Publicado por: MontePituco | 23/06/2012

NA HOMENAXE A XAN MONTENEGRO

Antes de comezar a teclear este feixe de palabras en memoria de Xan Montenegro, clasifico o artigo na lista de categorías do blogue: Veciños, e Cultura. Porque se por algo se caracterizou a súa traxectoria foi por capitanear -na primeira liña ou dende as trincheiras- a Asociación de Veciños de San Xulián, por demandarlle de maneira incansable ao Concello a execución de melloras para esta parroquia, entre as cales a construcción das beirarrúas que agora están a piques de rematarse, foron a súa maior teima ata practicamente a fin dos seus días; e Cultura porque Xan Montenegro foi un firme defensor da lingua galega na que sempre falou e escribiu; do patrimonio histórico, tal e como confirma a súa preocupación pola conservación dos elementos rupestres, e as súas protestas pola destrucción de petroglifos como o que quedou aterrado entre A Pena e o Caeiro a causa das obras da variante; un promotor da tradición mariñeira, como integrante de colectivos como Ronsel ou a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Por poñer algúns casos, porque eran moitas as causas sociais e culturais nas que Xan aportaba o seu inestimable gran de area.

Pero toda esa enerxía que desprendeu en positivo non tería sido posible sen a solidariedade de dúas persoas que lle deron a oportunidade -cando a súa saúde crebou- de prolongar a súa vida durante 15 proveitosos anos.

A doazón de órganos foi o tema da charla que impartiu o doutor Emilio Arruti, médico do Complexo Hospitalario de Pontevedra e amigo de Xan, do que destacou o seu carisma nas conferencias que ámbolos dous impartían: un como profesional, e outro como testemuña de gratitude de tantos pacientes anónimos que, como Montenegro, vivían cun órgano doado ao que el se refería con sentido do humor como a súa “parella de feito”. No seu caso, un primeiro transplante resultou fallido e foi necesario un segundo intento, pola vía da máxima prioridade, do que finalmente non houbo rexeitamento.

Xan non tivo fortaleza abondo para agardar unha terceira beizón da vida. Por iso o doutor Arruti foi moi claro e moi explícito nas súas explicacións sobre todo o que conleva a doazón de órganos: a nivel legal para o doante e o receptor; dende o punto de vista médico, ao detallar todos os órganos e tecidos susceptibles de axudar a facer viable a supervivencia doutras persoas, ao plantexar que cada doante pode salvar ata seis pacientes grazas á súa xenerosidade; mesmo a nivel relixioso, sobre as consideracións que fai cada confesión a respecto deste avance da Medicina. Galicia está por debaixo da media estatal na taxa de doazóns e hai familiares que, por descoñecemento ou ideas erróneas arraigadas, seguen sen comprender ben as implicacións e as intencións reais da doazón. Porque vida, con vida se salva.

Foi unha homenaxe ben emotiva, bágoas incluidas. Non faltaron as verbas dos seus amigos expresando canto o botan en falta a súa figura, malia que sexa unha figura que nunca nos ha deixar. Nin a música, nin os poemas, nin un repaso fotográfico ás viaxes que o levaron dende Arxentina a Cuba, pasando por Londres. Hai quen se move polo mundo como quen transporta un moble; Xan, en cambio, absorbía experiencias, alimentábase de paisaxes, arquitecturas e culturas que lle facían ter unha visión aberta e respectuosa do mundo, para apreciar máis o contorno inmediato a partir dun maior coñecemento da realidade exterior.

Por desgraza, mais tamén por sorte, a silueta de Xan co seu inseparable chapeu non desapareceu nin desaparecerá da terraza do Carballinés, nin do entroido de Seixo, nin da festa do palleiro do Carballal, nin do balcón da ría como el consideraba O Pornedo. Outros pasarán, con máis pena que gloria, mentres Xan, sen ningunha pretensión manifesta, gañou por mérito propio un lugar, xa non nun espazo físico concreto, senón no corazón de todas e cada unha das persoas que participaron nese memorial, máis outras moitas que, non podendo asistir fisicamente, se lembran del na distancia.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: