Publicado por: MontePituco | 15/08/2012

ASEMBLEA DE AGOSTO (III)

CAPÍTULO III: AS CONTAS E O INFORME DE XESTIÓN.

Tanto alarde técnico para expoñer o informe económico e o balance de xestión -que ao final resultou bastante caótico pola falta de pericia no manexo do ordenador- que a directiva non tivo o detalle de facer fotocopias para que os comuneiros puideran dispoñer dunha relación por escrito dos gastos e dos ingresos. Pero como a asemblea está gravada, Defende o Monte Pituco puido completar os datos que non deu tempo a anotar durante a asemblea.

GASTOS:

1) Avogados:

-Miguel Lema: 2.353,20

-Belén Raposo (caso Romero): 1.031,91

*Total gastos avogados: 3.385,11 €

2) Xulgado: costas do caso Romero: 289,75 €

3) Bancos:

-BBVA: 40

-Banco Popular: 71,24

*Total bancos: 111,24 €

4) Facenda: 446,60 €

5) Seguros:

-Mapfre (seguro de resposabilidade civil da Casa de Montes): 682,12

-Mapfre (seguro obrigatorio da Casa de Montes): 2.122,78

*Total seguros: 2.804,90 €

6) Recadación municipal: 271,70 €

7) Fotógrafos e notarios (caso Romero): 304,18 €

8) Digital Plus: 423,80 €

9) Fenosa:

-Luz da Casa de Montes: 2.418,04

-Luz do campo de fútbol: 394,04

*Total Fenosa: 2.812,08 €

10) Xestoría: 200,85 €

11) 1º Prazo do expedente de legación da Casa de Montes no Concello de Marín: 1.062 € (pendente o 21 prazo)

12) Seguros Sociais das traballadoras da Casa de Montes: 8.388,51 €

13) Liquidacións, soldos e pagas extra das traballadoras da Casa de Montes: 10.638,36 €

14) Gastos da Casa de Montes

-Extintores Cesin (revisión e recarga): 333,30

-150 sillas (El Priorato): 1.575

-Fumigación (Ecoplaga): 324,50

-Cristalería de Marín (vitrina, cristais mesas): 600

-Máquina rexistradora (Mafari): 1.888

-Plancha e Fritidora: 1.392,40

-Ordenador para a oficina: 397

*Total gastos da Casa de Montes: 6.513,20 €

[Se os datos achegados son correctos, a suma destes gastos debería dar 6.510,20 €]

15) Subvencións e axudas:

-Pirotécnica Gallega (fogos de verán das festas de San Xulián): 500

-Pirotécnica Gallega (fogos para as festas de San Pedro 2012): 150

-Pirotécnica Gallega (fogos de inverno 2012 das festas de San Xulián): 500

-Pinchos (corais, grupos de percusión, pachanga de fútbol): 845

-Airiños de San Xulián (Festival Virxe dos Remedios): 350

-Os da Caña (chocolatada Entroido): 250

-Asociación de Veciños Pardavila (parque multixogos): 6.000

*Total subvencións e axudas: 8.595 €

TOTAL DE GASTOS: 46.247,28 €

INGRESOS:

1) Manuel Novas Salgueiro: 2.530 €

2) Díaz y Buceta: 5.688,90 €

3) Madeiras Paco Cacharolo: 3.286,40 + 16.432

4) Díaz y Buceta: 40.970,83

5) Madeiras Paco Cacharolo: 16.432 €

*Total ingresos: 85.340,13 € + Saldo anterior a 26 de xullo de 2011 (22.475,71 €)

TOTAL INGRESOS: 107.815,84

MENOS OS GASTOS (46.247,28)

SALDO ACTUAL (Agosto 2012): 61.568,56 €

Trala exposición da tesoureira, que máis parecía unha secretaria do mítico 1,2,3, o presidente da Comunidade de Montes tomou a palabra para expoñer as xestións que realizou a directiva neste último ano:

Cortas de madeira: A Xunta autorizou dúas cortas. Unha, que xa se realizou, na zona do Lago ata Areas de Armada, ladeira abaixo. A pista quedou en malas condicións e está pendente de ser arranxada. A outra corta -que aínda non se botou abaixo- está na zona do cerre do Lago, preto dunha caseta de información cara ao enlace con Santomé. O presidente explicou que ao carón queda unha parcela pequena para a que van pedir permiso, para facilitar o crecemento dunha masa de frondosas. Tamén sinalou que a Xunta contribuiu para a erradicación de pragas nas masas de piñeiro e eucalipto.

Recollida de lixo: “A Comunidade de Montes está cansa de pagar diñeiro en multas”, queixouse o presidente. Sen embargo, no informe das contas NON FIGURA ningún dato referente a estas sancións. Segundo o presidente, conseguiron salvarse da última, que superaba os 900 euros, grazas a ter que traballar para limpar un verquido localizado na Bouza. “Non hai concencia nesta parroquia?”, engadiu Francisco Casal. “Non creo que sexa ningún comuneiro, pero hai xente que pasa e non chama a atención nin toma unha matrícula. Isto é denigrante. Diriximos a Comunidade pero non imos ir durmir alí no monte”. Queixouse un veciño de que en Macenlle tamén os había. “A Xunta quéimanos”, engadiu o presidente. De feito, revelou que hai unha denuncia máis da Policía Autonómica a raíz dun verquido realizado na zona das Presas: “Apareceron albaráns dunha empresa que xa non existe, estanterías e lonas”, parte das cales foron retiradas por chatarreiros, segundo explicou, “pero aínda queda algo”, como así demostran as fotografías tomadas na zona.

Traballos no monte: En Macenlle realizouse a medición dunha parcela a carón da Fonte da Rega, da que “un veciño quería apropiarse”.

-Solicitóuselle á Xunta unha subvención para realizar desbroces nas marxes de 9 quilómetros de pistas. Tamén para limpeza e desbroce de cortalumes. E para reparación de 12 quilómetros de pistas. A Comunidade de Montes presentará o plan de traballo en decembro “e a ver se temos sorte e nos limpan algo”.

No apartado de rogos e preguntas, un veciño do Caeiro solicitoulle que nese plan se inclúa a pista forestal do Monte Pituco, que está chea de broza nas marxes e que ten o firme moi deteriorado debido a que as augas pluviais desbordan das canles laterais por culpa de verquidos de escombro, desprendementos de terra e vexetación acumulada que inutilizan estes regos.

Área recreativa de Pardavila: A Asociación de Veciños da Pardavila dirixiuse a varias Administracións para solicitar subvencións que lle permitan instalar un parque nun terreo cedido pola Comunidade. Un parque que é “de todos os veciños, porque a propiedade é comunal”. A directiva da Comunidade acordou concederlle unha axuda de 6.000 euros, o 30% dos 18.000 euros que precisan, co que a entidade veciñal aínda ten que conseguir a cantidade restante. Segundo expuxo o presidente da Comunidade, o orzamento total para acondicionar a zona é de 74.000 euros.

Circuito de motocross: Solicitóuselle unha subvención á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para acondicionalo. “Os rapaces vense indefensos, aquelo está sen deslindar”. Dos 54.600 € que custa a actuación, a axuda sería do 50%, de 23.600 €. Seica hai ofertas de varias empresas para facer os traballos, pero “hai que moverse para conseguir os outros 20.000 e pode ir avante”, afirmou Francisco Casal, “para que non anden polo monte para nada, a desfacer todo”, dixo sobre os motoristas.

-Xestión dunha axuda para regantes da Moreira, no lugar das Cortellas, para a instalación duns tubos.

Ampliación da beirarrúa fronte á Casa de Montes: por fin atopamos resposta ao dilema sobre o recheo situado a carón da estrada de Figueirido, entre a Variante e a área de lecer situada a carón da estrada. O presidente presumiu de que a directiva conseguiu “de balde” que se ampliara a beirarrúa que se estivo construindo na parroquia cun tramo a maiores situado en fronte da Casa de Montes que non estaba incluido no proxecto inicial. A cambio de que? “A cambio de deixarlles botar a terra alí ao lado da circunvalación, no Pituco”.

E cómpre repetir neste punto: con quen foi consultada esa decisión? con que estudo de avaliación ambiental? con que medidas de seguridade? É evidente que a cantidade de terra depositada neste espazo é inmensamente maior da que se puido ter retirado para construir o muro de contención a carón da beirarrúa de nova construcción. De onde proceden as toneladas de terra que hai a maiores? Que uso se lle vai dar a este espazo, en caso de que sexa posible o seu aproveitamento?

Caso Romero: xa está no xulgado o recurso da Comunidade e a demanda. Agora cómpre “esperar a que o xuíz dictamine, nós imos defender o que é noso, ata agora estivémolo defendendo”.

Malisimamente, por certo, con pésimos resultados a nivel legal. E cun custe económico elevadísimo, como así figura nas contas das últimas anualidade: minutas de avogados, notarios, informes, pago de costas xudiciais polas sentenzas en contra…

Plano topográfico: O presidente informou que se está facendo un plano topográfico da parroquia a raíz dos problemas de lindes coas comunidades de montes limítrofes, entre elas, a de San Tomé, “que teñen tela e non hai forma, queren todo para eles e nada para nós”, asegurou Francisco Casal. Na última xuntanza a proposta de San Tomé consistiu en que San Xulián lle dera unha parcela “que é nosa” a cambio doutra, co que “nós gañamos 13 hectáreas”, sinalou Casal.

Mentres contaba isto, na pantalla onde proxectaban o informe podíase ler: “Informe ORTOGRÁFICO” en vez de topográfico.

Actualización do censo e realización dos carnets de comuneiro: O presidente queixouse de que os comuneiros que non están na lista non se preocupan de comprobar se están censados e instou os comuneiros a acudir á oficina da Casa de Montes os venres ás 21:00 para ser atendidos.

Legalización da Casa de Montes: tal e como se expuxo no informe de contas, xa se pagou o primeiro prazo do expediente para a legalización do edificio. Pero o presidente advertiu que haberá outro problema cando o Concello alegue que o terreo no que está contruida a Casa é de titularidade municipal. O presidente propuxo que para entón se lle plantexe ao Concello a permuta dun terreo de monte comunal a cambio da parcela que ocupa a sede da Comunidade.

…Velaquí as consecuencias de ter comezado a casa polo tellado, como di o refrán.

Oficina da Casa de Montes: Comprouse mobiliario para a oficina e algúns directivos doaron material de balde. No balance de contas non se especifica nada referente á compra de mobles; tan só sillas para o salón de actos e un ordenador. A que mobiliario se refería o presidente? Tamén dixo que se optimizara o consumo eléctrico -que se reducira un 30%- cambiando as bombillas que había por outras de baixo consumo. Este investimento tampouco se reflectiu na relación de gastos.

Cobro ás asociacións “con” ánimo de lucro: O presidente da Comunidade explicou que “estase cobrando polas actividades con ánimo de lucro”, non ás asociacións culturais sen ánimo de lucro. “Solo se lles cobra aos que traen un profesor, ao que teñen que pagarlle, que lles cobra aos alumnos, e están deixando 1,50 € por hora ao mes, e algúns aínda protestan”. Para Francisco Casal “a decisión está ben tomada, non é roubarlle a ninguén”. E a que se destina ese diñeiro que se recauda? A limpeza, productos para os baños, vasoiras. “Se non se lles cobra aos que non cobran nada, bendito sexa deus, pero o que veña aquí a facer negocio, que polo menos deixe algo”.

Esta medida causou polémica na parroquia. Asociacións tan veteranas e prestixiosas como Fentos e Frouma posicionáronse en contra desta decisión. Trátase dun colectivo sen ánimo de lucro que se adica á promoción do folclore, á investigación no acervo cultural galego e a recuperar festas tradicionais. Loxicamente, os profesores que imparten clases de instrumentos algo teñen que cobrar por ese traballo, pero non é xusto que se lles penalice economicamente por utilizar as instalacións da Casa de Cultura cando noutras comunidades de montes imparten clases e ensaian de balde. Con esta medida só conseguirán baleirar de contido a Casa de Cultura e cansar ata que tiren a toalla os escasos promotores culturais que hai na parroquia. Acaso é iso o que pretende a Comunidade, co conseguinte desprestixio que conleva para a parroquia?

Por outra banda, non se supón que os productos para a limpeza da Casa de Montes e outros suministros (bombillas, papel hixiénico, ambientadores, servilletas…) non se financian cos recursos da propia Comunidade, ou mesmo do bar, onde consumen os usuarios das clases que se imparten e os seus acompañantes? Ou acaso nun bar calquera os clientes, ademais da súa consumición tamén pagan algún tipo de taxa adicional para o mantemento das instalacións?

Aluguer do bar: Un asunto moi importante que o presidente deixou a mantenta para o final, malia que se trata do maior problema económico da Comunidade, cuns gastos desmesurados que, neste último ano -entre seguros sociais e soldos do persoal contratado- acumularon preto de 20.000 euros.

O presidente recoñeceu que a xestión do bar “estábanos desangrando completamente, cuns gastos impresionantes ata o mes de abril”, polo que a directiva decidiu “cortalo de raíz porque non se podía agantar”. Casal lembrou que na acta da asemblea do 31 de xullo de 2011 a comuneira Lucinda Montenegro sinalara que “se o bar non tiña solvencia para sufragar os seus gastos, se cerrara”. Daquela, o presidente sinalou que o persoal do bar tamén se ocupa da limpeza da Casa de Montes, polo que “non había intención de cerrar as instalacións” e que fora a nova directiva -a que el encabeza, trala súa reelección- os que decidiran.

“Laureano (Allariz) estaba cansado e quíxoo deixar, xa de antes, e decidimos que María Dolores Lorenzo (a tesoureira) xestionara o bar durante cinco meses, pero non había forma e os gastos ían a máis”.

Como é posible que se diga, sen ningún rubor, que o bar da Comunidade era absolutamente ruinoso, que a persoa que o supervisaba (o vicepresidente) se aparte -ou o aparten- sen ningún tipo de auditoría ou investigación para determinar a orixe de semellante volume de gastos. E que por riba digan o que vén a continuación:

“Como ela estaba alí e nós tiñabamos potestade para alugarllo, foi decisión da directiva, menos dous votos -un en contra e unha abstención- que a partir de xuño o teña alugado. Legalmente é tesoureira da Comunidade e ten o bar. Pregunteille ao señor avogado e dixo que non había problema ningún. Cada un pode pensar o que sexa, é moi fácil, pero agantar a todo o que vén aquí, non só os que veñen consumir, con algúns hai que ter bemoles, e críticas e máis críticas…”

Como dixo ao final da asemblea un dos comuneiros, será legal -ou non, habería que contrastalo- pero DENDE O PUNTO DE VISTA ÉTICO é moi cuestionable que unha persoa da directiva da Comunidade de Montes que, por riba, ten a misión de custodiar e levar un control rigoroso das contas, estea tamén á fronte dun negocio lucrativo vencellado á propia Comunidade, e que para máis señas, tense convertido nun auténtico burato negro para as arcas da entidade. O que se require dun tesoureiro ou tesoureira é máxima transparencia no seu labor, que en absoluto se pode garantir nestas circunstancias tan dubidosas.

Nin tan sequera a decisión da directiva da Comunidade de Montes foi por unanimidade de todos os seus integrantes, que é o mínimo que se lles podería pedir cando deciden adxudicarlle a dedo a xestión do bar a unha dos seus integrantes. O que demostran así é a existencia de división no seo da propia xunta rectora.

Non é de recibo que o presidente diga que non hai ningunha traba legal e que o avogado da Comunidade -ou da directiva, máis ben- non argumente en que se basea para avalar esa suposta legalidade. Non é de recibo que o presidente veña dicindo que alá o que pense cada quen, como cando dixo “alá vós” o día no que non lle aprobaron unhas contas que logo na acta se deron como aprobadas por arte de birlibirloque.

Parece pouco razoable que o bar se lle adxudique con total nepotismo a un membro da directiva sen que medie ningún tipo de concurso aberto, como se tería procedido nunha entidade máis seria. Máxime habendo na parroquia xente capacitada e mesmo necesitada dunha saída laboral; un veciño ou veciña a quen se lle dera a oportunidade de reflotar un bar cuxa xestión é un auténtico desastre, como demostran uns números tan disparatados. A súa actual inquilina, ademais de tesoureira da Comunidade, ten unha profesión autónoma que vai poder seguir exercendo nas instalacións da Casa de Montes, facendo uso do suministro eléctrico e dos demais servizos que se pagan cos recursos da propia Comunidade. E logo reclama que non se mesture a súa actividade profesional e persoal co seu cargo na directiva…

En definitiva, a maniobra consistiu en desvestir un santo (o vicepresidente) para vestir outro (a tesoureira). E volvendo novamente ao sabio refraneiro popular, todo queda na casa.

A máxima expresión do afán de “poder” quedou plasmada cando a tesoureira se enfrontou verbalmente coa directora da Asociación Fentos e Frouma, a raíz das discrepancias desta última coa directiva en xeral e coa propia tesoureira en particular, polos cambios nos horarios dos ensaios que realiza a agrupación: “¡Conmigo no quieres hablar, pues vas a tener que hablar porque SOY YO la que gestiona la casa!”.

[PRÓXIMO CAPÍTULO: A REMOCIÓN FRUSTRADA.]


Responses

  1. […] O verán pasado localizouse un verquido no lugar das Presas, por riba do lugar do Caeiro. Nunha curva da pista que discurre paralela á variante, do lado do monte, os autores desta infracción aproveitaron un terraplén para volcar caixas de cartón, plásticos, albaráns e documentos comerciais con datos de clientes, estruturas metálicas, rodas e outros refugallos. A Comunidade de Montes notificoulle este verquido ás autoridades e comentou a problemática na asemblea de agosto. […]

  2. […] Na asemblea da Comunidade de montes de agosto do 2012 o presidente anunciou que a directiva da Comunidade decidira alugarllo á tesoureira: “Como ela estaba alí e nós tiñabamos potestade para alugarllo, foi decisión da directiva, menos dous votos -un en contra e unha abstención- que a partir de xuño o teña alugado. Legalmente é tesoureira da Comunidade e ten o bar. Pregunteille ao señor avogado e dixo que non había problema ningún. Cada un pode pensar o que sexa, é moi fácil, pero agantar a todo o que vén aquí, non só os que veñen consumir, con algúns hai que ter bemoles, e críticas e máis críticas…” (artigo “Asemblea de agosto III”). […]

  3. […] principio, existía un compromiso por parte da directiva para realizar eses traballos. Na asemblea de agosto de 2012 os responsables da Comunidade explicaron que lle solicitaran á Xunta unha subvención para realizar […]

  4. […] Ambiente a proceder pola súa conta á retirada deses residuos, a encomendarlle a súa recollida á Comunidade de Montes de San Xulián como propietaria dos terreos, a asignarlle dita obriga á empresa sancionada por semellante infracción ou, na súa ausencia, […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: