É a crónica dun PXOM anunciado. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas xa viña anticipando nas últimas semanas a inminencia da súa aprobación. Comezou dicindo que faltaban meses, despois pasaron a faltar unhas semanas, e o último que se lle escoitou foi que só quedaban uns días. E chegou o 27 de xuño de 2012, unha data que o Goberno municipal do PP enmarcará para a historia deste Concello; unha data da que tamén o PSOE e o BNG local irán quitar rédito e mérito da parte que cren que lles toca, non sen antes patalear con rabia porque a aprobación do planeamento non se fixera na lexislatura pasada.
Entre os tres principais partidos a cuestión nunca foi elaborar o plan urbanístico máis axeitado para Marín, senón colocarse unha medalla político-electoral, independentemente do contido dese documento tan importante para o desenvolvemento futuro da vila. Están de noraboa os veciños e veciñas que agardaban este momento para poder construir unha casa; ou os habitantes de Aguete, Casás, Loira, Teoira e Mogor para os que o PXOM acredita que as súas vivendas existían con anterioridade á entrada en vigor da Lei de Costas, polo que a súa densidade edificatoria será equivalente á de solo urbano.
En cambio, non son boas novas para o Monte Pituco, a pesar de todos os argumentos que ten ao seu favor para seguir apostando pola súa conservación, malia quedar oficialmente estigmatizado cunha catalogación -a de solo industrial- que non fai xustiza aos valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos deste espazo:
-Forma parte dos Montes do Morrazo, catalogados como solo rústico de especial protección de espazos naturais polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.
-Conta con informes de aptitude orográfica desfavorables debido á pendente do terreo, que en gran medida sobrepasa -en máis do dobre- a pendente recomendada pola “Guía de Recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais de Galicia”.
-Trátase dun espazo que, ao atoparse en plena fachada da ría, ten unha enorme intervisibilidade, polo que a urbanización do terreo xeraría un impacto visual irreversible dende calquera punto da ría de Pontevedra.
-A alta densidade de elementos arqueolóxicos oficialmente documentados que, no caso dos petroglifos, están catalogados como Bens de Interese Cultural en torno aos cales é obrigatorio manter unha franxa de protección de 200 metros: conxunto rupestre do Pornedo, petroglifos de Sete Camiños, complexo rupestre da Carrasca…
-Riqueza da flora e da fauna da zona, coa presenza de endemismos botánicos, algúns dos cales, como o fento “Dryopteris guanchica”, figura no ‘Catálogo Galego de Especies Ameazadas’; e coa existencia dunha colonia de “Chioglosa lusitanica” ou saramaganta rabilonga, un anfibio que, pola súa escaseza, tamén está clasificado como “vulnerable” no ‘Catálogo Galego de Especies Ameazadas’.
-Grave afección aos mananciais naturais que surten de auga para consumo doméstico e para regadío aos habitantes da contorna.
(La Voz de Galicia, 18 de abril de 2010: “La consellería pone REPAROS al polígono del Pituco, que CONDICIONA a un PROCESO ESPECÍFICO”)
A pesar de admitir o grao de protección ambiental que pesa sobre o Pituco, o PP de Marín fixo seguidismo da xestión que emprenderan as anteriores corporacións. En canto á Administración autonómica, gobernada polo mesmo partido, tamén recoñece que a posibilidade de instalar un polígono industrial neste monte está supeditada a un informe de avaliación impacto específico para tal actuación. E, confirmando os datos dos estudos topográficos realizados a instancias de DEFENDE O MONTE PITUCO, a proba de que semellante infraestrutura sería desaconsellable é a “baixa puntuación” que obtén a zona Marín-Pontevedra no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, cuestionando a súa viabilidade. Esta información remóntanse tan só a xaneiro deste ano 2012.
A falta de saber como se están analizando as alegacións presentadas por DEFENDE O MONTE PITUCO demandando que se intensifique o grao de protección sobre este espazo, e polo Concello de Marín, xusto no sentido contrario, reclamando unha maior flexibilidade nos parámetros, resulta evidente que estamos ante un PXOM contraditorio no referente á dotación de chan industrial. Porque a Xunta está posibilitando que se urbanice un monte, o Pituco, que, segundo o mesmo Goberno galego, non reúne as condicións óptimas.
(Diario de Pontevedra, 13 de xaneiro de 2012: “A baixa puntuación destas actuacións compromete en gran medida a súa viabilidade”).
E por este motivo DEFENDE O MONTE PITUCO vai pedirlle explicacións ao conselleiro Agustín Hernández sobre o futuro deste enclave; sobre as posibilidades a medio ou longo prazo para acometer unha modificación puntual do planeamento que permitan indultar o Pituco da ameaza do asfalto e do formigón, a tenor das dificultades para acondicionar o terreo nunhas condicións económicas razoables.
É a crónica dun PXOM aprobado, mais non unha derrota para o Monte Pituco. Máis ben un novo estímulo para seguir loitando con forza pola súa conservación e posta en valor. Nesa ardua tarefa DEFENDE O MONTE PITUCO conta co apoio de máis dunha vintena de colectivos que están a prol de integrar este enclave da parroquia de San Xián no proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, comezando pola Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común, que rexeita a destrucción desta porción tan significativa do monte veciñal marinense.
(Faro de Vigo, 18 de novembro de 2009: “La opción de Monte Pituco, recordaba ayer el presidente de la Autoridad Portuaria, José Benito Suárez, fue “desechada” en el año 2000, debido al desnivel del terreno, que lo hacía inviable”).
NOTA INFORMATIVA DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
O conselleiro de Medio Ambiente reuniuse hoxe coa alcaldesa de Marín, a quen informou deste paso histórico para o concello pontevedrés
A XUNTA DE GALICIA APROBA O PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL DE MARÍN, O PRIMEIRO DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA NO ANO 2012
O planeamento recolle que o 10% do concello é solo urbano, outro 10% é núcleo rural, o 3% urbanizable e o restante 77% rústico de protección
Recoñécense dous ámbitos de solo urbanizable industrial e prevese o desenvolvemento de 9.500 novas vivendas
As axudas concedidas pola Xunta para a redacción do PXOM ascenderon a 180.000 euros
Este documento desbloquea o problema dos núcleos costeiros de Aguete, Casás, Loira, Teoira e Mogor, que quedan recoñecidos coa servidume de protección a 20 ao acreditarse que existen con anterioridade á entrada en vigor da Lei de Costas
Marín (Pontevedra), 27 de xuño de 2012.- A Xunta de Galicia aprobou o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Marín, polo que se converte na primeira administración local da provincia de Pontevedra no que vai de ano que logra adaptar o seu planeamento á Lei do Solo. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, trasladou esta mañá, no decurso dunha reunión de traballo no Casa consistorial, esta decisión da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio, que tamén será publicada no Diario Oficial de Galicia.
Hernández sinalou que con esta aprobación ratifícase o compromiso adquirido por el mesmo hai 15 días, cando se comprometeu a aprobar o planeamento nos vindeiros días; unha realidade que foi posible, en boa medida, grazas a permanente colaboración entre os representantes das dúas administracións, tanto a nivel técnico como político.
Este planeamento, que levaba 19 anos en redacción, recolle que o 10% do concello é solo urbano, outro 10% é núcleo rural, o 3% urbanizable e o restante 77% rústico de protección. Recoñécense dous ámbitos de solo urbanizable industrial e prevese o desenvolvemento de 9.500 novas vivendas. As axudas concedidas pola Xunta para a redacción do PXOM ascenderon a 180.000 euros.
*Superficies por tipo de solo
solo urbanizable: 3%
solo urbano: 10%
solo núcleo rural: 10%
solo rústico de protección: 77 %
ESPAZOS LIBRES E ZONAS VERDES: 1.129.436,21 m2
EQUIPAMENTO COMUNITARIO: 475.444,47 m2
*Datos singulares
– O 77% do Concello é solo rústico de especial protección.
– Do 1 km2 de solo urbanizable, 362.063 m2 están destinados a dous ámbitos de carácter industrial.
– Por Lei Marín debe dispoñer de 425.771,17 m2 de espazos libres e zonas verdes. O PXOM contempla 1.129.436,21 m2 (máis do dobre).
-A Lei esixe 141.923,72 m2 de equipamento comunitario para Marín. O PXOM dispón 475.444,47 m2 (máis do triplo).
Novas vivendas previstas polo PXOM: 9.567 novas vivendas
Núcleos rurais: 2.768 vivendas (28,93 % do total de novas vivendas)
Solo urbano: 5.369 vivendas (56,12 % do total)
Solo urbanizable: 1.430 vivendas (14,95 % do total)
Así, este concello convértese no primeiro da provincia e no quinto de Galicia en aprobar o plan xeral en 2012, e no 25º plan que a Xunta aproba no que se leva de lexislatura. Cómpre lembrar que estes anos a aprobación de plan xerais foi a seguinte:
-2009 ( 5 concellos): Vilar de Barrio, Rairiz de Veiga, Vigo, Sober e Laxe.
-2010 (8 concellos): Pedrafita do Cebreiro, Touro, Teo, Cualedro, Valga, Arnoia, Muros e Dodro.
-2011 (7 concellos): Outes, Tui, Cenlle, Beade, Boborás, Lugo e Moaña.
-2012 (5 concellos): Cortegada, Xove, Muíño, Leiro e Marín.
Actualmente dos 315 concellos galegos:
Un total de 251 concellos, o 79% réxense por un planeamento xeral:
– 60 teñen un PXOM adaptado á lei vixente
– 191 están redactando un PXOM
Outros 64 concellos, o 21% non teñen planeamento, ou está suspendido ou anulado:
– 62 xa empezaron a redactar un PXOM
– 2 concellos nin teñen planeamento, nin están redactando un PXOM acorde coa lei vixente: Abadín e Ribeira de Piquín, da Provincia de Lugo
Deixar unha resposta