Publicado por: MontePituco | 15/10/2012

JUAN ‘PINOSECO’ MURADAS

Para ilustrar este artigo abrimos a páxina do casetodopoderoso Google, tecleamos na barra de busca “pino seco Bagüín” e picamos en “imaxes”. E o resultado, malia que lle disguste ao concelleiro Juan Muradas é: “Your search did not match any image results”. Que significa, por se non se manexa abondo co inglés, que a busca non deu ningún resultado. Así que non hai máis remedio que acudir ao punto onde se atopan os restos da árbore para dar fe de que alí segue, e que non hai sombra posible ao carón do seu tronco inerte.

Podía terse convertido nunha árbore moi famosa; podía ter sido motivo de peregrinación multitudinaria por parte de propios e estraños; podía terse inmortalizado como reclamo turístico e icono de marketing en chaveiros, chisqueiros e camisetas que situaran a Bagüín e a Marín no mapa internacional. Non será pola falta de publicidade que a cotío lle fai Muradas, tendo en conta que o pino seco é un dos “clásicos” do veterano edil socialista en cada pleno da actual lexislatura.

A súa participación nas sesións da Corporación redúcese practicamente ao apartado final de rogos e preguntas, cando desprega o seu abano -cada vez máis sobado e gastado- de temas recorrentes: a vixiancia da Casa Consistorial dende que a Policía Local se mudou ás instalacións remodeladas na esquina da rúa da Estrada; o polémico grosor das lousetas de pedra que se instalan nas rúas ao abeiro das obras do Plan Arela; a reposición de farolas, baldosas e farolas na rúa Camiño Vello de Seixo; o “non tan famoso” pino seco de Bagüín, á vista da ausencia de imaxes na Internet da defunta conífera… Hoxe, en cambio, cómpre parabenizar a Muradas porque xa puido tachar unha reclamación “histórica” da súa lista, porque o Goberno local xa instalou no cruce da rúa Escribano o espello que viña reclamando con tanta insistencia.

Haberá que agardar ao vindeiro pleno de novembro para saber se Muradas, inasequible ao desalento, segue preguntando polo pino seco despois da contestación que hoxe lle deu a alcaldesa María Ramallo sobre este particular: “O tema foille trasladado a Urbanismo porque o Concello non pode entrar nunha finca privada, por moi seco que estea o pino”.

Dende DEFENDE O MONTE PITUCO queremos apoiar a heroica causa de Juan Muradas na súa Constante preocupación pola flora deste municipio. Así, ao pino seco de Bagüín pode engadir tamén non un, senón TRES pinos secos que hai no lugar do Caeiro, a escasos metros da estrada. Non están nun lugar tan chan como o de Bagüín, senón que se atopan nun terreo bastante inclinado: un deles xa partiu pola metade, entre o apodrecemento que ten, as inclemencias do tempo e o efecto do desnivel, pero os outros están enteiros, teñen unha altura considerable, e no caso de caer polo efecto dun refacho de vento forte, a bo seguro que será contra o lado da estrada, podendo causar algún ferido ou dano material.

E por se fora pouco, moi preto deses tres pinos secos hai DOUS carballos secos que, polas súas dimensións tamén poden caer e causar estragos nunha propiedade colindante. Sen esquecer que, algo máis abaixo, no límite entre a Bouza e o Caeiro, hai UN carballo seco máis que está a carón da estrada e dunha vivenda, que tamén correrían perigo en caso de que se derrumbe.

A lista de pinos, carballos, eucaliptos e outras especies arbóreas que, coa súa irreparable defunción, deixaron de obsequiarnos coa súa función beneficiosa de osixenar este malpocado planeta, seguramente é moito maior, no que ao termo municipal marinense lle afecta. En todo caso, sirvan estes exemplos doutros pinos e carballos secos para instar o Sr. Muradas a ampliar os seus horizontes na procura de máis reivindicacións, como lle corresponde facer dende a oposición.


Responses

  1. Al olmo viejo, hendido por el rayo
    y en su mitad podrido,
    con las lluvias de abril y el sol de mayo
    algunas hojas verdes le han salido.

    Dispensade que poña AntonioMachadiana, pero agardo que no cerebro de Muradas, algún día… aconteza outro milagre da primavera, e lle broten duas ou tres neuronas.

  2. Pino seco?
    Nome Inesacto
    En Marín sempre se lle chamou Juan Alcornoque Muradas

  3. Gústame a resposta da alcaldesa, aínda que se fose un perigo para a xente, igual tería que buscarlle unha solución legal: “O tema foille trasladado a Urbanismo porque o Concello non pode entrar nunha finca privada, por moi seco que estea o pino”.

    Ollando a foto non parece un sitio de paso, polo que entendo que compete só aos propietarios. Pero se me gusta a resposta da alcaldesa, é que como levo dicindo nos meu blog sobre o monte común, aquel nefasto Medio Rural do bipartito -a nivel particular-, si que nos entrou nunha finca para atravesárnola con unha pista. O que ven a demostrar que unha cousa son as siglas, e outra, as persoas.

    • A primeira foto corresponde aos pinos secos que hai no Caeiro, non o pino seco (en singular) cuxa existencia denuncia Muradas no lugar de Bagüín. Os dous están ao carón dunha estrada pola que transitan vehículos constantemente.
      En calquera caso, grazas a tod@s pola vosa participación.

  4. que pena mais grande sinto
    o ver que no consistorio
    un edil anda notorio
    en busca dun seco pino

    e digo eu meus conveciños
    ¿non habera cousas dabondo
    que este mozo tan lirondo
    teña a ben nos plenos decirnos?

    que magoa que perda o tempo
    con cousas tan cheas de nada
    estando MARIN plagada
    de moitas cousas sen xeito

    señor Muradas por favor
    deixese de falcatruadas
    ousexa de cousas parvas
    ¡calado estaria mellor!

    • Coplas pola xubilación de Muradas, por Jorge “Champy” Manrique.
      Para que logo digan que corren malos tempos para a lírica…


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: