Publicado por: MontePituco | 08/02/2012

O POLÍGONO DESEÑADO POLA XUNTA (II)

Seguimos debullando o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais. Un dos apartados deste amplo documento é o referido á “Proposta de estratexia de desenvolvemento do Plan”, onde se atopa un cadro moi revelador titulado “Actuacións do IGVS, XESTUR e SEA inviables”. O proxecto de plataforma loxística Marín-Pontevedra que lle afecta ao Monte Pituco está incluido nesa relación (na que tamén figura o parque empresarial Marín-Moaña) que, segundo o estudo encargado pola Xunta, presenta unha importante obxección: “A baixa puntuación destas actuacións COMPROMETE EN GRAN MEDIDA A SÚA VIABILIDADE“.

Na memoria informativa a descritiva do plan abórdase a dotación de solo empresarial destinado a actividades de loxística. Nesta sección analízase a situación do porto de Marín en calidade de Porto de Interese Xeral do Estado:

“…Actualmente o porto de Marín é o 2º porto de España en movemento de mercancías por ferrocarril. A súa potenciación require reordenar os usos actuais, realoxando determinadas actividades fóra dos espazos portuarios e creando espazos fóra do porto para actividades industriais que teñan vinculación coa loxística portuaria. A autoridade portuaria estima unhas necesidades de solo para actividades industriais e de loxística vinculadas ao porto de 50.000 metros cadrados localizados nun radio de 10 quilómetros do porto e con posibilidade de conexión á autoestrada e, sobre todo, ao ferrocarril.

Aínda que se teñen barallado diversos emprazamentos de solo empresarial en Vilaboa, Marín e Pontevedra, estes chocan con dous problemas: a ralentización da tramitación do planeamento municipal, e as dificultades de conexión co ferrocarril, considerado básico, nos emprazamentos citados”.

Unhas páxinas despois, nesa mesma memoria informativa, os redactores do Plan Sectorial achegan unha serie de “criterios que deben adoptarse”, entre os cales, unha vez máis, se especifica que o Plan Empresarial Marín-Pontevedra é unha “actuación con BAIXA PUNTUACIÓN no estudo de viabilidade das áreas empresariais”.

Noutro dos apartados do documento, titulado “Proposta de estratexia de desenvolvemento do plan”, cítase novamente o proxecto da plataforma loxística Marín-Pontevedra: “Pondérase cun coeficiente de 0,4 dado que no avance do PXOM de Pontevedra se recolle parte deste solo como de Protección Integral Arqueolóxica“.

Curiosamente, tamén se detalla unha obxección referida ao proxecto do parque empresarial Marín-Moaña: “Aplícaselle un coeficiente de 0,4 dado que está afectado por unha liña de alta tensión”. Precisamente, aínda que o Plan Sectorial non o recolle, e así llo haberá que transmitir á Xunta en tempo e forma, o terreo afectado polo polígono industrial previsto no Monte Pituco tamén está afectado por unha liña de alta tensión: a Comunidade de Montes de San Xulián percibiu unha considerable indemnización pola superficie ocupada polo tendido, que curiosamente, afectou parcialmente unha mámoa, tal e como denunciou no seu día a Comunidade de Montes de Lourizán.

Da análise do Plan Sectorial, DEFENDE O MONTE PITUCO tamén puido determinar que o perímetro da plataforma loxística Marín-Pontevedra que lle afecta a esta zona é de servidume aeronáutica, motivo polo cal se lle restan puntos na valoración da súa viabilidade. A isto súmaselle que hai unha certa incidencia do Plan de Ordenación do Litoral nun extremo da parcela prevista. Ademais, recoñecese que existe afección a cursos de auga, como ten advertido DEFENDE O MONTE PITUCO pola existencia de mananciais naturais que surten de auga para consumo doméstico e de regadío aos habitantes dos núcleos habitados próximos, de Pena, Caeiro, Bouza, Os Bravos, Arealonga, Casal, Laxe e Bravos.

E sobre todo, entre os factores físicos máis negativos está a pendente, que en boa parte do terreo supera o 25%. Estes e outros datos permiten concluir que hai razóns máis que suficientes para presentar alegacións reclamando que se elimine deste Plan Sectorial o proxecto da plataforma loxística Marín-Pontevedra, e que o Monte Pituco se conserve como o Espazo Natural Protexido que é, de pleno dereito.


Responses

  1. […] artigo titulado O POLÍGONO DESEÑADO POLA XUNTA, de febreiro de […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: