Publicado por: MontePituco | 18/08/2012

NOVOS PETROGLIFOS NO ‘ESPAZO SETE CAMIÑOS’

Os petroglifos de Outeiro da Edra e da Pedra Escorregadoiro, ambos na parroquia veciña de Lourizán (Pontevedra), son algúns dos últimos achados que se incorporan ao xa amplo e interesante catálogo de gravados rupestres que posúe o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, un proxecto que conta co apoio dunha vintena de colectivos nas bisbarras de Pontevedra e do Morrazo, entre eles Defende o Monte Pituco.

Porque no ámbito do Pituco hai varios petroglifos que tamén se inscriben neste roteiro: os gravados de Pornedo, de Sete Camiños, de Piñeiral de Caeiro, da Carrasca… Elementos para os que Defende o Monte Pituco vén reivindicando unha actuación das Administracións competentes para que se poñan en valor, para evitar que sofran agresións no seu contorno, para que poidan ser visitadas e admiradas nun contexto respectuoso como lles corresponde por tratarse de Bens de Interese Cultural catalogados.

Defende o Monte Pituco felicita a Lukas Santiago e a Rafa Quintía, descubridores dos petroglifos citados ao comezo deste artigo, integrantes da comisión técnica do proxecto de creación do Espazo Sete Camiños e directivos da Sociedade Antropolóxica Galega.

Pero non podemos esquecer que, aínda que se trata dunha iniciativa moi encomiable, o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños é unha iniciativa social; carece de apoio institucional e, aínda que os Concellos de Pontevedra e de Vilaboa amosaron no seu momento o seu interese por estudar o seu respaldo ao proxecto, non conta con ningún impulso oficial e todo canto se consegue ou se organiza é a conta do esforzo dun grupo de persoas que traballan de forma completamente altruista, a prol da protección do patrimonio natural e cultural.

En canto ao Concello de Marín, na anterior lexislatura o grupo municipal do PSOE nin sentía nin padecía e todos os intentos por contactar co exalcalde, Francisco Veiga, toparon co máis desprezativo dos silenzos; o BNG, pola súa parte, nunca se amosou partidario de apoiar o Espazo Sete Camiños, aínda que a exconcelleira de Cultura, Esther Crespo, paseouse polos petroglifos de Pornedo cun grupo de sendeiristas que percorreron o roteiro. Unha Esther Crespo que, por riba, aspiraba a formar parte da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián e que, aínda que pola súa tendencia política podíase supoñer que ten unha certa sensibilidade por estes temas, non tivo o valor de posicionarse ao favor da creación do Espazo. E no actual Goberno Local, aínda que a alcaldesa e algúns concelleiros tiveron polo menos a xentileza de molestarse en subir ata o monte para coñecer unha mínima parte do enorme potencial deste proxecto que descoñecían, renuncian a darlle posibilidades de prosperar porque o PXOM condea o Pornedo e todo o seu contorno no termo municipal marinense a converterse, nun futuro indefinido, nun polígono industrial que arruinaría de maneira catastrófica e irreversible a idea de pór en marcha o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

Unha vez máis, unha proposta cidadá que reportaría riqueza -como elemento identitario, como reclamo turístico, como xerador de emprego- de maneira ilimitada no tempo para as xeracións presentes e vindeiras, choca coa irracionalidade do poder político e especulativo.


Responses

  1. […] petroglifos de Outeiro da Edra e da Pedra Escorregadoiro, cuxo descubrimento se fixo público este pasado verán, foron as últimas incorporacións ao xa de […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: