Publicado por: MontePituco | 22/06/2012

REXEITAMENTO AOS RECHEOS NO REGO DA MACEIRA

DEFENDE O MONTE PITUCO súmase a colectivos que, como Luita Verde, Almuinha, Colectivo Nacionalista de Marín e Plataforma en Defensa dos Montes da Morrazo rexeitan a pretensión da empresa Excongal de realizar recheos no Rego da Maceira. Os promotores desta alegación explican a situación na seguinte nota informativa.

No ano 2008 o Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial da Consellería de Política Territorial remitiu un informe de Proposta de Inicio de Expediente de Reposición da Legalidade Urbanística e inicio de Expediente Sancionador por movementos de terras e recheos no Alto da Cruz da Maceira, en solo rústico de protección forestal, sen autorización autonómica e sen licenza, contra a empresa EXCONGAL SL (Excavaciones y Conducciones Galicia SL). No mesmo 2008, o Servizo Territorial Zona Galicia Sur de Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a instancias do Concello de Marín, comeza a tramitación do expediente de solicitude de autorización por parte da mesma empresa para o recheo e almacenamento de inertes derivados de actividade construtiva na marxe dereita do Rego da Maceira, no lugar de Alto da Cruz da Maceira.

A parcela onde a empresa solicita agora a autorización para facer os recheos, está anexa ao extremo oeste da parcela onde anteriormente a empresa realizara os verquidos ilegais, do que se desprende que EXCONGAL SL pretende ampliar -partindo dunha ilegalidade- a superficie de vertido, para maior impacto ambiental e paisaxístico na zona e sen estudo dos materiais que pretende verquer e almacenar, limitándose a dicir que estes materiais son inertes e non afectan ao medio.

Na zona dos verquidos ilegais paralizados no seu momento (por detrás de onde hai poucos meses se ubicou un monolito en memoria das persoas paseadas no ano 36) aínda se poden observar na actualidade tanto entullos de obra como anacos de pavimento asfaltado, formigón ou cerámicas esmaltadas, converténdose nun vertedoiro incontrolado.

A parcela onde se proxecta o novo recheo conta cunha superficie de 10.952 m2, e está situada na parroquia marinense de San Tomé de Piñeiro, dentro de solo rústico de especial protección forestal e de ribeiras, canles e augas, e abrangue dende o Alto da Cruz da Maceira ata as inmediacións do antigo vertedoiro municipal de Marín, afectando asimesmo a solo rústico de protección de infraestruturas, por estar nas áreas de protección da liña eléctrica de alta tensión Lourizán-Cangas e da estrada PO-313.

A empresa -a través do seu proxecto- desvaloriza de xeito totalmente interesado o medio, indicando que “a zona afectada vai paralela á liña de alta tesión, que é monte baixo xa que recientemente foi talada, ou que o Rego da Maceira ten pouco caudal e acaba desaparecendo en épocas de sequía”.

A empresa pretende obviar premeditadamente que é un proxecto en solo rústico de especial protección forestal anexo a outro de especial protección, do espazo natural Montes do Morrazo (a separación está na estrada PO-313), contempla recheos en bancadas de ata 10 metros de altura na fonda conca de nacemento do rego Maceira, arredor dos 400 metros de altitude sobre o nivel do mar, onde entre plantacións forestais e áreas de carballeira dos arredores, posúe un tupido bosque de ribeira de ameneiro, salgueiro, e bidueiros, con augas de corrente contínua sen apenas alteración nin contaminación ao non existir edificacións, industrias ou poboación humana residente, e que máis abaixo esas augas forman parte do fértil val de Miñán e Piñeiro, en plena zona de actividade rural e agrícola, antes de enlazar co rego principal do Loira.

Na tramitación do proxecto xa existe un informe técnico de desfavorable de Augas de Galicia á autorización solicitada o 14 de novembro de 2011 por existir dous regatos que constitúen dominio público hidráulico, ocupando as obras a levar a cabo a zona de servidume dun dos regatos.

A “intención final” por parte da empresa de efectuar o recheo só pola marxe dereita do regato, deixando libres os 5 metros da zona de servidume extraída do informe de comprobación realizado o 22-02-2012 por un garda fluvial, forma parte dunha longa serie de incongruencias e dalgunhas falsidades dentro do conxunto da tramitación da solicitude de autorización, como se comproba no informe técnico elaborado o 14/11/2011 ou o dun biólogo titulado superior ambiental do Servizo de Conservación da Natureza que, o 21/05/2012, expón:

“Con relación á solicitude das obras de referencia, unha vez inspeccionado o lugar e revisada a documentación remitida, informámoslle que con data 3/05/2012, levouse a cabo unha reunión con representantes da empresa solicitante, confirmándose que as actuacións reflectidas na memoria non se corresponden coa obra que pretenden realizar, xa que obsérvanse contradicións na situación das obras, que se sitúan primeiro no concello de Moaña e despois no concello de Marín. Segundo a versión da empresa, as distintas localizacións que se contemplan na memoria corresponden a antigos proxectos xa descartados, e que as obras que se solicitan sitúanse nunha leira das que aparecen no anexo fotográfico, pero que non se corresponden cos datos catastrais facilitados”.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, o Colectivo Nacionalista de Marín, a asociación cultural Almuinha, a asociación Defende o Monte Pituco e o Colectivo Ecoloxista Luita Verde solicitáronlle ao Concello de Marín o seu informe desfavoranble e que se dirixa ao organismo Augas de Galicia comunicándolle a súa desautorización para obras de recheo e almacenamento de inertes derivados de actividade construtiva na marxe dereita do rego da Maceira, que solicita a empresa EXCONGAL.

O Foro Social de Cangas e a Rede de colectivos A Ría Non se Vende alegaron dentro do prazo regularmente establecido, o pasado 13 de xuño, diante da Demarcación Galicia Sur de Augas de Galicia e do Concello de Moaña, solicitando o informe desfavorable e a anulación da solicitude de autorización con expediente de clave DH.W36.14902 para recheo e nivelación de terreo para almacenamento de inertes nos lugares de Alto da Cruz da Maceira, San Lourenzo e Outeiro da Carballosa por parte da empresa EXCONGAL SL, que forma parte da mesma tramitación e onde está integrada a devandita parcela afectada no Concello de Marín.

No caso da suposta afección das áreas naturais de San Lourenzo e Outeiro da Carballosa, limítrofes entre o concello de Moaña e o de Marín, tamén se alegou que están integradas dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Provincia de Pontevedra, onde non están permitidos os recheos nin almacenamentos de inertes dentro dos seus usos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: