Publicado por: MontePituco | 18/10/2012

MARÍA ‘CHEPAS’ RAMALLO

Despois das intervencións de Fran ‘mole’ Veiga e Xosé María ‘plumilla’ Vilaboa sobre as alegacións ao Plan Especial do Porto, tamén interviu a concelleira de Mar-In, Isabel Martínez Epifanio, que se queixou de que “o único que contempla” este PEP é o “medre” das edificacións ao longo do recinto portuario. Isabel Martínez centrou boa parte da súa argumentación en atacar o “auditorio virtual” que o PP de Marín incluiu no programa electoral co que gañou as eleccións: “Non hai un euro en nungún lado e non van poder facer o auditorio”, polo que animou o grupo de Goberno a deixar de “terquear por terquear” e, “se seguen gobernando no 2025” levar adiante o proxecto propoñendo unha modificación puntual no PEP. “Sería moi triste que lles deran os cartos para o auditorio cando en dependencia imos quedar sen fondos”, engadiu a concelleira independente.

Martínez Epifanio amosouse partidaria de “recuperar o que se poida para o disfrute dos veciños” e destacou que esa punta na que o PP pretende construir o auditorio é “fundamental para que os veciños poidan ir dar un paseo” pola zona.

“A xente votoulles porque fixeron unha boa campaña e porque o goberno anterior traballaba como traballaba”, expuxo Isabel Martínez en alusión ao bipartito do PSOE e do BNG na anterior lexislatura municipal. Mais, non por ter maioría absoluta, o PP debería gobernar “pasando o rodillo”; motivo polo que xustificou que a oposición presentara a moción urxente sobre un tema que se os tres partidos se negaron a debatir e a votar dentro da orde do día.

En canto a María Ramallo, a súa contestación foi para queixarse de que PSOE, BNG e Mar-In reduciran o debate sobre as alegacións ao Plan Especial do Porto en torno á cuestión “auditorio si, auditorio non” e atribuiu esta actitude á campaña electoral.

Sobre o anterior documento do PEP e o proxecto de construcción do centro de ocio, María Ramallo lembrou que o PEP “xa sufrira variacións” para esa infraestrutura á que o bipartito da Xunta “non lle deu licencia”.

Ramallo afirmou que o PEP é un “documentl vital para a actividade das empresas” radicadas no porto e advertiu que o futuro do porto de Marín necesitaba “altura de miras” para superar os “ataques dende outros intereses” que recibira. Nese sentido, recriminoulle a Xosé María Vilaboa que se adicara a “desprestixiar” o seu labor como presidenta da Autoridade Portuaria.

Por iso, a respecto da decisión da oposición de “querer ningunear” o equipo de goberno ao negarse a intervir no punto adicado ao debate sobre as alegacións ao PEP, María Ramallo acousou o resto dos grupos de facer a “xogada do chepas”, para o que non ían contar co apoio do PP.

No turno de réplica, Francisco Veiga arremeteu contra María Ramallo criticando que estea “máis preocupada pola súa honorabilidade que porque os veciños teñan futuro no Concello”. E procurando levar o debate ao seu terreo, o ex-alcalde volveu recorrer a argumentos demagóxicos ao plantexar que María Ramallo tiña que deixarse de “tonterías na punta do muelle e buscar alternativas de emprego co polígono en Marín”.

Pouca xente se decata de que desenfocando o verdadeiro cerne das cousas, a Veiga só lle preocupa blindar a súa nefasta xestión na alcaldía de Marín, na que a tramitación do PXOM permitiu deixar ao descuberto que el tamén sabía aplicar o “rodillo”. Basta lembrar a súa desconsideración coa asociación DEFENDE O MONTE PITUCO, que endexamais se dignou en recibir para explicar como lle afectaba ao Monte Pituco o proxecto de instalación do polígono industrial incluido no planeamento; na súa inmensa misericordia o máis que se dignou en facer foi atendernos “nas escaleiras” do Concello. Pero velaí están as hemerotecas para evidenciar o “guirigai” que lle montaron diversos colectivos veciñais pola delirante deriva do PXOM, ou os numerosos episodios nos que os seus socios de goberno nacionalistas, que sempre querían quedar como os máis listos, o adiantaron pola dereita tanto no que atinxe á xestión do urbanismo como noutras parcelas nas que PSOE e BNG chocaban tanto que saltaban máis que chispas.

Por iso Francisco Veiga e Xosé María Vilaboa se puxeron moi nerviosos cando María Ramallo explicou que o Plan Especial do Porto podía ser recorrido por alguén. Xa o fixo no seu día a Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres e a xustiza deulle a razón. E o mesmo podía pasar co PXOM.

No turno de rogos e preguntas, Veiga tomou a palabra para preguntar, no seu perfecto castelán de ex-delegado de normalización lingüística: “Nos está amenazando sobre alguna posible demanda al PXOM? Hay algo por ahí que pueda poner en peligro la tramitación?”.

Xosé María Vilaboa non quixo ser menos: “Hoxe sae publicado o PXOM no Boletín Oficial da Provincia. Foi enviado ao DOG? Canto entra en vigor?” …Entre outras preguntas, todas moi grandilocuentes e dramatizadas, que remataron expresando a súa preocupación pola “ameaza que nos fixo de que poidan recorrer o Plan”.

É lamentable que dous representantes políticos amosen publicamente esta actitude belixerante co pobo, que só lles importe xustificarse a si mesmos e adorar o seu propio embigo. Van de demócratas pola vida, tan defensores dos dereitos e das liberdades da cidadanía que finxen ser. En realidade, crense intocables, incuestionables, infalibles; só eles son os posuidores da verdade absoluta e quen ouse levarlles a contraria son unha ameaza, uns belixerantes, uns obstructores do progreso e un perigo para o futuro e os intereses dese Marín co que tanto se lles enche a boca.

Non lles hai que ter medo ningún. Baixo esa fachada de prepotencia só se agochan persoas tan humanas coma outras calesquera. Enchéronse de soberbia ao manexar certa cuota de poder, pero lamentablemente non mudaron de actitude cando as urnas os obrigaron a baixar da póla, o que demostra que a humildade non está entre as súas escasas virtudes. Fronte a esta caste de pseudo-políticos que se cren tocados polo dedo de deus para indultar ou condear segundo lles convén aos seus intereses, cómpre sermos firmes e defender máis que nunca os nosos principios.


Responses

  1. Tes toda a razón: “compre sermos firmes para defender mais que nunca os nosos principios”
    Hoxe en día os únicos que temos principios somos os cidadáns. Loitemos pois.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: