Publicado por: MontePituco | 26/06/2012

OS PETROGLIFOS DE CADRO, EN PERIGO

No Bosque de Cadro atópanse diversos gravados rupestres catalogados que non se tiveron demasiado en conta -dito sexa suavemente- na anterior lexislatura municipal á hora de pór en marcha o polémico “ecoparque”. No seu momento o Grupo Cultural Ronsel xa advertiu da posible afección a este patrimonio prehistórico.

La existencia de petroglifos en Cadro preocupa a la asociación cultural Ronsel“.

(Faro de Vigo, 27 de febreiro de 2010)

Ronsel se interesa por el estado de los petroglifos de Cadro“.

(La Voz de Galicia, 28 de febreiro de 2010)

A denuncia tamén quedou recollida no artigo que BreaSeixo titulou “Sorpresa!“, de onde proceden os seguintes recortes de prensa.

Varios colectivos veñen de alertar esta semana da posible afección aos petroglifos de Cadro con motivo dunha práctica deportiva que se vai celebrar este fin de semana coincidindo cunha Concentración Mototurística. A continuación, a nota informativa.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo vén de presentar -xunto coa Asociación Queremos Galego Marín, a Asociación Cultural Almuinha, a Asociación Defende o Monte Pituco, o colectivo ecoloxista Luita Verde e o Colectivo Nacionalista de Marín- un escrito no Rexistro do Concello de Marín e na delegación territorial da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra solicitando a suspensión da proba de trial que se vai celebrar o domingo 1 de xullo no ecoparque do bosque de Cadro, de propiedade municipal, enmarcada nas actividades da Concentración Mototurística Vila de Marín promovida polo Concello de Marín e o Moto Clube Pontus Veteris, onde tamén figura como organizador o Moto Clube de Aldán.

Nese recinto, situado en Solo Rústico de Protección de Espazos Naturais Montes do Morrazo, localízase o complexo rupestre denominado “Petróglifos do Bosque do Cadro”; un xacemento arqueolóxico da Idade do Bronce consistente en 5 grupos de petróglifos, e catalogado no Inventario Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia co nº de Rexistro GA36026024, englobado na categoría de “Ben de Interese Cultural” (BIC).

Segundo a Lei 8/1995, de 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia calquera actuación no seu ámbito de protección necesita de autorización por parte da Consellaría de Cultura, da que estes colectivos non teñen constancia.

A área de protección dentro de Solo Rústico de Protección Patrimonial, segundo o art. 30 de ordenanza reguladora do Solo Non Urbanizable de Protección do Patrimonio incluída na Orde 14/5/1991, de 14 de maio, polo que se aproban as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, é de 200 metros para os restos arqueolóxicos, incluídos os petróglifos, a partir do vestixio máis exterior do ben que se protexe ou , cando varios elementos singulares se articulan en conxunto, trazarase a partir dos elementos exteriores do conxunto abarcando a totalidade del.

Unha parte dos petróglifos, debido a décadas de abandono, están na actualidade ilocalizables, polo que, xa simplemente por precaución, entendemos que non debería autorizarse a citada proba no lugar ante posibles danos ao patrimonio existente.

A realización desta proba pode ter unha afección negativa sobre estes petróglifos, sobre todo se se ten en conta o tipo de proba, dado que o trial ten apetencia polas rochas ao ar libre e que para a organización da proba e o deseño do circuito non se tivo en conta a presenza dos petróglifos.

Os colectivos que subscriben o escrito tamén solicitan a recuperación e a valorización do citado complexo rupestre, así como a catalogación dun novo petróglifo nas proximidades do Bosque de Cadro, sito a maior altitude, no alto dos Pedrouzos e preto do xacemento medieval catalogado como Castelo de Barbudo (GA36026005), e dentro da súa área de protección, da que xa se deu aviso no mes de abril.

Un dos libros de cabeceira do blogue DEFENDE O MONTE PITUCO é “Petroglifos e outras prehistorias: cadernos de arqueoloxía marinense”, de Xulio D. Abal e Álvaro R. Arizaga. Nas páxinas 31-35 desta obra adícase un amplo artigo aos gravados rupestres do Bosque de Cadro, do que citamos algunhas liñas:

“O complexo rupestre do bosque de Cadro foi explorado e catalogado na súa meirande parte por Antonio de la Peña, quen sinalou a existencia de cinco grupos de petroglifos, todos eles dentro do recinto do bosque, antiga propiedade do pazo (…) A nosa exploración neste lugar resultou especialmente complicada, tanto pola inexistencia de referencias sobre a súa colocación exacta, como pola fisonomía do lugar en si, cunha incrible abundancia de rochas, moitas delas semicubertas ou tapadas pola abundante vexetación. Asimesmo, moitos dos motivos existentes nestes gravados resultan pouco frecuentes, o que complica aínda máis atopalos”.

Sería incongruente que un traballo de investigación publicado polo Concello de Marín acredite a existencia duns elementos patrimoniais, localizados nun recinto acotado aínda que non situados individualmente, e que por esa falta de concreción puntual, a falta dun estudo detallado da zona por parte de profesionais na materia, os responsables municipais sexan partícipes dunha actividade que pode botar a perder ese legado histórico e cultural. Habendo espazos no Concello de Marín onde non está documentada a existencia de gravados rupestres ou restos arqueolóxicos catalogados, o mero feito de escoller o bosque de Cadro para unha proba motorística coa única excusa de “promocionar” o ecoparque, resulta dunha torpeza e dunha imprudencia inxustificables.


Responses

  1. […] O MONTE PITUCO subscribiu a protesta -ver o artigo titulado “Os petroglifos de Cadro, en perigo“- e a posterior denuncia de varios colectivos contrarios á proba de trial que se realizou […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: