Publicado por: MontePituco | 01/08/2012

ESTE DOMINGO, ASEMBLEA DA COMUNIDADE DE MONTES

Este DOMINGO 5 de agosto celebrarase unha ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA da Comunidade de Montes de San Xulián, na Casa da Cultura. A primeira convocatoria é ás 09:30 horas da mañá, e a segunda, ás 11:30 horas. Chama a atención que a directiva escollera este horario tan atípico. Anteriores asembleas celebrábanse pola tarde, a partir das 17:00 ou 17:30h. Un horario asequible para practicamente todo o mundo. En cambio, esa decisión de trasladar unha asemblea xeral -que ademais ten carácter extraordinario, por tanto é importante- á franxa matinal, cabe interpretala con “mala baba”.

Para empezar, hai xente que o domingo pola mañá vai á misa. Un respecto, por favor, para a liberdade relixiosa dos feligreses, que van ter o corazón “partío” entre a súa cita coa fe católica, apostólica e romana, e coas súas obrigas como comuneiros/as. Que despois a directiva da Comunidade quéixase con moita énfase de que a xente non vai ás reunións e a uns déixanlles votar e a outros non lles recoñecen ese dereito en función de non se sabe que criterios peregrinos.

Por outra banda, salvo que os directivos da comunidade teñan quen lles prepare o menú nun día tan sinalado, o resto da veciñanza terase que buscar a vida para deixar o xantar feito do día anterior, ou madrugar para preparalo a primeira hora, ou deixar a empanada de xoubas encargada… ou levar a fiambreira co bocata para roelo alí, directamente. Porque é máis que previsible que, á vista da orde do día, a asemblea xenere debate e se alongue unhas horas.

Non deixan de ser avispados os directivos da Comunidade de Montes. Tan pronto se vaia achegando a hora de xantar, e supoñendo que o ambiente no que trancorrerá a reunión vai ser bronco, hostil, desagradable e todos os adxectivos negativos que un poida imaxinar, os asistentes van botar en conta que non están para aturar “mamandurrias” e van comezar a marchar. Que mellor escenario para que a directiva marche de rositas, co aforo máis baleiro que cheo, para que lle funcione a estratexia que teña preparada.

Os máis pacientes, os que teñan máis temple e máis interese en agantar ata o final, tampouco o van ter doado. Xa veremos como a partir da 13:00, das 13:30, das 14:00 horas, empezan a pitar os móbiles con chamadas perdidas e avisos de mensaxe: a familia, que se impacienta, porque a mesa está posta, a comida enfría, e o pobre comuneiro de turno vese entre a espada e a parede, de corpo presente na Casa de Cultura e coa alma ausente diante do plato de cocido.

E o peor de todo. Este horario é un auténtico insulto ás mulleres comuneiras da parroquia, que as hai, e moitas. Mulleres que, sexan amas de casa ou ademais traballen fóra, o fin de semana ocúpanse da súa casa, da súa prole e de atender as súas fincas. Mulleres ás que se lles dificulta a mantenta “conciliar” a súa vida familiar co seu compromiso coa Comunidade de Montes. Vaia pois, a solidariedade de DEFENDE O MONTE PITUCO con elAs, e a crítica rotunda á xunta rectora pola súa actitude machista.

Orde do día:

1. Lectura e aprobación da acta anterior.

…Que risa. O secretario debe estar noutro planeta porque o que le dunha asemblea a outra dista un cacho máis ou menos longo do que se ten falado na reunión precedente.

2. Aprobación de contas do exercicio 2011.

…Outra risa. Na asemblea anterior dando contas do exercicio 2010 seica había un saldo a favor de 22.473 euros. Como non hai moito tiveron a inmensa sorte de que lles foi aprobada unha tala de madeira, virán sacando peito de que a caixa está a rebosar. E a taberna da Comunidade, segue dando perdas?

3. Informe de xestión.

…DeusNosPilleConfesadosAmén!

4. Remoción da Xunta Rectora.

…Aquí está a nai do año!

5. Inicio, se procede, de procedemento electoral para elección de nova xunta rectora.

…Fagamos memoria. En agosto de 2011 celebráronse eleccións na Comunidade. Foi reelixido o presidente anterior, que introduciu algúns cambios (ehem) na directiva. Os seus rivais non tiveron opción ningunha para disputarlle o cargo. A uns non lle recoñeceron a candidatura. A outros impugnáronlla no mesmo momento cunha votación a man alzada estrañísima porque o que ía encabezando a lista dixeron que non era comuneiro (e iso que levaba “toda a vida” indo ás reunións e o seu voto era admitido como o de calquera, para as comenencias). Un show, en resume. Finalmente, os impugnados -que teñen detrás as siglas (coma un mundo de grandes) do BNG, que intenta meter cabeza nas ‘forzas vivas’ da parroquia- presentaron escritos impugnando as eleccións e recolleron sinaturas para reclamar a súa repetición. DEFENDE O MONTE PITUCO tamén quixo impugnalas e, cando chegou o momento de presentar o documento na Comunidade de Montes, en tempo e forma, a directiva negouse a admitir o recurso, alegando estraños argumentos: que era o último día de prazo (e que!), que había que telo presentado antes para que a directiva valorara se o admitía ou non (o nunca visto!)… En definitiva, un cachondeo e unha falta de talante democrático inxustificable.

Véxanse artigos publicados ao respecto, para quen desexe refrescar aqueles lamentables episodios:

Na asemblea de montes (I) (2 de agosto de 2011)

Na asemblea de montes (II) (19 de agosto de 2011)

Na asemblea de montes (III) (20 de agosto de 2011)

Impugnación da asemblea celebrada en xullo (22 de agosto de 2011)

Eleccións na Comunidade de Montes (23 de agosto de 2011)

Ante os obstáculos, firmeza e coherencia (21 de setembro de 2011)

6. Rogos e preguntas

…Se hai quen aínda teña folgos para máis.


Responses

  1. Eles son os que mandan!!!!
    O que esta claro que ese dia o bar vai facer unha boa caixa primeiro cos cafes da maña,despois o aperitivo do mediodia e si se alarga a asamblea comemos na nosa casa de cultura.
    Esperamos que polo menos nos deixen falar,que nos deixen votar e por suposto esperamos que a directiva ou mellor dito os que estan sentados na presidencia esa nova xuventud que nin siquera sabe onde esta o monte fagan as cousas ben.

    • Ola, compañeira. A ver, tal e como están as cousas, o panorama vén sendo o seguinte.
      Os que están agora son o mesmo “can” de antes, con distinto colar. E os que queren vir son mandados do Bloque, partido que, como sabes, apoia a creación do polígono no Pornedo. Non lles importa o monte; o que queren é meter cabeza na Comunidade para, dende aí, mangonear e presionar a nivel político o goberno municipal. É unha simple estratexia partidista. Entre os candidatos desa lista “alternativa” está o ex-tesoureiro da anterior directiva, que renunciou ao cargo por “non estar de acordo coas contas do bar”, dixo literalmente nunha asemblea o ano pasado. E aí quedou a cousa, sen meneala máis, non fora ser que saíran sapos e culebras. Pelillos a la mar, capisci?
      Na asemblea deste domingo non se vai votar nada. A actual directiva levará toda a súa tropa de simpatizantes para que os apoien -igual que fixeron o ano pasado o día das eleccións- e para que lles aplaudan a rabear cando presenten as contas e o balance de xestión. Encherán o peito de aire cando saquen a relucir o feixe de cartos que -supostamente- ten a Comunidade “grazas-grazas-grazas” a eles. E aquí paz e despois gloria.
      Os vasallos do Bloque, que o día das eleccións o ano pasado fixeron o máis espantoso dos ridículos porque non levaban comparsa que lles fixera barullo, buscan agora unha revancha, é unha cuestión persoal. E de “nova xuventude”, nadiña de nada, por ningún dos bandos.
      Uns e outros intentarán desacreditarse mutuamente. E se prospera o recurso dos pro-bloqueiros, convocaríase de novo outro proceso electoral, que creo que duraría un mes. Así que as eleccións volverían repetirse en setembro.
      A pesar das horas seguramente vaia ser unha asemblea concurrida porque cada parte vai levar o seu clube de fans; xente, moita da cal, endexamais, ou case nunca, asomou o cogote polas asembleas da Comunidade nos últimos tempos, e que van facer bulto e “jalear” o seu equipo, coma auténticos siareiros. Os demais iremos ver o “partido”, co tapper a bo recaudo. Nin de coña se nos ocorre ir comer ao bar da Casa de Montes; para iso están os restaurantes. O outro é intrusismo e facerlle competencia desleal aos establecementos de hostelería legalmente establecidos. E por aí, non pasamos.
      Saudiña!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: