Publicado por: MontePituco | 30/07/2012

A ÁREA DE DESCANSO, EN ESTADO DE ABANDONO

Non é a primeira vez, nin a segunda, nin a terceira… que no blogue DEFENDE O MONTE PITUCO se comenta o estado de abandono no que se atopa a área de descanso a carón da estrada de Figueirido, situada antes do desvío ao Regueiriño. En máis dunha ocasión este colectivo veciñal tenlle trasladado esta preocupación á Comunidade de Montes de San Xulián e, que teñamos constancia, os seus responsables só unha vez adoptaron medidas para desbrozar -parcialmente, iso si- o espazo. Pero diso hai moito tempo e este parque arborado segue adolecendo dun necesario traballo de mantemento.

Se a Comunidade de Montes -no caso de que lle corresponda a “titularidade” ou a responsabilidade sobre este terreo- non dá conta do recado, faría ben en negociar o seu traspaso ou cesión temporal ou definitiva a outro organismo -tal que o Concello- que se comprometa a telo medianamente presentable e que lle poida quitar maior proveito social, que o ten.

…Atópase nun lugar de fácil acceso, cun fluxo de tráfico viario constante que garantiza potenciais visitantes abondo para facer rendible unha mínima actuación, nunha zona elevada con boas vistas do porto e da ría que o converten nun espazo atractivo.

Por desgraza, na actualidade a maleza desborda por todas partes: sobrepasa as lousas de pedra do cerre que dá á estrada e acumúlase a unha altura considerable contra o fondo, rodeando as árbores. Non deixa de resultar un tanto perigoso que haxa tanta acumulación de broza se no parque se atopan nenos pequenos, que se poden mancar, sen descartar que entre a vexetación poida haber insectos ou réptiles acubillados. En canto ao estado de salubridade das fontes, parece obvio que non se someten a ningún tipo de control de calidade que garanta o seu consumo. E por riba, carece de papeleiras ou bidóns onde depositar o lixo, que se acumula no chan, ofrecendo unha imaxe lamentable.

Bastaría rozar o espazo cunha máquina desbrozadora, podar as pólas máis baixas das árbores, facer algunha reparación no mobiliario urbano que presenta varios desperfectos, sanear os surtidores de auga, recompoñer o cerre que dá á estrada para facelo máis seguro, e instalar algún tipo de barandilla ou parapeto na parte posterior que dá á ría para evitar o risco de caídas. E Marín gañaría un espazo máis para ofrecerllo á veciñanza e aos seus posibles hóspedes. Máxime tendo en conta que a pouca distancia está o conxunto rupestre catalogado do Pornedo que se podería pór en valor, e o roteiro dos Sete Camiños que continúa monte a través para os sendeiristas, ou a pista forestal que moitos afeccionados ao ciclismo de montaña xa utilizan para adestrarse.

Moitas ideas, pequeno investimento e moito beneficio. Mágoa que haxa tanta estreitez de miras. Abofé, a broza non lle deixa a algúns ver o bosque.


Responses

  1. […] [Ver o artigo titulado "A ÁREA DE DESCANSO EN ESTADO DE ABANDONO"] […]

  2. […] Artigo de xullo de 2012: A área de descanso, en estado de abandono […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: