala. Casualidades da vida. Logo volveu aparecer e quedou ata as 12 da noite, cando o pleno rematou, e tivo a santa paciencia -coma sempre- de facerlle a espera aos concelleiros de turno para as súas comenencias. Pero, en definitiva, a postura da Comunidade de Montes é que vai haber que “sentarse co Concello e debater”, porque unha de dúas, “ou se chega a un acordo ou haberá litixio”, concluiu o secretario da Comunidade.
[Fragmento da crónica do Pleno de xaneiro de 2013 e da versión posterior da Comunidade de Montes de San Xulián]
Curiosamente, quen en 2013 era vicepresidente da Comunidade de Montes -actualmente sen cargo na directiva- volvía estar presente no Pleno deste xaneiro de 2018, cinco anos despois. Lamentable actitude pola súa parte, por non variar na conducta que o caracteriza, de machismo recalcitrante, mala educación e nulo respecto: mentres interviña a voceira do grupo municipal do Psoe, Luz Santiago, remontándose ao tempo no que se dilucidaba que esta dotación lle pertencía ao Concello, este ex-directivo da Comunidade de Montes pronunciou -textualmente- a seguinte frase dende o seu asento entre o escaso público que asistía á sesión: “Se puidera falar ‘íache’ poñer ghuapa!”.
Semellante improperio non representa en absoluto a poboación desta parroquia. Non é a primeira vez nin será a última que se expresa en termos despectivos, especialmente cando as aludidas son mulleres; por iso é de vergoña allea que alguén dese talante teña ocupado un cargo de responsabilidade nunha entidade comunal ou que ostente aínda algún posto nunha asociación veciñal. O seu exemplo non é nada edificante e por iso cómpre denunciar e rebater contundentemente a quen ousa referirse -pola calada, cobardemente- dun xeito desprezativo a outra persoa, especialmente en feminino.
Votos a favor da moción
Votos en contra
Xa na quenda final de rogos e preguntas, a edil da Marea Sandra Pesqueira preguntou pola situación da demolición das vellas vivendas da mazá de Méndez Núñez diante da posibilidade -apuntada polo arqueólogo marinense Álvaro Arizaga- de que neses terreos haxa restos arqueolóxicos que se remontan á época romana. Preguntou a concelleira da Marea se a Dirección Xeral de Patrimonio autorizara os traballos de desmantelamento das edificacións e instou o Goberno local a dar conta diante deste organismo da Xunta da posible existencia deses vestixios.
O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, respostou que -sendo unha zona do casco antigo na que efectivamente rexe a protección de Patrimonio- este organismo da Xunta dera permiso para as actuacións que se están levando a cabo.
Sandra Pesqueira tamén se interesou pola comparecencia do responsable da empresa Anta de Moura -a quen se lle encomendou participar na elaboración do Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico do Concello- na comisión de Cultura. A edil da Marea pediu que o Goberno local lles facilite aos grupos da oposición o bosquexo elaborado do Plan para analizalo con antelación a esa posible comparecencia do arqueólogo Juan Carlos Castro. A alcaldesa instou a Marea Veciñal a solicitar a comparecencia do responsable de Anta de Moura na Comisión de Cultura.
Acuerdo unánime para pedir a Defensa que ceda el campo de tiro de Penizas
“Lejos de cerrar ahí la polémica sobre la disponibilidad de este tipo de instalaciones en la villa, la sesión plenaria debatió el acondicionamiento del campo de San Xulián, gracias a una moción presentada por Marea Marín. La propuesta no obtuvo el voto favorable de la bancada popular, ya que, en palabras de Traba, “en estos momentos, otro campo de fútbol no es nuestra prioridad”.
Deixar unha resposta