Publicado por: MontePituco | 11/09/2012

BIOGRAFÍA DE JOHN BALAN

[Portada do libro, feita en madeira, coa técnica do pirograbado]

Catro anos despois do seu pasamento, a figura de John Balan segue suscitando unha mestura de nostalxia, admiración, curiosidade, gratitude. Un personaxe tan atípico dalgunha maneira tiña que trascender no tempo e na historia. Acaba de saír do prelo -e xa se atopa nas librarías- un libro biográfico sobre a figura persoal e artística de Manuel Outeda, o home orquestra máis coñecido non só a este lado do río Lameira, nin tan só o río Lérez, senón mesmo alén do río Miño. O autor da obra, publicada por Teófilo Edicións, é Rafael Pintos Méndez -Wladimir Dragossán-, compañeiro de espectáculos e escenarios, que lle rende homenaxe ao que fora o cowboy máis famoso de toda Galicia.

“John Balan, un yanqui en la corte de Breogán” recompila moitos datos seus: dende a súa nenez en Seixo ata pintorescas anécdotas das actuacións deste senlleiro showman, pasando por diversos aspectos da súa intensa -e nada doada- vida. A presentación do libro celebrarase o vindeiro 21 de setembro no Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia, ás 20:30 horas. A xulgar pola rápida propagación da noticia desta publicación a través das redes sociais e da prensa, abofé que será un acto multitudinario.

Non podía ter mellores patriños este libro: o xornalista pontevedrés Xabier Fortes asina o prólogo, e conta tamén coa colaboración dos escritores Manuel Rivas e Alfredo Conde, do presentador Jesús Quintero e do psiquiatra Alfonso Casas, que evocan a memoria de Outeda-Balan. 300 páxinas adobiadas non só con palabras de afecto, senón tamén con moitas fotografías que Pintos-Dragossán vai intercalando ao longo do relato dos momentos divertidos que compartiron nas súas actuacións conxuntas.

Quen non lembra as peripecias de John Balan nos vellos trolebuses que cubrían a liña Marín-Pontevedra. Quen non ten asistido a algún dos seus concertos vocais: memorable foi aquel domingo do ano ‘oitentaetantos’ no Lago de Castiñeiras, con motivo da xa desaparecida Festa do Cazador. Entre a arboreda, unha morea de xente rodeaba un improvisado escenario. Alguén da organización buscaba desesperadamente unha porta. Foi achegarlla, e John Balan situouse diante dela, achegouse ao micro e comezou o seu número, quecendo a gorxa e animando a concorrencia. Así como comezaba a ‘trompetear’ coa súa voz, no momento de engadir a percusión, foi petar coa man na porta e a madeira cedeu, de tan apodrecida que estaba. Non se sabe como remata esta historia tan real coma a vida mesma; seguramente co público esmendrellándose da risa e co entrañable John Balan invocando ao seu tocaio Wayne e a toda a horda de indios e vaqueiros do salvaxe Oeste.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: