Publicado por: MontePituco | 09/08/2012

ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DE AGOSTO (II)

A asemblea comezou coa lectura da acta da reunión anterior, celebrada o 21 de agosto de 2011. Nesa acta reflectiuse que a asistencia fora do 25%, curiosamente, o mínimo que marcan os estatutos en segunda convocatoria. Pero ese dato non é certo. Naquela asemblea, tras pasar lista, a directiva contabilizou 76 comuneiros, o que equivale -só- a un 14%. A falta de quorum foi, pois, un dos motivos polos que Defende o Monte Pituco, así como o grupo crítico que encabezan os simpatizantes do Bloque, quixo impugnar aquela asemblea. Cunha diferenza: a reclamación do grupo de Francisco Piñeiro e de Esther Crespo tivo que ser admitida, e a de Defende o Monte Pituco, aínda presentándose o último día de prazo, por tanto, en tempo e forma, non foi recepcionada polos directivos aos que se lles intentou entregar. En calquera caso, se houbera quorum, a denuncia do outro grupo non tería prosperado e a xunta rectora da Comunidade de Montes non estaría obrigada a realizar a asemblea extraordinaria deste pasado 5 de agosto. As cousas son como son, por tanto, é falso que o 21 de agosto de 2011 asistiran á asemblea o 25% dos comuneiros.

Na acta anterior tamén se deu conta de que seis comuneiros expresaran o seu desacordo coa redacción da acta correspondente á asemblea precedente, que fora redactada en castelán, solicitando que se empregara o galego. A este respecto, continúa a acta do 21 de agosto, “muchos comuneros” manifestaron a súa disconformidade.

Naturalmente, esta acta tamén está en castelán, pero non negará a directiva que o galego é a lingua oficial de Galicia. Xunto co castelán, claro está. Mais pouco ou nada lle custa á directiva fomentar o uso o galego, polo menos nas súas comunicacións oficiais. Sería unha mostra de compromiso admirable coa cultura e co idioma autóctonos que non lle pode molestar a ninguén que teña un mínimo de sensibilidade. Certo é que hai cuestións máis importantes e preocupantes sobre a xestión do monte que a lingua na que se escribe unha acta, pero intentar deixar en mal lugar a quen solicita -de pleno dereito- que se utilice máis o galego, replicando que “muchos comuneros” están en desacordo, non leva a ningures. Non se fixo ningunha votación ao respecto, polo que iso de “moitos” é unha valoración subxectiva da directiva que non aporta nada. Máis aínda, non deixa de ser paradóxico, cando non incongruente, que a inmensa maioría dos asistentes fale en galego, e a acta se faga en castelán.

Tampouco vén moito a conto cargar as tintas sobre o modo en que certos comuneiros efectúan as súas intervencións. Sobre o veciño alcumado Cañón, na acta díxose que “se le advierte que modere el tono y no vuelva a interrumpir la asamblea, y que si no cesaba se avisaría a la fuerza pública para desalojarle”. Quen non tivera asistido á reunión de agosto de 2011 pode pensar que Cañón montou en cólera e exerceu algún tipo de violencia verbal ou física por non ter sido incluido no censo, o que lle impediu presentarse ás eleccións. Nada diso pasou, máis aló de ter manifestado ostensiblemente o seu enfado. Loxicamente, para facerse oír tivo que erguer a voz porque o único micrófono dispoñible está no estrado, nas mans do presidente que, ademais de ter unhas potentes cordas vocais, utiliza o micro para solapar calquera comentario discrepante e impedir que o resto do público poida coñecer o punto de vista crítico. Inexplicablemente, Cañón, que estaba presente na sala, non fixo ningunha alusión; se fora outro, tería solicitado -amablemente, iso si- que se rebaixara o ton dese escrito, que o deixa en mal lugar, e mesmo menoscaba a súa honorabilidade. Pero a cousa quedou así.

En vez de reflectir sen adornos nin artificios innecesarios o que se opina a favor e en contra, e o que se decide en función do número de votos, semella que a acta se utilice como arma para fustigar a quen leva a contraria ou interrumpe xustificadamente o curso ou o ritmo que a directiva lle quere imprimir ás asembleas. Sobre Francisco Piñeiro, a acta anterior di que pediu “de malas maneras” unha suspensión da asemblea porque moitos comuneiros non se enteraron do proceso electoral argumentando que houbera “moitas zonas sen carteis”. Unha vez máis, o das malas maneiras é unha apreciación da directiva que, loxicamente, non ve con bos ollos que un comuneiro que, por riba, formou parte da anterior xunta rectora e dimitiu -en estrañas circunstancias, visto dende fóra- da mesma, se revolva agora contra eles.

Tamén quedou constancia da polémica que rodeou as dúas candidaturas que aspiraban á dirección da Comunidade de Montes.

Unha estaba formada por: José González Iglesias (presidente), Francisco Piñeiro García (vicepresidente), Jesús González Fuentes (tesoureiro), Esther Crespo (secretaria), Benita Boullosa, Hermitas de la Torre Carballal, Alfonso Garrido Piñeiro, Faustino Villanueva, Santiago Reigosa (vocais).

A outra constaba de: Francisco Casal Villanueva (presidente), Laureano Allariz Crespo (vicepresidente), Manuel Estévez Quintela (secretario), Dolores Lorenzo Lamoso (tesoureira), Manuel Trabazo Torres, Emilio Iglesias Davila, José Suárez del Río, Manuel Iglesias Davila, Daniel de la Torre Allariz, José Suárez del Río, Amalia Ignacio Villanueva, Ángel Pazos del Río, José Manuel Rosales Filgueira, Víctor Santiago del Rosario, Pilar Pesqueira (vocais).

Este último grupo expuxo que no equipo rival nin os aspirantes a presidente e secretaria son comuneiros, polo que propuxeron que a asamblea rexeitara esa candidatura. A votación foi a man alzada e, segundo se reflectiu na acta, “a práctica totalidade dos presentes, excepto 9 comuneiros, acordou a inadmisión”. Na acta tamén consta que José González Iglesias “comienza a insultar a los miembros de la junta rectora con términos como superpayaso, dirigidos al presidente y, abandona la asamblea”.

Sen xustificar que se proferiran descalificacións que fraco favor lle fan a quen os verque inxustificadamente, cabe chamar a atención sobre un feito chamativo: quen aspiraba a ocupar a presidencia da Comunidade de Montes é un veciño de San Xulián que reside na parroquia hai moitos anos; era habitual a súa presenza e a súa participación activa en anteriores asembleas. Cando á anterior directiva lle interesou o seu voto, ninguén obxectou; cando optou a encabezar unha candidatura automaticamente aplicáronlle os estatutos para deixalo fóra de xogo.

Finalmente, a única candidatura que quedaba foi elixida “por aclamación”, escribiron na acta. Outro alarde literario excesivo…

Estaba rematando a lectura da acta cando Francisco Piñeiro ergueu o brazo con ademán de tomar a palabra “para opinar sobre a acta”, dixo. Ao que o presidente contestoulle que “sobre a acta non se opina” e ordenoulle que se sentara. “Eu quero falar sobre a acta. Tedes medo?”, insistiu o ex-tesoureiro da Comunidade. Seguidamente, os directivos presentaron o abogado da Comunidade de Montes para que explicara que “a acta vótase, apróbase ou non se aproba” e, en caso de non estar de acordo, pódese impugnar e remitir un escrito á Xunta.

Pero a intervención de Francisco Piñeiro non foi a única que xerou controversia. Tamén quixo falar unha veciña que afirmou que formaba parte da candidatura que gañou as eleccións. “Decís que hubo irregularidades en la segunda candidatura y en la vuestra también las había”, afirmou ante o asombro das persoas que a escoitaron e comprenderon o calado das súas palabras. Esta veciña asegurou que formaba parte do grupo que encabezaba e nin sequera estaba censada. “Ti enganáchesnos”, replicoulle o presidente, ao que ela negaba coa cabeza. Obviamente, a versión do presidente é inverosímil. Unha persoa coma el que coñece a parroquia e os comuneiros; que, por riba, ten acceso directo á lista de comuneiros, non pode intentar saír por peteneras a base de desacreditar a quen lle fai frente e sen aclarar suficientemente unha acusación tan grave por parte dunha (ex)integrante do seu propio equipo. Con esta, xa son dúas as persoas que cuestionan a presidencia, despois da dimisión de Francisco Piñeiro como tesoureiro da anterior directiva “por non estar de acordo coas contas do bar”.

Este último, precisamente, tildou a Francisco Casal de “trampón”, ao que o presidente reaccionou retirándolle a palabra e dándolle un “primeiro aviso” de expulsión -“¡e compórtate!” que ameazou con facer efectivo se o apercibía por terceira vez.

A concelleira do Bloque Esther Crespo intentou botarlle un capote ao seu compañeiro: “Esta acta é mentira, non houbo un 25%”. E tiña razón, como xa se expuxo ao principio deste artigo. O presidente, na súa actitude habitual, volveu botar man do descrédito, a falta dun argumento mellor: “Vostede presentábase como tesoureira e nin sequera é comuneira”, espetoulle.

Outra versión, recabada ao remate da asemblea, refire que a directiva da Comunidade de Montes négalle a Esther Crespo o recoñecemento no listado de comuneiros por residir na vivenda familiar, aínda que independentemente. A este respecto, o artigo 11º dos estatutos di: “La condición de Vecino Comunero queda ligada a la casa familiar de forma que solo se considerara un vecino comunero por casa, salvo en aquellos casos en que haya economías familiares independientes”. Se Esther Crespo é quen de acreditar esta condición, non debería atopar resistencia por parte da directiva para obter o seu carnet de comuneira.

Finalmente, a acta da asemblea do 21 de agosto de 2011 foi aprobada por 152 votos a favor, 12 en contra e 4 abstencións. A suma fai 168 comuneiros. Pero, non eran 155 os asistentes?

CONTINUARÁ.

Advertisements

Responses

  1. […] -Asemblea extraordinaria de agosto (II) […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: