Publicado por: MontePituco | 08/08/2012

COMUNIDADE DE MONTES: ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DE AGOSTO (I)

A asemblea extraordinaria organizada pola directiva da Comunidade de Montes tiña un trasfondo legal ineludible motivado pola impugnación dun grupo de comuneiros que foi excluído do proceso electoral o pasado ano e que presentou unha denuncia no xulgado. Durante este tempo, a directiva non permaneceu durmida nos loureiros e adicouse a preparar a súa estratexia.

…A asemblea xa comezou con mal pé nos momentos previos. Houbo comuneiros que non puideron acceder ao salón para exercer o seu dereito a opinar e a votar os puntos da orde do día porque na entrada había un paso aduaneiro infranqueable onde identificaban a cada persoa e, en función de figurar na lista de comuneiros ou non, asignábanlle un lugar: os comuneiros, nas cadeiras situadas na parte central do salón; os demais, nos bancos e cadeiras arrimadas á parede ou de pé, en calidade de público sen voz nin voto.

Houbo veciños e veciñas que, aínda asegurando terse dado de alta como comuneiros no último proceso de actualización do censo, foron informados -para o seu disgusto- de que non figuraban na lista. Dende a directiva explicaron que, aínda tendo realizado esa xestión, non podían ser aceptados na Comunidade ata que na próxima xuntanza -prevista para o mes de novembro- sexan propostos para que a propia asemblea os acepte.

Así, déronse situacións tan absurdas como ter censados comuneiros falecidos cuxos sucesores non puideron participar na asemblea. Semellante colmo do surrealismo o que fai é reducir o nivel de representatividade da poboación nas decisións da Comunidade de Montes, e por tanto, empobrecer a democracia interna da organización. Antes das anteriores eleccións, cando a directiva buscaba aumentar a súa masa de adeptos, enviaron xente por algunhas casas -que non todas- para poñer ao día o listado de comuneiros. Foi daquela unha actualización selectiva que, a día de hoxe, segue dando lugar a que se produzan agravios tan vergoñentos.

-“Usted va a entrar cuando la asamblea vote que se le acepta”, díxolle o secretario da Comunidade á unha muller que, cando estaba comezando formalmente a asemblea, queixouse de viva voz porque non figuraba no censo a pesar de ter pasado máis dun ano dende que entregara a documentación: “50 anos na parroquia e non temos dereito a nada, isto é unha sinvergüencería!”.

É certo que o artigo 18º dos Estatutos di: “La condición de Vecino Comunero será reconocida por la Asamblea General mediante la inclusión en el registro de Vecinos Comuneros”. Pero en ningunha das últimas asembleas houbo un punto da orde do día sobre a aceptación de novos comuneiros en base á renovación do censo. En conclusión, como xa se criticou con motivo de anteriores asembleas, a directiva -tanto a anterior como a actual, que tanto monta, monta tanto- segue facendo unha aplicación arbitraria da normativa da Comunidade, aplicándolla a quen lle parece: os máis febles, os menos conflictivos e influíntes, son incluidos nunha especie de 2ª categoría, en base á distinta vara de medir coa que a directiva trata a veciñanza.

Moita xente sospeitaba que ás 9:30, hora da primeira convocatoria, podía comezar a xuntanza de maneira irregular, e presentouse na Casa de Montes, por se acaso. Pero -a diferenza da asemblea anterior na que a falta de quorum foi un dos aspectos que xustificou a(s) impugnación(s)- nesta ocasión seguiuse o regramento para evitar darlles aos críticos o gusto de volver reclamar por ese motivo. Se o censo de comuneiros é de 532 persoas, era practicamente imposible reunir 266 (o mínimo era a metade), polo que o presidente emprazou os asistentes a volverse presentar ás 11:30 en segunda convocatoria, cando abondaba cun 25%, que equivale a 133.

Algúns preguntábanse por que as asembleas se deixaron de realizar en horario vespertino, máis asequible para persoas con cargas familiares e obrigas domésticas. Atribúenlle a un cargo da directiva ter afirmado que a razón do cambio débese a que cando as xuntanzas se celebraban pola tarde acudían comuneiros en estado ebrio. A priori, é unha consideración moi seria e, á marxe de polémicas, non estaría de máis plantexar nunha futura asemblea cal é o horario que máis lle convén á maioría, para favorecer a maior participación posible. Naturalmente, á directiva favorécelle convocar unha asemblea a partir do mediodía para que o respectable público teña présa por rematar canto antes, sen tempo a penas para que, quen queira discrepar, poida facelo sen que o achicharren con berros de “cala xa”, “dálle p’adiente” ou “acaba dunha ves”.

A posta en escena non tivo desperdicio: por primeira vez, a asemblea da Comunidade de Montes de San Xulián contou cun despregue de medios sen precedentes, a base de ordenador portátil, proxector e pantalla. A última vez que se viu semellante esforzo técnico foi o 24 de xaneiro de 2010, data na que DEFENDE O MONTE PITUCO celebrou a charla informativa sobre o proxecto de creación do polígono industrial que a directiva vixente converteu subrepticiamente nunha encerrona. E dende entón, todas as xuntanzas -celebráronse bastantes menos das estrictamente legais- organizadas pola Comunidade foron a pelo: sen máis elementos que a voz, a micro, e un triste papel cuns números de gastos e ingresos que daban en chamar “contas” e que había que tragar como un mero acto de fe.

No escenario do salón, unha mesa na que estaban o presidente, a tesoureira, o secretario e unha cuarta persoa que resultou ser “o avogado da Comunidade”. Sen embargo, o letrado parecía estar máis de parte da directiva que da propia comunidade, entendida como tal a masa social de comuneiros, incluidos os críticos. Porque nas súas escasas intervencións limitouse a reforzar puntualmente as palabras dos integrantes da xunta rectora. Seguro que se alguén do público expuxo un argumento válido poñendo en apuros esa solidez legal tan aparentemente incuestionable que a directiva quería exhibir, o abogado non dixo ren para non morder a man de quen lle dá de comer, dito sexa sen acritude.

E o público, segregado en dous rebaños: os comuneiros con carnet e dereito a voz e voto, no centro da sala, separados dos oíntes, que só podían ocupar os asentos laterais ou permanecer de pé. Aínda así houbo veciños/as que, non sendo titulares, sentaron no medio, mesturados cos que tiñan acreditación, nun intento absurdo por figurar acaso, cando o único que conseguían con esa actitude -entre rebelde, infantil e ignorante- era converterse no foco de non poucas miradas que os controlaban para que non ousaran votar.

Porque os carnets de comuneiro/a por fin son unha realidade, logo de moitos anos de reivindicación. As persoas que non os recibiran por anticipado puideron recollelos na entrada, e foi erguendo o brazo co carnet na man como se contabilizaron os votos. A asemblea comezou cando aínda había persoas na entrada intentando acreditarse.

-“Xa que hai quorum vamos comezar a asemblea”, dixo o presidente. Entre a deficiente vocalización, a mala calidade do equipo de son e os murmurios dos asistentes, é difícil afirmar cal foi a cifra de comuneiros que deron, pero -está gravado- seica foron 155. Saíu publicada outra cifra na prensa que non concorda; o que é seguro é que o número remata en 5 (abstéñanse de rimas fáciles); pola gravación non hai dúbida. Logo na acta a saber cantos van figurar, mais a cifra en si non ten moita relevancia. Non obstante, durante a asemblea chamou a atención que os números das votacións non cadraban: se supostamente o quorum era de 155 persoas, sorprende que logo foran dando resultados de votacións cun número de votos a favor por enriba desa cantidade. Entrou máis xente durante asemblea?

CONTINUARÁ.


Responses

  1. Como me dixeron unha vez unhas amigas¡¡¡¡¡ maravisolloso,maravilloso maravilloso!!!!! Non me sorprendo e tampouco me asusto a cousa sigue igual os ladrons siguen roubando e os honrados van pra carcel.

  2. […] -Asemblea extraordinaria de agosto (I) […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: