Publicado por: MontePituco | 17/10/2012

XOSÉ MARÍA ‘PLUMILLA’ VILABOA

 

Na súa intervención durante o debate da moción urxente do BNG-PSOE-MarIn sobre as alegacións ao Plan Especial do Porto, o concelleiro Xosé María Vilaboa centrou parte do seu discurso en destacar que María Ramallo fora presidenta da Autoridade Portuaria e Núñez Feijóo fora conselleiro de Política Territorial, atribuíndolles responsabilidades na elaboración do Plan que foi tumbado nos tribunais pola denuncia da Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres ante a ausencia dun informe de avaliación ambiental estratéxica.

Para o edil nacionalista, a pretensión do PP de Marín e da súa alcadesa de elevar a edificabilidade das instalacións portuarias na franxa da Avenida de Ourense ata os 16 metros e de poñela en 18 metros no paseo marítimo Alcalde Blanco, responde a “arreglarlle a vida a alguén” e xustificar a construcción dun auditorio no extremo do muelle.

Vilaboa tamén axitou a bandeira do catastrofismo para advertir que “como empresa”, se a lonxa de fresco non era rendible, no futuro podía acabar pechándose; un extremo que “non podemos permitir”, proclamou nun alarde heroico.

E como o ex-alcalde tivo un arrebato que no anterior artigo calificamos de ‘neoecoloxista de pacotilla’, o ex-concelleiro de Urbanismo non quixo ser menos, de xeito que acusou o Goberno local de querer crear unha “pantalla ambiental” a base de naves que impedirían “recuperar a fronte marítima” de Marín.

O destes dous especimes políticos que forman o dúo Veiga-Vilaboa merece un estudo psicopatolóxico: ambos son os principais promotores dun polígono industrial que esnaquizará de xeito incomensurable e irreparable a fronte marítima da vila, porque así o acredita ademais o estudo da conca visual encargado por DEFENDE O MONTE PITUCO, con incidencia nos principais municipios turísticos -Poio e Sanxenxo- da ría, xunto con Marín e Pontevedra. Que se preocupen polo impacto visual do auditorio que -erroneamente, abofé- proxecta o PP ao borde do mar, e ao mesmo tempo avalen a construcción dun parque empresarial que mazaría esa mesma fachada marítima, só demostra a súa incongruencia ideolóxica, a súa falta de seriedade, a tomadura de pelo que lle pretenden colar á cidadanía disfrazándose de paladíns barateiros do medio ambiente.

Pero a falta de argumentos sólidos propios fai estragos e deixa en evidencia a incapacidade e a insolvencia dialéctica de Vilaboa, que non tivo mellor idea que tirar de hemeroteca e pórse a ler un artigo de opinión de Julio Santos Pena publicado no Faro de Vigo, criticando a proposta do PP de Marín de instalar o auditorio nesa ubicación. No seu intento de convencer a María Ramallo para que se desbote ese proxecto, o concelleiro referiuse a Santos Pena como unha persoa “nada sospeitosa de ser do BNG, polo feito de ser máis ben amigo seu”, en alusión á alcaldesa, que contestou cunha risotada a semellante saída de ton.

Porque Vilaboa considera que o auditorio previsto na punta do muelle sería “un adefesio urbanístico nun lugar onde sobran estorbos”. En cambio, o polígono no Pituco, que sería outro adefesio urbanístico dunhas dimensións moito maiores, con afeccións a varios niveis (impacto paisaxístico, incidencia na flora e na fauna autóctonas, destrucción de elementos arqueolóxicos catalogados, perxuízo aos mananciais naturais da zona…) e danos irreversibles de valor incalculable, é o único que o bipartito PSOE-BNG souberon poñer sobre a mesa para xerar riqueza, desenvolvemento económico e emprego. Fato de ineptos.

Pero o colmo do espectáculo absurdo e innecesario co que Veiga e Muradas na fila socialista, e Vilaboa e Blanco na nacionalista, amolan sistematicamente ao público que asiste aos plenos, protagonizouno nesta ocasión o concelleiro do BNG na súa segunda intervención, dirixíndose a María Ramallo: “Acaba vostede de dar o titular, e se eu fose xornalista, poríao: Aquel que quere ver o mar, confúndese”.

Semella que non ten abondo Xosé María ‘plumilla’ Vilaboa coa súa dignísima actividade profesional no ámbito sanitario, máis a súa suposta achega á política municipal dende a oposición, que agora tamén aspira a exercer a actividade informativa (ou máis ben des-informativa) dende o intrusismo e a falta absoluta de obxectividade. Para iso xa ten a súa propia plataforma e antena espalladora de ideoloxía, electoralismo e demagoxia: a web do BNG de Marín e as redes sociais que lle dan unha maior cobertura.

Non lle abondaba tampouco con ter cuestionado e mesmo descalificado o traballo de determinados xornalistas que, como Julio Santos Pena, tiveran sido críticos co papel do BNG tanto no bipartito como na oposición. En cambio, seica non hai tantos escrúpulos cando necesita arrimar a ascua á súa sardiña citando interesadamente, como aconteceu neste Pleno, un artigo da páxina local do Faro -medio que o Bloque ten tildado de “afín” ao equipo de goberno marinense- que lle servía nesta ocasión para xustificarse.

Por sorte ou por desgraza, o gremio xornalístico perde en Vilaboa un claro exemplo de como se practica a manipulación informativa e a contaminación propagandística.

Alguén sensato/a debería intentar razoar co BNG e co PSOE, facerlles entender que, despois de tres horas e pico de Pleno, cando xa os xornalistas marcharon e non quedan no público máis que tres ou catro cidadáns pacientes e sufridores, non paga a pena facer este tipo de rebiricoques panfletarios; que ningún simpatizante dos seus respectivos partidos está alí para rirlles a graza nin aplaudirlles a ocorrencia, e que o que cómpre é ir ao gran, sen maiores florituras para non facerlle perder o tempo aos demais. Que esas pretensións de lucimento persoal que tanto ensaian diante do espello caen en saco roto e só serven para evidenciar a política de pantalla que exercitan, a falta de algo mellor que ofrecer dende o punto de vista político.

O que en realidade dixo María Ramallo non tiña practicamente nada que ver coa frase sacada de contexto por Xosé María ‘plumilla’ Vilaboa e elevada á categoría de pseudo-titular nesa brincadeira xornalística súa. Sen ánimo de xustificala, o que a alcaldesa dixo nunha das súas intervencións foi que o Porto de Marín viña sendo como un aeroporto ou un recinto aduaneiro: que “non se pode pasear por el”. Enténdese que o Plan Especial do Porto sobre o que xiraba o debate no Pleno afecta aos terreos que están no ámbito do valado metálico que separa o casco urbán de Marín do terreo que ocupan as instalacións situadas no Porto. Efectivamente, por razóns de seguridade, a cidadanía non pode acceder ao Porto salvo no caso dos operarios para dirixirse ás empresas nas que traballan, e a veciñanza tampouco pasea habitualmente por el agás no parque interior situado nas proximidades de Cantodarea e tal vez algún outro espazo de forma puntual. E por fóra do valado metálico está o paseo Alcalde Blanco e a beirarrúa perimetral que coloquialmente se coñece como ‘paseo do colesterol’.

Mais está claro que ao BNG dálle máis xogo sobredimensionar as palabras para xerar polémicas artificiais que lle permitan pescar en río -ou ría- revolto.


Responses

  1. Fran Veiga, alias “o tarambaina” (é certo o que di Montepituco, que arrasta as vocais compulsivamente), e J.M. Vilaboa, alias “Bravuconada”. En compañía dos seus séquitos respectivos, exerceron un goberno decepcionante e agora fan unha oposición deprimente.
    Estes dous, que se opoñen a un auditorio á beira do mar, pretendían poñer no mesmo lugar un edificio multiusos con non sei cantas salas de cine, comercios, sala de xogos etc.
    O BNG vai a todas s manifestacións contra Celulosas pero non ten empacho en poñer polígonos industriais nos lugares mais inverosímiles.
    Esta xente que se dedica a poñer carteis pedindo seguridade para a cidadanía e acusa a outros partidos de “Tres anos de mentiras”, é a mesma xente que escondeu nun caixón os informes desfavorables para o polígono no monte Pituco. A mesma que ocultou os planos daquel Plan Vigo Integra que levaba por diante ducias de casas dende a Pardavila ata a Cruz da Maceira.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: