Publicado por: MontePituco | 10/08/2012

CONSELLEIRO: INFÓRMESE E NON SE CONTRADIGA

“A clasificación dun solo urbanizable nas proximidades do Monte Pituco NON SUPÓN UNHA PERDA DO VALOR DO MESMO, xa que os seus valores están recollidos a través da súa ESPECIAL PROTECCIÓN COMO ESPAZO NATURAL“.

-Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta-

Amigas e amigos do Monte Pituco, que sodes moitos na parroquia de San Xulián, en Marín, e mesmo fóra da vila, con pleno dereito a ser siareiros entusiastas deste espazo natural, por máis que os partidarios da súa destrucción cun polígono industrial vos queiran negar o lexítimo apoio que lle dades a este modesto colectivo veciñal.

As novas da prensa local non parecen ser alentadoras estes días, ao recoller que o Plan de Solo Empresarial de Galicia vai incluir a instalación dunha plataforma loxística ou parque empresarial no Pituco. Con esta hipotética decisión, da que non temos constancia oficial, semella que a Xunta ignora os seus propios informes previos, pagados cos impostos de todos os galegos e galegas.

Aquel estudo calificaba de practicamente inviable a instalación dunha Plataforma Loxística Marín-Pontevedra de 167.618 metros cadrados de superficie neta, 279.364 metros cadrados en total. E dáballe unha viabilidade de 72 puntos basicamente por tres razóns: a principal, a pendente natural do terreo; o valor expropiatorio dos terreos comunais; e a proximidade doutras áreas empresariais. Pero tamén influían na baixa puntuación a incidencia do POL, a afección sobre os acuíferos, e mesmo a existencia de servidume aeronáutica.

Defende o Monte Pituco presentou un completo dossier de alegacións, no que a principal baza eran os MAPAS DE PENDENTES, cun resultado nada desdeñable.

O 25% da zona afectada pola Plataforma Loxística Marín-Pontevedra ten un desnivel superior ao 15%; unha porcentaxe que, segundo a “Guía de Recomendaciones Técnicas para el Proyecto Integral de Parques Empresariales de Galicia” non aconsellaría a execución desa infraestructura: “Os parques de tipo industrial non se poden localizar razoablemente sobre as zonas moi abruptas, entendendo por estas as que superen o 15% de pendente”.

Nas alegacións presentadas por Defende o Monte Pituco tamén se incluiu unha ANÁLISE DA CONCA VISUAL do parque empresarial proxectado, co seguinte resultado.

 

“A localización do parque empresarial no alto dun coto fai que sexa visible desde unha ampla zona. Analízase a intervisibilidade, os puntos dende os que se podería contemplar o perímetro do parque empresarial sobre o conxunto da ría de Pontevedra, realizando unha análise mediante un sistema de información xeográfica. O parque empresarial, sería visible dende todo o litoral norte da ría de Pontevedra (Combarro, Sanxenxo, etc) e parte do núcleo urbano de Marín e Pontevedra. Estímase en 15.300 ha. a superficie dende a cal sería visible o polígono empresarial. Estas son zonas de elevada poboación e uso turístico, polo que a afección á paisaxe e ao desenvolvemento turístico do territorio é moi elevada.

Este emprazamento é ademais incompatible coas recomendacións recollidas no Plan de Ordenación do Litoral para o desenvolvemento de Áreas Empresariais, que di que deberán evitar posicións dominantes sobre o terreo. Non se pode esquecer que o emprazamento previsto para o Parque Empresarial está incluído no ámbito do Plan de Ordenación do Litoral.

Non se pode esquecer que este é o SEGUNDO INFORME TOPOGRÁFICO encargado por Defende o Monte Pituco a unha empresa independente. O primeiro, que data de marzo de 2010, baséase exclusivamente na superficie do Monte Pituco e aledaños afectada polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Marín, que cataloga este espazo como chan industrial. Este informe é aínda máis demoledor dende o punto de vista da orografía: un 92,60 % da superficie do posible polígono industrial no Monte Pituco ten unha pendente superior ao 15 %.

 

Plano topográfico da zona afectada como chan industrial no PXOM de Marín.

En azul escuro, o territorio marinense afectado pola Plataforma Loxística Marín-Pontevedra. En vermello, a zona que o Concello de Marín alegou para que se incluira no Plan de Solo Empresarial, que coincide coa área delimitada no PXOM como chan industrial.

Os datos son absolutamente obxectivos e irrefutables. En que mapa se non, se baseou o Concello de Marín para presentar alegacións ao Plan Sectorial coa intención de obter unha maior puntuación? En que mapa se baseou o colectivo Virxe dos Remedios para chegar á inverosímil conclusión de que no Monte Pituco e nos Sete Camiños caben non só un, senón dous parques empresariais? Abofé que a súa fonte non ha ser o plano topográfico do Pornedo, senón o mapa dalgunha superficie extraterrestre.

En canto ao conselleiro Agustín Hernández, da súa percepción sobre a polémica encol do chan industrial en Marín só cabe unha lectura: falta de claridade, ou cobardía á hora de afrontar cun colectivo social legalmente constituido cal é a realidade e o futuro deste espazo ante a solidez dos argumentos que Defende o Monte Pituco está expoñendo a favor da conservación deste espazo.

Na súa última comunicación con Defende o Monte Pituco, o titular de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas indica que o PXOM de Marín clasifica esta zona como “solo rústico de especial protección de espazos naturais, catalogando á súa vez os xacementos arqueolóxicos existentes no mesmo”, que son bastantes, por certo. Con esta afirmación Agustín Hernández demostra o seu gran descoñecemento do PXOM que tanto presume de ter contribuído a aprobar recentemente de forma provisional, posto que o Monte Pituco foi clasificado no mesmo como solo empresarial, moi ao noso pesar e malia ás alegacións que se presentaron. A clasificación que verdadeiramente lle correspondería, en cambio, coincide coa valoración que Agustín Hernández fai do mesmo; non en van, o Pituco pertence ao espazo Montes do Morrazo que, efectivamente, está catalogado como solo rústico de especial protección de espazos naturais.

Foi a propia alcaldesa de María Ramallo, quen tivo que sacar do erro ao conselleiro de Medio Ambiente, nun recente encontro extraoficial cunha representación de Defende o Monte Pituco. Mentres Agustín Hernández repetía que o Monte Pituco xa estaba protexido, dende Defende o Monte Pituco replicábaselle que, malia corresponderlle ese lexítimo rango de protección urbanística e ambiental, o PXOM condenárao a figurar como chan industrial, ao que a rexedora local asentía con seriedade. Non pode ser, por tanto, que Agustín Hernández descoñeza a realidade urbanística dun territorio sobre o que lle corresponde a obriga institucional de administrar, ou finxa descoñecela cun presunto ánimo de confundir á parte administrada. Dende logo, hai que estar moi ben informado e ter as cousas moi claras para tratar cun conselleiro ou mesmo con calquera político, por moi de medio pelo que pareza.

O conselleiro de Medio Ambiente debería aceptar as invitacións de Defende o Monte Pituco para visitar este lugar, para comprobar ao pé o seu miradoiro natural o impacto visual brutal que causaría en toda a franxa litoral a instalación dun polígono industrial; para admitir que, se como obriga a lexislación, cómpre gardar un perímetro de seguridade arredor dos gravados rupestres e das mámoas catalogadas, esa plataforma loxística sería o máis parecido a un queixo grullere no medio do monte; para verificar que, efectivamente, faría falta un investimento económico desmesurado que unha Administración Pública non se pode permitir nin agora nin nunca para facer un desmonte descomunal e construir taludes de dimensións desproporcionadas para acabar poñendo o metro cadrado a un prezo desmesurado que non se podería permitir ningún empresario ou emprendedor con dous dedos de fronte.

A única alternativa razoable no futuro do Monte Pituco pasa, unicamente, por aproveitar a súa ubicación privilexiada, en plena fachada da ría, para darlle un uso ambiental, cultural, forestal e turístico que xeraría -por tempo indefinido- moita máis riqueza que todas esas naves industriais que queren instalar nun polígono ou plataforma loxística que, a todas luces, é e seguirá sendo inviable, a pesar de todas as declaracións políticas e os titulares de prensa grandilocuentes cos que se queira contaminar a opinión pública.


Responses

  1. […] CONSELLEIRO: INFÓRMESE E NON SE CONTRADIGA (10 de agosto de 2012) […]

  2. […] CONSELLEIRO: INFÓRMESE E NON SE CONTRADIGA (10 de agosto de 2012) […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: