Podería ter sido pola fresca, na mañanciña, para descubrir como o monte vai espertando e tornándose cada vez máis luminoso; ou ao mediodía, cando xa se aprecia unha intensa actividade de bolboretas, paxaros e outras criaturas diurnas que pululan entre a matogueira; ou a media tarde, para que a camiñata sexa vigorosa tralo xantar dominical. Pero nesta ocasión a estampa do Pornedo cadra entre lusco e fusco, cun solpor frustrado pola cortina de nubes que se deitan sobre a ría.
Aínda con luz abondo, comprobamos que o espazo que antano estaba ocupado polo circuíto ilegal de motorismo que acaparaban motos e quads a toda mecha, trazando coas súas rodas un labirinto de surcos fondos e areosos, volveu recuperar afortunadamente o uso agrícola que nunca debeu perder por aquel lamentable motivo. Medrou a vexetación, e nestes días pasados a veciñanza aproveitou o bo tempo para dar boa conta do fento e da herba que pouco a pouco foron cubrindo o val do Pornedo nos últimos meses.
Dentro de pouco o campo volverá reverdecer, como aconteceu nunha zona máis próxima ao mirador, onde tamén se fixo anteriormente unha corta de toxo. A explanada loce agora un novo look para camiñar comodamente entre o novo manto de vexetación.
Nestas alturas do verán tamén podemos ver como empeza a florecer a “calluna vulgaris”, un arbusto típico do monte baixo que, despois dos carrascos, vai volver tinguir a superficie do monte dunha agradable tonalidade rosada.
…E aínda seguimos pendentes de como se vai transformando a flor do “allium” [ver a sección de “Flora” a foto do allium ampeloprasum] que descubrimos hai un tempo no mesmo alto do Pornedo. Unha especie que nos foi sorprendendo día a día na súa peculiar metamorfose e que, arestora vai madurando moi amodiño, ao tempo que se prepara para deitar na terra a súa semente.
E da flora, á fauna… Despois de estresar a un pobre saltón cunha implacable sesión de fotos, atopamos no camiño os restos do que parece ser unha escaramuza entre algún paxaro cun depredador.
…Pa-ta-ta!
E despois de dar unha volta paseniño por toda a contorna, procede voltar ao miradoiro natural; o recuncho onde moitos paseantes van despedirse do sol ata o día seguinte, mentres no centro de Marín se van acendendo as bombillas do alumeado público.
Quen fai sendeirismo ou viaxa a espazos naturais autóctonos ou afastados aplica sempre unha máxima: non deixar rastro, e levar só fotografías. Seguindo esa recomendación, a visita ao Pornedo remata cunha serie de imáxenes máis -para engadir ao amplísimo catálogo visual do que pode ser o monte máis retratado da zona-… e cunha botella de plástico menos.
[…] tarefas de colleita de herba, fento e toxo que cubrían o campo do Pornedo (ler o artigo “Unha tarde de domingo no Alto do Pornedo“), tal vez para destinalo a estrume. Proba de que o monte segue cumprindo unha función […]
By: UNHA TARDE NO ALTO DO PORNEDO (II) « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 03/09/2012
at 16:18