Publicado por: MontePituco | 29/07/2012

VISITA AO PETRÓGLIFO DOS CASTELOS, EN PEDRE (CERDEDO)

Hai 40 anos o catedrático de Filosofía da Universidade de Santiago, Carlos Valiñas, oriundo de Cerdedo, visitou o lugar dos Castelos, preto da aldea de Pedre, onde se fotografou cun xeitoso petróglifo formado por cinco círculos concéntricos nos que se incriben varias coviñas. O gravado rupestre non está catalogado e durante catro décadas permaneceu esquecido, sen máis constancia que aquela vella imaxe impresa que o propio Valiñas lle entregou meses atrás ao profesor, escritor e activista cultural Calros Solla.

Solla e outros integrantes do colectivo local Capitán Gosende empeñáronse entón en redescubrir este interesante elemento arqueolóxico: subiron a un alto e, coa única axuda desa fotografía, foron quen de orientarse na vasta xeografía da Terra de Montes para chegar ata él, logo de sortear toxeiras e piñeirais. A busca pagou infinitamente a pena porque permitiu recuperar un enigmático anaco de historia con 4.000 anos de antigüidade, tal e como se detalla no blogue O embigo do becho.

Desbrozaron ao redor deste valioso bolo granítico e limparon superficialmente a pedra; un arduo labor que, por riba, permitiu sacar á luz máis vestixios da arte rupestre en forma de cazoletas circulares de diversos tamaños que -pola súa semellanza gráfica- deron en chamar “laxe das filloeiras”. Finalmente, cun rotulador permanente e cunha lona transparente, fixeron un calco do petróglifo dos Castelos e balizaron a zona para advertir da súa presenza.

Por esas datas, no monte de Pedre abríronse varias devasas con maquinaria pesada que deixaron, ao seu paso, un rastro de materia vexetal machucada e seca, co evidente risco de lume. Ogallá a comunidade de montes teña sensibilidade polo patrimonio e apoie a posta en valor deste conxunto arqueolóxico; que demostre altura de miras e, a diferenza doutras que desprezan a pegada dos devanceiros, vexan unha oportunidade de desenvolvemento cultural e turístico onde esoutras -obtusas e limitadas- ven un problema para o medre dos seus intereses especulativos.

Unhas cincuenta persoas acudiron ao chamamento dos dignos herdeiros do Capitán Gosende para coñecer esta descuberta; alí estaba o profesor Valiñas -de grata e sabia conversa- que, corenta anos despois, volveu posar con garbo a carón do petróglifo dos Castelos, rodeado de zume novo para seguir procurando a conservación de gravados coma este, abstractos, de significado misterioso. Calendario? Mapa astral ou terreal? Fito xeográfico? Expresión psicotrópica? Hai teorías para todos os gustos, hai tantas hipóteses como camiños para discusión.

Pero se algo importa, alén da feliz xuntanza arredor dun novo petróglifo que vén enriquecer o inxente catálogo arqueolóxico galego, é que non son tan poucos os “tarad@s” que -aínda de xeito non profesional, senón entusiasta- lidamos canto sexa preciso para evitar a barbarie por aquí e por acolá, aprendendo uns dos outros e formando un sinérxico sindicato de defensa do patrimonio, da historia e da cultura.

Joao Bieites á gaita, Toño Vázquez ao tamboril, e Óscar Franco á zanfona, poñéndolle o broche de ouro musical á visita organizada polo colectivo Capitán Gosende.

Máis información:

-O embigo do becho, de Calros Solla: “Queda inaugurado este petróglifo“.

-Faro de Vigo, 22 de xullo de 2012: “Capitán Gosende limpa e baliza o petroglifo cos Castelos“.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: