Publicado por: MontePituco | 17/08/2012

MARÍA RAMALLO APOIA O POLÍGONO NO PORNEDO

A rexedora municipal de Marín, María Ramallo, quitou a careta da ambigüidade que tiña posta dende mesmo antes de acceder á alcaldía, ao posicionarse claramente a favor da instalción dun polígono industrial no Monte Pornedo, agora que xa é practicamente oficial a través dese delirante PXOM que non quixo ter en conta a lexítima protección ambiental que posúe este espazo e as difíciles condicións da súa orografía natural para urbanizalo, sen esquecer a abundancia de restos arqueolóxicos catalogados e a privilexiada localización deste enclave sobre a ría, causando un impacto paisaxístico descomunal e irreversible.

María Ramallo dicía por activa e por pasiva que o PP de Marín era partidario doutra ubicación para aloxar chan empresarial co argumento de que o Pornedo tería obxeccións a nivel ambiental, e fixo un paripé digno dun Óscar de Hollywood á mellor interpretación ao instar o anterior Goberno local do bipartito PSOE-BNG a dirixirse á Sociedad Estatal Pública Empresarial de Suelo (SEPES) solicitando un estudo de viabilidade da zona de Pastoriza, que non figuraba no proxecto do PXOM. Agora, ostentando a alcaldía, vese “bendecida” xa non con un, senón con dous proxectos que, polo menos no caso do Pornedo, é un auténtico ATENTADO ao sentido común, por moito PXOM que o avale.

Declarou María Ramallo que “ter pasado o primeiro filtro” da Xunta significa que “o impacto medioambiental non é tan grande”. As súas palabras reflicten un certo desdén polos argumentos que non só DEFENDE O MONTE PITUCO, senón tamén colectivos importantes como a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, a Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, así como outros non menos relevantes a nivel municipal como a Asociación de Veciños de San Xulián, o Colectivo Nacionalista de Marín, Almuinha ou Ronsel, vimos mantendo a prol da conservación do Pornedo e da posta en valor dos seus valores paisaxísticos e culturais a través da creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que segue sumando novos elementos prehistóricos que enriquecen esta interesante iniciativa social que apoian unha vintena de organizacións da bisbarra.

María Ramallo felicítase de que o Concello de Marín presentara alegacións ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais pola baixa puntuación que o informe técnico lle dera a este emprazamento, coma un alumno frustrado que lle vai reclamar ao profesor unha suba da nota tras suspender o exame. As alegacións do Concello de Marín constan dun dictame de apenas 8 folios, cun anexo dunha trintena de páxinas referidas ao Pornedo que basicamente se apoian en dous argumentos: a avaliación ambiental estratéxica e o PXOM.

Precisamente, o Informe de Sostibilidade Ambiental (ISA) do PXOM -que catalogaba o Pornedo no ámbito protexido dos Montes do Morrazo- era o que máis atrancos lle poñía á urbanización deste monte:

“Cómpre trasladar ao Planeamento o papel clave dos montes de Marín non só na natureza e na paisaxe municipal, senón tamén como unha contribución relevante ao patrimonio ambiental do Morrazo”, afirmaba o ISA.

Noutro parágrafo, o informe ambiental referíase aos fitos paisaxísticos do Concello: “…Determinadas chairas en zonas altas, chans, que adquiren a súa condición de miradoiro cara ao espazo inmediato: Outeiro de Campolongo, Allariz, miradoiro de Teoira, miradoiro de Pereiro, Castiñeiras, miradoiro de Pituco e O Sequelo”.

Tamén había un apartado relativo ás RESTRICCIÓNS, unhas de tipo AMBIENTAL E PAISAXÍSTICO, e outras NORMATIVAS. En canto ás restriccións ambientais e paisaxísticas, o ISA apuntaba que “o conforman o espazo forestal dos Montes do Morrazo e outros enclaves arborados do municipio asociados a factores de ALTITUDE e RELEVO, e á PROXIMIDADE DO LITORAL; unha casuística na que encaixa perfectamente o Monte Pornedo. Pero máis aló, as restriccións normativas incluían “as áreas de protección ambiental do patrimonio incluidas nos espazos naturais das Normas Subsidiarias e Complementarias Provinciais e os espazos protexidos polas Directrices de Ordenación do Territorio (Montes do Morrazo e Cotorredondo). Este grao de restricción ten un VALOR LIMITANTE ABSOLUTO PARA USOS URBANÍSTICOS DE CARÁCTER RESIDENCIAL E INDUSTRIAL.

Se logo disto as malas prácticas dos políticos que nos des-representan e as súas prevendas nas numerosas roldas de negociacións que mantiveron, contribuiron a reescribir á súa comenencia estas rotundas directrices, converténdoas en papel mollado, queda á súa conciencia, se é que a teñen.

Semella que as alegacións presentadas polo Concello fan unha interpretación un tanto arbitraria dos mapas e das cores, pintando e despintando onde convén. Así, plantexan que no Monte Pornedo as RESTRICCIÓNS AMBIENTAIS son de tipo “baixo” e “alto”, como se a zona da Pena, do Caeiro e da Bouza afectadas no ámbito do polígono tiveran as mesmas cualidades que o centro urbán, cando se trata de “espazos de cultivo nos que predominan o viñedo como elemento estrutural e os cultivos anuais”, así como “superficie de matorial sometida a tratamento agrario”; unha descrición á que lle corresponde un tipo de aptitude “MEDIA”, mentres que ao monte propiamente dito, correspóndelle, en efecto, un grao de restricción ambiental “ALTO” por tratarse de “espazo forestal e arborado”.

En canto ás RESTRICCIÓNS NORMATIVAS, a zona incluida no polígono reúne ámbitos con GRAOS DE RESTRICCIÓN “MOI ALTO” (dominio público marítimo-terrestre – non en van unha parte está afectada polo Plan de Ordenación do Litoral-, protección integral do patrimonio arqueolóxico e protección ambiental en espazos naturais das Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento e das Directrices de Ordenación do Territorio), “ALTO” (servidume de costas, protección ambiental do patrimonio arqueolóxico, espazos naturais catalogados nas NSCP/DOT nos montes veciñais) e “MEDIO” (zona de policía do dominio público hidráulico, montes veciñais en man común e espazos catalogados nas NSCP).

Por esta suma de motivos, o mapa conxunto que mide a APTITUDEdo emprazamento designado para o polígono reflicte que na zona concéntrase espazos maioritariamente catalogados como “MOI BAIXA” e “BAIXA” aptitude. E onde se marca que a aptitude é de tipo “MEDIO”, basta fixarse no mapa posterior de intervisibilidade (fraxilidade visual), para apreciar que esa zona, que se atopa inmediatamente por riba dos lugares da Pena e do Caeiro, ten unha MOI ALTA INTERVISIBILIDADE.

Sorprendentemente, o Concello alega que o 81% da superficie total do parque empresarial proposto no Pornedo encádrase dentro da categoría de aptitude ambiental “media”, unha consideración que, Á VISTA DOS PLANOS, CARECE DE CREDIBILIDADE. O informe do Concello, establece que a superficie de “baixa” aptitude ambiental acada o 17,2% pola súa pertenza aos Montes do Morrazo, recollido nas Normas Subsidiarias e Complementarias da provincia de Pontevedra, ao que engade que “non foi incluido dentro da Rede Natura 2000”, nun xesto que se pode considerar de DESPREZO cara a este espazo natural, cando precisamente colectivos como a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo vén reivindicando dun tempo a esta parte que os Montes do Morrazo se inclúan na Rede Natura ao considerar que cumpren os requisitos necesarios para beneficiarse dese estatus ambiental.

En canto á análise do MAPA DE INTERVISIBILIDADE as alegacións do Concello din que “no cadrante correspondente ao parque industrial proposto pódese observar que toda a superficie atópase dentro da categoría ‘alta ou moi alta moi baixa intervisibilidade’, o que fai desta localización un enclave que, aínda que apropiado, NECESITE DUNHAS MEDIDAS CORRECTORAS (deberase someter o Plan de Desenvolvemento e o seu Proxecto de Urbanización aos informes sectoriais correspondentes e, en concreto, do Ministerio de Defensa, D.G. de Aviación Civil e Consellería de Cultura e Turismo, así como ao procedemento establecido no R.D.L. 1/2008, de 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Avaliación Ambiental)”.

E isto foi o que levou a que, na quinta fase de elaboración do PXOM, se decidira incluir o Pornedo como Solo Urbanizable Non Delimitado para xustificar a súa actual clasificación como Solo Urbanizable Delimitado.

…O que constitúe unha auténtica ABERRACIÓN dende o punto de vista non só ambiental, senón normativo. Porque así como resulta inverosímil que un 80% da superficie do polígono teña unha aptitude ambiental de tipo “medio”, tendo en conta que o Monte Pornedo se inscribe nos Montes do Morrazo, clasificados como Solo Rústico de Especial Protección de Espazos Naturais, onde xa non cabe discusión posible é no feito de que o MAPA DE RESTRICCIÓNS NORMATIVAS reflicte que no Pornedo se concentran áreas de restriccións de tipo “medio” e, sobre todo, “alto” e “moi alto”. Pero a maiores, para redundar nos argumentos en contra do polígono e a favor da conservación do Pornedo, o MAPA DE INTERVISIBILIDADE é rotundamente claro ao plasmar que a intervisibilidade é, maioritariamente “ALTA” e “MOI ALTA”, e que só unha pequena parte, a máis interior e limítrofe co concello veciño de Pontevedra, ten zonas de intervisibilidade “media”, “baixa” ou, en moita menor medida, “moi baixa”. As alegacións do Concello neste sentido, son pois, o reflexo dunha manipulación informativa baseada na palabrería e na repetición dunha mentira que, ao estilo da fórmula propagandística de Goebbels, aspira a converterse nunha verdade.

A alegación do Concello de Marín só se apoia en que o polígono previsto no Monte Pornedo atópase “moi próximo ao nó de enlace coa Variante de Marín” e, de maneira revirada, cunha absoluta falta de rigor, argumenta que está orientado a actividades empresariais e industriais “que teñan unha estreita relación co porto”, cando a Autoridade Portuaria manifestou publicamente que esta proposta “foi REXEITADA no ano 2000” debido ao desnivel do terreo e á falta de conexión ferroviaria. A alegación do Concello de Marín recoñece que a APTITUDE AMBIENTAL para a urbanización é “BAIXA” (nun 20,5%) e “MOI BAIXA” (nun 30,5%), o que suma un 51% de NEGATIVIDADE. [Esta cifra CONTRADISE claramente con aqueloutra na que o Concello de Marín afirmaba que a aptitude ambiental é de tipo “medio” nun 81% da superficie.] E atribúe esta calificación negativa á existencia das “áreas de protección ambiental dos petroglifos de Pornedo, Sete Camiños e Pinal do Caeiro. Tamén está afectado pola área de protección ambiental do túmulo megalítico de Chan da Lagoa, aínda que este xacemento non está dentro dos límites de Marín. Estes valores patrimoniais teñen especial relevancia ao formar parte dos Montes do Morrazo”.

E aínda así, con todos estes inconvintes, aos que se suma a súa “moi alta intervisibilidade”, a urbanización do Pornedo faríase “a curto-medio prazo”, coa previsión de instalar unha subestación eléctrica e un depósito de auga de 3.500 m³. Auga que, seguramente se detraería dos ACUÍFEROS NATURAIS -legalmente inscritos- que posúe o monte, e que suministran os veciños dos lugares da Pena, Caeiro, Bouza, Bravos, Casal, Arealonga… tanto para consumo doméstico como para regadío das fincas: mananciais de Fontenla, As Presas, Gorgullón do Pino/Fonte das Pulgas, manancial de Sete Camiños, de Cachada de Carballo, Fonte Lagoa/Fontáns, Monte da Serra… todos eles AFECTADOS polo polígono e con CENTOS DE VECIÑOS damnificados pola súa MÁIS QUE PROBABLE PERDA.

As MEDIDAS CORRECTORAS son un auténtico brinde ao sol, unha brincadeira literaria e quedan moi ben sobre o papel pero, na práctica, NON SE VAN CUMPRIR, porque en ningún parque industrial -xa non só na provincia, senón en Galicia enteira- se coñece un só polígono que sexa respectuoso co contorno: a fauna, a flora, os regatos, o contorno paisaxístico, os xacementos arqueolóxicos… todo o sistema AGREDIDO polos taludes de formigón, o asfalto, o tendido eléctrico, a contaminación atmosférica e acústica.

“Adoptaranse as necesarias accións PREVENTIVAS encamiñadas á PROTECCIÓN do PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO. No deseño do espazo industrial implantaranse MEDIDAS DE CARÁCTER PAISAXÍSTICO para INTEGRAR as instalacións na PAISAXE FORESTAL do contorno e MITIGAR a ALTA EXPOSICIÓN VISUAL. O carácter discreto dos elementos do patrimonio a protexer facilita a súa preservación mesmo respectando o seu contexto mediante o AXEITADO DESEÑO do tratamento paisaxístico do espazo industrial. Polo que respecta aos MONTES DO MORRAZO, este enclave afecta a unhas parcelas en posición distal e nas que predomina a vexetación rasa. A implantación dun espazo industrial nesta zona NON LLE AFECTA por tanto ao PAPEL ESTRATÉXICO destes Montes para a conservación do Morrazo, xa que se conserva no PXOM de Marín a integridade destes montes como Solo Rústico de Especial Protección de Espazos Naturais. A este respecto, o urbanizable industrial de Pornedo non incide no principal problema de conservación da biodiversidade forestal, a fragmentación de hábitats”.

…Se estas son as “garantías” que ofrece o Concello de Marín para que a hipotética instalación dun polígono industrial ou plataforma loxística no Pornedo non repercuta negativamente nin no patrimonio arqueolóxico, nin no impacto paisaxístico, nin no papel estratéxico dos Montes do Morrazo, QUE BAIXE DEUS E O VEXA. Dar por válidas estas afirmacións tan peregrinas é como CRER NOS PAXARIÑOS PREÑADOS e teñen un TUFO PANFLETARIO que raia o insulto.

Ter a audacia de RECOÑECER que existe unha ALTA EXPOSICIÓN VISUAL e afirmar que se implantarán “medidas de carácter paisaxístico para integrar na paisaxe e mitigar a alta exposición visual” dun polígono industrial cunhas dimensións de 74 hectáreas, lembra as vellas aspiracións do antigo voceiro popular no Concello de Pontevedra, Telmo Martín, de soterrar viais de comunicación e prazas públicas; ou aquel ridículo aspecto que luciu durante un tempo a fábrica de Celulosas, coa súa fachada pintada de colores, ondas do mar, barcos e animais mariños nun intento “cutre” de disimular o seu impacto visual a carón da ría e transmitir unha cuestionable imaxe de responsabilidade ambiental que non lle pegaba nin con cola.

En canto a outros aspectos das alegacións do Concello ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, o Goberno Local intenta gañar puntos restándolle importancia á incidencia do PLAN DE ORDENACIÓN DO LITORAL no perímetro do polígono previsto no Pornedo. O Concello recoñece que o parque empresarial proxectado no Pornedo “ten unha pequena parte do seu perímetro coa área de ordenación do POL, quedando a maior parte do enclave proposto dentro do que o Plan Sectorial denomina ‘zona de afección’, definida por unha franxa de 500 metros de distancia dende a zona de ordenación”.

Nas alegacións presentadas por DEFENDE O MONTE PITUCO no sentido de reforzar a incidencia do POL na área industrial, xustificando a súa cercanía coa franxa litoral, faise unha relación das recomendacións que fai o POL para o desenvolvemento de parque empresariais: “Limitar as actuacións que dean como resultado a obstrucción de vistas; evitar a construcción sobre elementos dominantes da paisaxe, cristas topográficas e zonas culminantes do terreo; evitar alteracións innecesarias da pendente natural dos terreos, minimizar os movementos de terra; evitar a cubrición de canles naturais; ou evitar procesos de escorrenta e arrastres de estériles ou residuos das posibles actuacións que afecten á calidade das augas.

Todas estas premisas INCUMPRIRÍANSE no caso do Pornedo, habida conta da súa elevada intervisibilidade, da presenza de mananciais e fauna protexida asociada aos regatos, como a saramaganta rabilonga, que está catalogada como especie endémica vulnerable e incluida no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Outro aspecto onde o Concello de Marín pretende saír beneficiado é no balance das PENDENTES:

“A pesar de estar situada nos montes de O Morrazo, e a súa gran superficie, a zona delimitada ten unha pendente media de 7, 84%. O 30,12 % da superficie (31 ha) ten unha pendente menor do 5%. A maior superficie corresponde á categoría de pendente entre o 5 e o 10%, representa o 41% da superficie total (41,8 ha). Para a valoración emprégase a pendente media do terreo. A maior parte do terreo onde se sitúa o enclave empresarial non supera o 15% de pendente, con zonas onde se superan o 20%”.

Unha vez máis, o Concello de Marín volve utilizar os datos NO SEU BENEFICIO. Porque neste caso estaríase analizando o desnivel da plataforma loxística Pontevedra-Marín, na que só unha pequena parte da hipotética área empresarial se sitúa no ámbito territorial marinense, mentres que o groso do polígono recae no municipio colindante de Pontevedra, que REXEITA a construcción desta infraestrutura e presentou alegacións en contra da mesma.

O INFORME TÉCNICO encargado por DEFENDE O MONTE PITUCO sobre a superficie afectada pola plataforma loxística Marín-Pontevedra revela a existencia de pendentes elevadas do terreo nun 25% da superficie prevista como parque empresarial”. Unha porcentaxe nada desdeñable.

En cambio, como xa se ten reiterado en numerosas ocasións, se o que se pretende analizar non é o ámbito xeográfico da PLATAFORMA MARÍN-PONTEVEDRA, senón a área industrial contemplada no PXOM de Marín, que se cingue unicamente a territorio marinense e afecta de cheo ao MONTE PORNEDO, cambia o conto de forma radical, como demostra o informe técnico elaborado en marzo de 2010: “o 92,60% da superficie do posible polígono industrial no Monte Pornedo ten unha pendente superior ao 15%.

Máis datos reveladores: o 57,36% da superficie, máis do dobre da extensión prevista, ten un desnivel superior ao 35%, máis do dobre da pendente recomendada pola “Guía de Recomendaciones Técnicas para el Proyecto Integral de Parques Empresariales en Galicia”, publicada en 2009 polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. E só o 7,4% do terreo ten unha inclinación inferior ao 15% recomendado.

OS NÚMEROS SON CONTUNDENTES e demostran que a instalación dun polígono no Monte Pornedo é INVIABLE dende o punto de vista ECONÓMICO, posto que a obra civil sería de tales dimensións que absorbería un cuantioso desembolso monetario. E isto obrigaría a taxar o metro cadrado a un prezo inasumible para os empresarios que estiveran dispostos a investir, razón pola cal ao redor de Marín hai milleiros de metros cadrados de chan industrial baleiro: polo seu elevado custe, pola falta de planificación con criterios de racionalidade financeira, pola nula sensibilidade urbanística e ambiental, que levou a instalar parques empresariais en zonas inadecuadas.

As alegacións do Concello volven caer na CONTRADICIÓN e no contrasentido cando, despois de ter afirmado que “a maior parte do terreo onde se sitúa o enclave empresarial non supera o 15% de pendente”, refírese á COMPOSICIÓN XEOLÓXICA E XEOTÉCNICA do terreo nos seguintes termos:

“A drenaxe superficial está moi favorecida polas ELEVADAS PENDENTES (…) As súas características mecánicas con moi favorables, SE BEN PODEN APARECER PROBLEMAS RELACIONADOS COAS ELEVADAS PENDENTES“.

E aínda así, o informe do Concello insiste en que as condicións de pendente son “favorables”.

E fronte ao interese da Xunta por promover a creación de parques de ámbito comarcal, como a proposta da plataforma Marín-Pontevedra, o cambio de ubicación proposto polo Concello de Marín para que o polígono se circunscriba unicamente ao ámbito do solo industrial contemplado polo PXOM no Pornedo, réstalle posibilidades a un parque empresarial que o Goberno Local marinense reduce só a nivel “municipal”.

Con todo, as alegacións do Concello de Marín ao Plan Sectorial para que se reconsidere a puntuación outorgada polo informe da Xunta a respecto do polígono proposto no Monte Pornedo, só conseguen aumentar a puntuación final do parque nun punto máis (73) fronte á nota anterior inicial (72) que a Administración autonómica tildaba de inviable.

Se agora, cinco meses despois de que rematara o prazo para a presentación de reclamacións ao Plan Sectorial, a Xunta decide que o que con 72 puntos era INVIABLE, agora, con 73 puntos é VIABLE, será única e exclusivamente porque se trata dun favor entre gobernos amigos do PP, a nivel autonómico e municipal. E porque había un acordo tácito para que a Xunta do PP aprobara o PXOM de Marín ostentando a alcaldía unha representante do PP.

Unha representante do PP que, en abril de 2010, cando estaba na oposición, e en pleno debate sobre futuro do Planeamento, criticou que o bipartito local PSOE-BNG apostaran polo Pituco para instalar un polígono industrial e tratara de evitar a alternativa de Pastoriza, que era a opción que apoiaba o grupo municipal do PP, por máis que acabara apoiando a aprobación do PXOM nas súas actuais condicións para non seguir demorando a súa tramitación.


Responses

  1. Apoio na súa totalidade os argumentos de Montepituco.

    • Moitas grazas. Senta ben saber que non somos os únicos que sostemos estas ideas. Saúde!

  2. […] MARÍA RAMALLO APOIA O POLÍGONO NO PORNEDO (17 de agosto de 2012) Like this:LikeBe the first to like this. […]

  3. […] MARÍA RAMALLO APOIA O POLÍGONO NO PORNEDO (17 de agosto de 2012) Like this:LikeBe the first to like this. […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: