Publicado por: MontePituco | 26/07/2012

A NOVA LEI DE MONTES, NO DOG

Este pasado luns 23 de xullo publicouse no Diario Oficial de Galicia a nova Lei de Montes, que entrará en vigor a mediados de agosto. Ten moitos detractores este documento que, segundo colectivos como a Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común ou a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia, deixa nunha situación precaria os mecanismos de prevención e defensa contra os lumes forestais, e facilita que as industrias forestais e vencelladas á producción de enerxía, accedan aos recursos e os terreos.

DESCARGA A NOVA LEI DE MONTES DE GALICIA (2012) EN FORMATO PDF

O vogal de Medio Rural de Adega, Xabier Bruña, fai a seguinte valoración da nova Lei de Montes de Galicia:

A LEI DE MONTES DESPROTEXE O MONTE E AS PERSOAS CONTRA OS LUMES FORESTAIS E A ESPECULACIÓN

A normativa é fortemente regresiva, rebaixa as distancias de seguridade contra os lumes forestais e incentiva de novo o monocultivo de plantas pirófitas, como o eucalipto e o piñeiro.

ADEGA considera que esta lei está feita por e para a industria forestal e enerxética, e non para os cidadáns.

Compostela, 24 de xullo de 2012-. ADEGA manifesta o seu pesar pola aprobación e entrada en vigor da Lei de montes de Galiza, xa que vai supoñer un importante retroceso para o desenvolvemento rural do noso país desde unha perspectiva integral, sostíbel e multifuncional.

Un dos aspeitos máis graves desta nova lei é a modificación que, pola porta de atrás, fai da 3/2007 Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, a cal queda practicamente baleira de contido ao sufrir un total de 43 modificacións centrais. Sen unha base técnica que o xustifique, como indica o informe do Consello Económico e Social, diminúense as distancias de salvagarda da vexetación ás vivendas (de 50 a 30 metros); redúcense os anos nos que se limita o aproveitamento dos terreos queimados (de 3 a 2 anos); elimínase o mosaico de parcelas e a prohibición de establecer masas monoespecíficas de máis de 25 e 50 hectáreas continuas; ábrese de novo a posibilidade de forestar terras agrarias e desvíase cara os concellos parte das responsabilidades de control, entre outras medidas. Estes cambios normativos, xunto coas accións conxunturais, como os recortes en persoal de extinción e a ausencia de orzamentos para prevención, deixa os montes galegos e á propia cidadanía nunha elevada situación de risco, sobre todo nesta época estival, da que se poderían derivar lamentábeis consecuencias.

Ademais de desregular a protección contra os lumes forestais seguindo unha postura irracional e irresponsábel, a nova norma é fortemente regresiva e non se adapta á outras realidades do noso territorio. Pretende desmontar a protección do monte veciñal, introducir ferramentas especulativas ao gosto da gran industria forestal e enerxética e rebaixar a capacidade de intervención da Administración para deixar nas mans dos mercados a xestión do monte. Non é unha lei de carácter integral, pese a importancia do monte na vertebración social e territorial do país, ao faltar conexións con aspectos agrarios, sociais e ambientais. Esquece aspectos novidosos para xestión do monte como a participación pública efectiva (máis aló do trámite de consulta), a custodia do territorio e a multifuncionalidade do monte (máis alá da forestal).

Tampouco aparecen temas fundamentais que deberían incorporarse na xestión do monte como os valores culturais, etnográficos, paisaxísticos, a restauración de terreos queimados, os vieiros ecolóxicos, a conservación dos hábitats e especies ameazadas ou a prevención de pragas e doenzas que están a proliferar nos nosos montes (gorgullo do eucalipto, nematodo do piñeiro, a pulga do carballo). Fican esquecidas e sen solución o abandono da xestión e a estrutura minifundista da propiedade, ao apostar por unha única ferramenta, as SOFOR (Sociedades de Fomento Forestal), das que non existe ningunha en funcionamento despois de máis de un ano da súa entrada en vigor.

Desde ADEGA apostamos polo futuro dos nosos montes que pasa por unha xestión sustentábel, integral, activa e participativa. A pesar da visión monofocal e anticuada desta nova lei, insistimos en que o rural ten futuro e a xestión sustentábel do monte é unha das chaves. Apostar polo noso rural non é unha opción, é unha obriga para quen nos represente en calquera das institucións democráticas. O contrario supón negar o noso pasado e pechar as opcións das xeracións futuras.

Na mesma liña, o propio Xabier Bruña publicou outro artigo semellante no blog Tripando Terróns, do xornal dixital Praza Pública.

Para correxir as eivas do actual modelo de monte temos que apostar por novas formas de facer, distintas das actuais. A lei de montes de Galicia, que se vén de publicar e que entrará en vigor a mediados de agosto, é máis do de sempre; máis de pasado e menos de futuro.

Esta nova lei non responde a un novo modelo de monte consensuado entre as distintas sensibilidades existentes no territorio e non dá solución aos problemas que o monte galego ten na actualidade (pragas, doenzas, incendios forestais, baixa diversificación, pouco valor engadido, fragmentación da propiedade, abandono da xestión, microfragmentación da propiedade privada, pouca planificación e xestión, afastamento da sociedade, baixa implicación das persoas propietarias e usuarias de recursos do monte…). Vai supoñer un importante retroceso para o desenvolvemento rural do noso país, desde unha perspectiva integral, ao tratarse dunha norma que non se adapta á realidade do noso territorio e que pretende desmontar a protección do monte veciñal, introducir ferramentas especulativas ao gosto da gran industria forestal e enerxética, e rebaixar a capacidade de intervención da administración para deixar nas mans dos mercados a xestión do monte. Todo isto debido a que non ten conexións con aspectos agrarios, sociais e ambientais, apesar da importancia do monte na vertebración social e territorial.

Por outra banda, esquece aspectos novidosos para xestión do monte como a participación pública efectiva (máis aló do trámite de consulta), a custodia do territorio, a multifuncionalidade, a prevención activa (o mellor incendio, ou a mellor praga é a que non se produce). Tampouco aparecen temas fundamentais que deberían incorporarse na xestión do monte como os valores culturais, etnográficos, paisaxísticos, a restauración de terreos queimados, os vieiros ecolóxicos, a conservación dos hábitats e especies ameazadas, etc. Fican esquecidas e sen solución o abandono da xestión e a estrutura minifundista da propiedade privada; ao apostar por unha única ferramenta, as SOFOR, que eliminaron as UXFOR para non facer nin deixar facer nada.

Outro dos aspeitos máis graves desta nova lei é a modificación que, pola porta de atrás, fai da lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais do ano 2007 que queda practicamente baleira de contido. Sen unha base técnica que o xustifique (como indica o ditame do Consello Económico e Social), diminúense as distancias de salvagarda da vexetación ás vivendas, redúcense os anos nos que se limita o aproveitamento dos terreos queimados, elimínase o mosaico de parcelas e a prohibición de establecer masas monoespecíficas de máis de 25 e 50 hectáreas continuas, ábrese de novo a posibilidade de forestar terras agrarias, desvíase cara os concellos parte das responsabilidades de control…

Sen dúbidas a nosa terra precisaba dunha lei de montes, mais o resultado que se pón en marcha nestes días é o dunha oportunidade perdida na procura dunha xestión sustentable, integral, activa e participativa. Ogallá non teñamos que perder o que temos para comezar a valoralo.

Na guerra de medios e ideoloxías na que estamos inmersos como sociedade, o Goberno galego fai valer o seu peso político e económico cun suplemento informativo que se publicou no xornal La Voz de Galicia o mesmo luns no que a Lei de Montes de Galicia se daba a coñecer a través da súa publicación no DOG.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: