Publicado por: MontePituco | 18/12/2012

PLENO DE DECEMBRO: MOCIÓN SOBRE O PARQUE EÓLICO

Roteiro contra o proxecto do parque eólico de Pedras Negras, domingo 23 de decembro.

5 horas e media, longas, monótonas e interminables, durou o pleno de decembro: de 7 da tarde á 12:30 da madrugada. E total, tampouco foi para tanto. O lema de todas as sesións neste Concello pódese resumir en tres palabras: máis do mesmo. Pero cumpría asistir ao debate da moción sobre o proxecto de construcción dun parque eólico en Pedras Negras que lle vai afectar aos municipios de Marín, Moaña e Vilaboa. E en ausencia de responsables directos da Comunidade de Montes de San Tomé, así como de representantes da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, DEFENDE O MONTE PITUCO continuou alí -estoica e voluntariamente- agantando carros e carretas. Máis aínda porque ás 11 da noite tampouco había ningún correspondente local da prensa escrita que puidera plasmar ao día seguinte o resultado deste debate.

Acababa de rematar a parte da orde do día adicada ao tratamento dos asuntos do cotiá e tocaba afrontar o apartado das mocións. Pero como algúns grupos municipais non tiñan copia de todas as cuestións que se pretendían expoñer, a alcaldesa propuxo un receso de cinco minutos para repartir a documentación pendente.

A concelleira de Mar-In, Isabel Martínez Epifanio, expuxo que a moción sobre o proxecto de parque eólico era urxente porque este mes remata o prazo para presentar alegacións e non había ocasión para abordalo noutro pleno posterior. Non leu o texto da moción, que xa fora presentada no Rexistro do Concello o 7 de decembro, e porque os grupos municipais recibiran tamén unha copia por parte da Plataforma Montes do Morrazo, responsable de plantexar esta problemática, como xa se expuxo neste blogue nun artigo titulado precisamente “O PLENO DESTE MES TRATARÁ O SOBRE O PARQUE EÓLICO?“.

No seu resume da situación, Isabel Martínez Epifanio lembrou que o parque eólico afecta a xacementos arqueolóxicos, que se sitúa en solo rústico de protección dos Montes do Morrazo e que, na súa condición de exportadora de polo menos o 40% da enerxía eólica que producía, Galicia non precisaba este novo conxunto de muíños de vento que, ademais, non ían supoñer ningún beneficio para Marín, agás, en todo caso, para as Comunidades de Montes cuxos terreos resultaran afectados ao percibir cartos pola superficie ocupada. A edil de Mar-In puxo de manifesto o seu apoio á Plataforma Montes do Morrazo e demandou que a Xunta rexeitara o proxecto.

A continuación, Pilar Blanco anunciou que secundaría a moción, pero que o BNG ía presentar unha moción complementaria á de Mar-In sobre este mesmo tema.

E Francisco Veiga tamén subiu ao carro adiantando que o PSOE votaría a favor da mesma, argumentando que o Plan Eólico non contara co consenso dos Concellos e das Comunidades de Montes, engadindo a renglón seguido que este tema tiña que terse tratado nunha comisión para que os grupos da oposición puideran facer as súas achegas: “No interesa que los grupos aporten su visión sobre temas urbanísticos o medioambientales”, espetoulle Veiga á alcaldesa.

Verdadeiramente, é O COLMO que os socialistas e os nacionalistas do Concello de Marín vaian de “verdes” pola vida, de defensores do patrimonio histórico, de todas esas cousas que racionalmente son tan politicamente correctas e de sentido común. O que fan, en realidade, é pór de manifesto o FALSOS e HIPÓCRITAS que son, a POSE ARTIFICIAL que de cara á galería quédalles moi ben para quen non os teña “calados”, a súa DOBRE VARA de medir e por tanto, a súa INCOHERENCIA, o carácter DISCRIMINATORIO das súas decisións.

Amósanse preocupados pola conservación dos elementos arqueolóxicos afectados polo proxecto do parque eólico de Pedras Negras pero NON RESPECTAN os petroglifos -catalogados como Bens de Interese Cultural -afectados polo proxecto do parque industrial no Monte Pituco. Defenden os Montes do Morrazo, que contan cunha figura legal de protección ambiental, pero non lles tremeu o pulso á hora de CONDENAR Á DESTRUCCIÓN cun polígono industrial o Monte Pituco, que pertence aos Montes do Morrazo tanto como a zona de Pedras Negras. E conscentes diso, chegaron a propoñer que a Xunta “desafectara” o Pituco do ámbito dos Montes do Morrazo para validar o seu sinistro proxecto industrial nunha das zonas con maior fraxilidade paisaxística e visual da bisbarra, en plena fachada da ría de Pontevedra, fronte por fronte dun núcleo tradicional proclamado como conxunto histórico-artístico. Amósanse críticos coa tramitación do Plan Eólico, pero DESPREZAN claramente os mananciais naturais dos que se nutren unha serie de núcleos de poboación e de fincas de cultivo que con total seguridade van quedar sen auga a causa da urbanización do monte, onde ademais está previsto instalar un depósito a conta deses acuíferos subterráneos e de desabastecer e perxudicar a veciñanza.

En definitiva, un rotundo DESPROPÓSITO a adhesión do PSOE e do BNG a esta moción e a demostración da AUSENCIA DE ÉTICA dos pseudopolíticos que ocupan estes escanos, que mellor farían en absterse, á vista das decisións que tomaron cando estaban no Goberno local.

A alcaldesa explicou que o seu grupo ía absterse nesta moción, garantizando así que a proposta puidera prosperar. “El PP no es contrario a los parques eólicos”, sinalou María Ramallo, que lembrou que se estaba tramitando a declaración de impacto ambiental en aspectos como o patrimonio, a paisaxe e a conservación da natureza.

O que non dixo foi que esa declaración ambiental está baseada en afirmacións pouco menos que kafkianas, como se ten exposto no artigo titulado “COLECTIVOS DO MORRAZO CONTRA O PARQUE EÓLICO“, ao pretender dar por bo un proxecto de infraestruturas que causa danos “severos” no contorno e na poboación cercana. É unha mágoa que tanto o PSOE como o BNG, que -felizmente- votaron a favor da moción da Plataforma Montes do Morrazo defendida por Mar-In, non puideran puntualizar a alcaldesa de Marín sobre as incongruencias do estudo de impacto ambiental. Probablemente porque non o leron nin de refilón. Pero como diciamos, queda moi vistoso aparentar que van a favor dos tempos e pensan en “verde”, malia que maiormente POR CULPA DELES o Monte Pituco está SENTENCIADO a converterse nun polígono industrial aínda sendo tan sensible dende o punto de vista arqueolóxico, paisaxístico e medioambiental.

A alcaldesa continuou explicando que o equipo de Goberno intentara obter un informe técnico do Concello sobre o proxecto do parque eólico, pero que “non se fixo ningún”, polo que acabara solicitándolle un informe sobre este tema ao equipo redactor do PXOM; informe que o Concello lle remitiría á Xunta nos vindeiros días. “No nos oponemos frontalmente”, engadiu María Ramallo en alusión á moción, demandando “que se tomen las garantías necesarias” e as medidas “más restrictivas” na tramitación deste proxecto por parte da Xunta. Neste sentido, só cabe dicir: Imos aviados!

A moción aprobouse definitivamente porque Mar-In, BNG e PSOE votaron a favor e o PP abstívose.

Continuou a concelleira do BNG coa súa parte da moción complementaria para demandar que o Concello “alegue” contra o proxecto do parque eólico, argumentando que as Comunidades de Montes da Mancomunidade do Morrazo xa se posicionaran en contra demandando a “prevalencia do monte comunal”.

Curiosamente, parte do polígono industrial proxectado no Pituco tamén é monte comunal e sen embargo, estando no Goberno local de Marín, o BNG non correu raudo e veloz onda a Comunidade de Montes de San Xulián para pedirlle que reclamara a prevalencia do uso ao que se supón que por lei se ten que adicar o monte comunal. Daquela mesmo tiña na Xunta Rectora da Comunidade a un dos seus satélites informativos e executivos ocupando un posto tan importante como a tesourería, e sen embargo a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián pouco menos que aplaudiu coas orellas ao cheirar os cartos que podía embolsar con esta macro-operación especulativa.

En resposta a Pilar Blanco, María Ramallo reiteroulle que o Goberno local pedíralle un informe aos técnicos municipais e que, “ao non telo” -este tema trouxo cola máis adiante-, solicitárallo aos redactores do PXOM. Rematou o turno de intervencións a concelleira de Mar-In para pedirlle á alcaldesa que cando ese informe estivera rematado, que se convocara a Xunta de Voceiros do Concello para coñecer o seu contido. E volveuse realizar outra votación con idéntico resultado que a anterior: abstención do PP e votos a favor da moción do BNG, PSOE e Mar-In.

Agora só falta que estes concelleiros tan comprometidos co medio ambiente, especialmente os nacionalistas e os socialistas, se calcen as botas de montaña e vaian osixenar corpo e mente aos Montes do Morrazo na andaina que terá lugar o domingo 23 en contra do parque eólico. Agardemos que o tempo acompañe nesta ocasión e non volva un segundo Nicky a suspender novamente a convocatoria. E ao rematar o paseo por Pedras Negras e o Coto do Home, ogallá se animen tamén a continuar descubrindo arte rupestre, fermosas paisaxes, e especies sensibles da flora e da fauna autóctona no Monte Pituco. Só así poderán caer na conta do seu craso erro proxectando un polígono neste espazo natural.

Advertisements

Responses

  1. Non tiñamos coñecemento de que se ía tratar a moción nese pleno. Segundo soubemos dispois foi presentada con carácter de urxencia polo grupo Mar-in xa que non estaba na orde do día.

    Plataforma en defensa dos montes do morrazo

    • Que non se tome tanto como unha crítica como a constatación da pouca (ou ás veces nula) comunicación que flúe no Concello. Entre o grupo de Goberno coa oposición e entre os grupos da oposición con colectivos como a Plataforma Montes do Morrazo cando se trata deste tipo de cuestións. A oposición coñece a orde do día con (certa) antelación e, sabendo que o tema non figuraba na relación “oficial” de asuntos a tratar na sesión plenaria, podía ter comunicado a súa intención de introducila no apartado de mocións urxentes. Pero se iso mesmo se fai cos temas que saen en “rogos e preguntas”! Detrás nosa había unhas veciñas que agantaron pacientísimamente as 5 horas e pico de pleno, agardando que a concelleira do Bloque falara do arranxo dun camiño no seu vecindario.

  2. Non se tomou como unha crítica, simplemente unha aclaración. A realidade é que os plenos son unha cousa que fan no concello cada mes e que non ten moita relación coa realidade, e a veciñanza non sabe o que se vai tratar alí.

  3. envieiche un correo cunha proposta de nota, botalle un ollo.

  4. […] Pódese ver máis información sobre o ocorrido no pleno no blogue de “Defende o Pituco” […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: