Publicado por: MontePituco | 16/10/2012

FRANCISCO ‘MOLE’ VEIGA (I)

O punto máis polémico da orde do día no Pleno deste mes de outubro foi sobre as alegacións do Concello de Marín ao Plan Especial do Porto. Unha vez máis, Francisco Veiga exerceu o seu papel demagogo, vantaxista e cínico, mesturando asuntos que non viñan a conto cunha descarada intención electoral: o desenvolvemento do porto, co PXOM, co proxecto de polígono no Pituco que o concelleiro socialista segue empeñado en avalar para xustificar o seu pésimo criterio na anterior lexislatura en relación á ubicación de chan empresarial, ofertándolle á Autoridade Portuaria un terreo que este organismo rexeitou publicamente polo seu excesivo desnivel. E lonxe de pararlle os pés para que deixara de mexar fóra do testo, os representantes dos demais grupos da oposición subscribiron o seu discurso: do seu pseudo-socio do BNG podíase entender, pero a connivencia da voceira de Mar-In foi sorprendente e decepcionante, posto que ata o momento o seu posicionamento víñase caracterizando polo rexeitamento á instalación dun polígono no Monte Pituco.

As alegacións que o Goberno local propuxo presentar ao Plan Especial do Porto contemplaban varias frontes: a “territorialidade única” do Porto no Concello de Marín, o potenciamento do sector pesqueiro, a “interacción” do porto co entorno urbán, evitar “colmatar” a zona da Avenida de Ourense, alonxar as descargas de materias perigosas do casco urbán, a cesión de terreos a favor do Concello de Marín para destinalos a instalacións náuticas…

Na súa intervención, o concelleiro de Urbanismo explicou que a oposición estaba en desacordo coa edificabilidade dun sector do Porto, como quedaría patente na moción urxente que, ao case ao final do Pleno, presentaron conxuntamente PSOE-BNG-Mar-In. Porque ningún concelleiro da oposición quixo participar no debate deste punto; cando a alcaldesa preguntou quen quería tomar a palabra, ninguén deles fixo ademán de intervir e o mutismo foi absoluto, o mesmo que na votación, que unicamente contou cos votos a favor do grupo de Goberno.

María Ramallo sinalou que o PP non tiña ningún problema en tratar o tema á marxe da orde do día, recriminándolle á oposición a súa actitude. En representación dos tres grupos, Veiga leu a moción para expoñer que o TSXG declarara nulo o Plan Especial do Porto, provocando que as empresas ubicadas no recinto portuario quedaran nunha posición delicada. Veiga explicou que na tramitación do Plan de 2005 os grupos políticos acadaran un consenso referente a unha “pequena edificabilidade” no paseo Alcalde Blanco para a instalación dun quiosco, pero culpando aos populares de “rompelo” ao propoñer neste momento unha edificabilidade de 18 metros.

As alegacións que propón a oposición ao Plan Especial do Porto demandan potenciar o sector a pesca fresca, a integración do porto coa cidade, que o porto sexa só do Concello de Marín, que se recuperen os terreos que actualmente ocupan as oficinas de Nogueira cando remate a concesión, o mantemento da edificabilidade de 12 metros na Avenida de Ourense, e conservar a mesma edificabilidade prevista en 2005 na zona do paseo marítimo.

Despois de ler a moción, Veiga seguiu redundando no discurso, repetindo machaconamente os argumentos, arrastrando penosamente as vocais cando non daba fiado unha frase coa seguinte. Incapaz de mirar ao futuro dende o presente, o ex-alcalde segue anclado no tempo pasado; nesta ocasión, para defender a xestión do anterior presidente da Autoridade Portuaria, Juan Carlos Surís, do que dixo que era o único que “entendía as relacións porto-pobo dun xeito integrador” a nivel económico, social e deportivo. Como se traer as oficinas de Pontevedra a Marín, remodelar o parque interior do recinto portuario ou asinar convenios non foran funcións propias dese cargo, independentemente do signo político da persoa que o ostentara; como se houbera que estarlle eternamente agradecido por un traballo que vai implícito no soldo, nada desdeñable, por certo.

Logo de elevar aos altares a Surís, Veiga acusou o seu sucesor, Benito Suárez Costa, de “darlle as costas aos veciños” coa súa visión da xestión do porto, elevando as alturas das edificacións “para que os veciños non poidan ver o mar”. Tamén meteu no saco das críticas a María Ramallo, ao suxerir que conspirou “con aleivosía e nocturnidade” conversando en secreto co presidente da Autoridade Portuaria para elevar a edificabilidade a 18 metros no paseo Alcalde Blanco.

Pero o máis chamativo da intervención de Francisco Veiga foi a súa pose -absolutamente forzada, artificial e ridícula- de ‘neoecoloxista’ de pacotilla, cando expresou a súa indignación porque o Goberno local pretendía instalar “unha MOLE na punta do muelle”. “Pasáronse de frenada”, engadiu o ex-alcalde, facendo un alarde de ‘todolosabetodoloentiende’. Quen finxe preocuparse agora pola imaxe da fachada marítima de Marín censurando a instalación dun auditorio ao pé da ría, pero que ao mesmo tempo é capaz de defender con teimosía e inquina a instalación dun polígono industrial na mesma fachada marítima pero uns poucos centos de metros por riba do nivel do mar, demostra que é un perfecto incoherente, un auténtico hipócrita e de todo menos serio.

“Hai un Pxom que marca un polígono no Monte Pituco para instalar empresas que non teñan que estar no porto”, ousou dicir Veiga inmediatamente despois de escenificar o seu escándalo particular pola “mole” de cemento que o PP pretende instalar -desafortunadamente, abofé- diante da illa de Tambo. As súas palabras volven ser un desafío á plataforma DEFENDE O MONTE PITUCO, unha nova pataleta contra as declaracións de Suárez Costa cando, en novembro de 2009, o actual presidente da Autoridade Portuaria reiterou con rotunda claridade que Monte Pituco fora “desbotado no ano 2000” como posible ubicación dun porto seco debido ao desnivel do terreo. Terco e caprichoso, Francisco “Mole” Veiga; un ex-alcalde tan duro de mollera que só ve “quimeras e ilusións” no ollo da alcaldesa, pero que é incapaz de ver “despropósitos e aberracións” no seu propio ollo.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: