Publicado por: MontePituco | 25/07/2012

25 DE XULLO & XAN MONTENEGRO

Non podía haber mellor día para “ceibar” unha nova coma esta (supoñendo que estea contrastada): que o Concello baralla poñerlle o nome de Xan Montenegro á estrada de San Xulián cando rematen as obras de humanización que se están realizando e a Deputación Provincial lle transfira a súa titularidade ao Concello para que sexa un vial municipal. Pois OGALLÁ!

Ogallá poñan unha placa ben grande co lema “rúa de”, ou “avenida de” Xan Montenegro diante da Casa de Montes, onde tantas veces foi vilipendiada a súa dignidade. Por discrepar, por levar a contraria con datos e argumentos xustos que ían contra os intereses dun grupo dominante e predominante. Que tiña unha personalidade peculiar? Abofé. Que xeraba polémica? Tal vez.

…Pero era un loitador nato. Non só na súa causa particular, sempre a favor da vida; senón que se volcaba coas iniciativas nas que cría fondamente, e temos a honra de que a defensa do Monte Pornedo foi unha delas. Conseguir melloras para a súa parroquia era outro dos seus obxectivos, á fronte da Asociación de Veciños. E entre esas melloras, as eternamente prometidas beirarrúas de San Xulián eran unha prioridade.

Cando ultimamente estaba pachucho de saúde, era unha das teimas nas que pensaba para volver á carga nada máis recuperarse, gobernara quen gobernara no Concello, na Deputación, ou no mesmísimo inferno. Así que, para maior gusto dos seus achegados, compañeiros e amigos, e para enorme disgusto dos seus detractores a nivel político ou a nivel parroquiano, en cada muro, en cada rego de cemento, en cada plaqueta e en cada lámina de asfalto desta obra tan necesaria e tan inexplicablemente demorada, está un anaco significativo do esforzo físico e do empeño espiritual dun veciño moi especial: Xan Montenegro.

…Que especialmente hoxe estaría celebrando o Día de Galicia, dando unha volta por Compostela e evocando a figura -para moitos “descoñecida”, mesmo dentro do panorama nacionalista local- de Castelao que, tal día do ano 1948 pronunciaba o seu célebre “Alba de groria”.

SI NO ABRANTE d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, té as rías de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.

 Ogallá prospere a iniciativa do Concello, que ha contar co firme apoio de DEFENDE O MONTE PITUCO, como quedou de manifesto en anteriores artigos -e aí está a hemeroteca deste blogue para ratificalo- a prol de todas as iniciativas que teñan que ver coa memoria de Xan Montenegro.

 


Responses

  1. Estou emocionada coas palabras que lle adicas a meu tio XAN, solo decirche gracias gracias e gracias por todo o que fas por el,acabo de falar con miña nai e o mesmo me di “dalle as gracias”. Estou de acordo contigo en todo porque sempre o dixen esas aceras teñan ou no un cartel pra min e pra miña familia son a loita de meu tio XAN, sei que el esta emocionado de mirar o sua parroquia tan lucida e mirar que a sua nai e outros veciños poden ir seguros camiño a misa.
    Perdona que sea repetitiva GRACIAS!!!!!

    • Grazas a vós por seguir as publicacións desta páxina. Xan estaría moi orgulloso da familia que ten e sobre todo das MULLERES -con maiúscula- que a conforman. Seguro que el estaríalle quitando importancia a todo isto, eludindo calquera protagonismo, a diferenza dos que só perseguen colgarse medallas, e pensando nun próximo reto no que volcar todas as súas forzas: a conservación do Pornedo, tal vez. Por iso imos esforzarnos a tope para non fallarlle nesta batalla.
      Apertas.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: