Publicado por: MontePituco | 09/02/2012

BNG: MÁIS QUE DICIR (III) – O COMUNICADO TÓXICO DE VILABOA

O artigo que hoxe recolle o Faro de Vigo asinado polo concelleiro nacionalista Xosé María Vilaboa é unha mostra do infantilismo e da pouca seriedade que practica o grupo municipal do BNG de Marín. Unha pataleta enrabechada impropia dun cargo público, que utiliza a prensa de forma aviesa e perversa para soltar demagoxia barata, terxiversar alegremente e intoxicar a opinión pública. O triste é que se lle dera pábulo e se lle permitira aproveitarse de xeito fraudulento dun dereito de réplica que non lle correspondía. Porque cómpre rebobinar e lembrarlle á cidadanía a que veñen estas palabras cargadas de remorsos, reproches e alarmas infundadas.

Todo se remonta ao artigo da voceira do BNG local, Pilar Blanco, no Diario de Pontevedra do pasado 28 de xaneiro, advertindo que Marín queda “sen polígono industrial”. Neste mesmo blog, no artigo titulado “BNG, aínda máis que dicir”, xa valorou convintemente a sarta de manipulacións verquidas pola señora Blanco, nunha actitude claramente discriminatoria hacia o Monte Pituco. Pero esta non foi a única reacción que suscitou ese artigo, porque unha veciña da Brea dirixiuse a ese mesmo periódico cun artigo de réplica -“Puntualizando a Pilar Blanco”- que ao parecer non lle foi publicado, polo que a súa autora dirixiuse ao Faro de Vigo, onde a súa opinión libre e respectable  tivo por fin o eco pretendido. Paralelamente, no Foro Marinenses, e tamén neste mesmo blog, trascendeu a análise que fixo Erasmo das palabras de Pilar Blanco.

En resume, tres voces -a de Defende o Monte Pituco, a de María del Carmen Santos, e a de Erasmo- que contrarrestan con datos e argumentos sólidos a pobreza ideolóxica de Pilar Blanco en materia de solo industrial, a precariedade intelectual do seu artigo fronte á consistencia de tres opinións ben formadas e informadas que non teñen volta de folla. Por iso o BNG de Marín estaba que rabeaba: porque non admite a discrepancia, porque sempre quere ter máis que dicir, porque Pilar Blanco e Xosé María Vilaboa son como esa mancha de aceite que á forza ten que quedar por riba do divino e do humano.

Quen sexa asiduo nos plenos mensuais da Corporación de Marín, coñecerá de sobra as malas mañas de Vilaboa como rival no debate político. A falta de ter a razón, a súa estratexia consiste en enrevesar datos e citas sacados descontextualizadamente das hemerotecas para enredar; e cando esas armas se lle esgotan e non ten máis cartas coas que seguir embarullando, o recurso que lle queda é erguer ese vozarrón seu para aplacar o discurso do opoñente, para estirar a corda ata o límite da pacencia e intentar -ata agora sen éxito- ser expulsado do Salón de Plenos e ter así un motivo para autoproclamarse coma mártir da patria, vítima da democracia e líder dos oprimidos.

…A iso vén o artigo trapalleiro de Xosé María Vilaboa no Faro de Vigo: a repetir por partida dobre o veleno que a súa compañeira de filas xa inxectou gratuitamente hai dúas semanas noutro medio de comunicación, abusando -dunha forma arteira, aproveitada e pouco elegante- doutro mal costume que se practica neste Concello en canto ao uso da palabra: a réplica por alusións. En definitiva: cansino, absurdo e ridículo todo o exposto por Vilaboa-Blanco, que tanto monta, monta tanto, Xosé María coma Pilar.

O artigo de Vilaboa non aporta nada, é pura redundancia, empezando polo titular, que está exprimido e requetexprimido. O artigo de Vilaboa é unha mentira espichada nun pau: o concelleiro nacionalista ten a incomensurable desfachatez de dicir que “Marín non terá polígono empresarial por decisión da Xunta” cando a decisión de que no Plan Sectorial se plasme a inviabilidade económica e ambiental do polígono proxectado no Monte Pituco non é algo “subxectivo” como un motivo político, senón que esa decisión baséase en datos técnicos e obxectivos: a forte pendente do terreo, a presenza de elementos arqueolóxicos catalogados, a existencia de recursos hidrolóxicos… mesmo unha servidume de paso aeronáutica! por non falar da catalogación como espazo natural protexido, e da alta intervisibilidade que o Informe de Sostibilidade Ambiental do propio PXOM de Marín lle confire a este espazo.

Alguén pode acreditar que o BNG esgrimira algún estudo técnico actual e rigoroso, que avalase a viabilidade dun polígono industrial no Monte Pornedo? Negativo. Inexistente. Ata o presidente da Autoridade Portuaria se ten pronunciado en contra desta ubicación. O único argumento que emprega Xosé María Vilaboa para insistir tercamente na instalación dun polígono industrial no Monte Pornedo é a súa palabra, que carece da máis absoluta credibilidade, toda vez que os técnicos da Xunta veñen de confirmar que este espazo non reúne as condicións necesarias para garantir a solvencia do proxecto.

A palabra grantilocuente de Vilaboa é fume de leña verde para intentar salvar os mobles ante o electorado. Aínda por riba de meter a pata cunha planificación de solo industrial errada e errática, o exconcelleiro de urbanismo intenta pescar en río revolto. Con ese artigo que remexe nun pasado que xa fede de tan podre e sobado que o teñen, os do Bloque poñen en evidencia que seguen doentes polo resultado electoral que os chimpou de cabeza na oposición municipal. Os respectivos artigos de Pilar Blanco e Xosé María Vilaboa son un insulto á soberanía popular porque cuestionan a liberdade dos marinenses para expresarse nas urnas.

E cun estilo excesivamente populista, o ex-edil de urbanismo fai un alarde matemático innecesario e simplón ao suxerir que a bisbarra do Morrazo non conta con metros cadrados abondo para albergar empresas, cando ao noso redor -Barro/Meis, Nantes en Sanxenxo, Fragamoreira en Poio…- hai chan industrial baleiro e morto da risa. Xosé María Vilaboa esquece que os Montes do Morrazo están catalogados como Espazo Natural Protexido polas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento e non lle fai ningunha honra aos seus camaradas políticos cando abogan pola planificación racional de solo empresarial. Pola contra, o concelleiro nacionalista parece partidario de sementar polígonos a diestro e siniestro, coma quen reparte caramelos e lambetadas entre a cativada.

Esta mentalidade non deixa de ser unha mostra da falta de criterio e da deriva dun “nanopolítico” -parafraseando os “nanopolígonos” de Vilaboa- que representa tristemente a imaxe dun partido que entrou en barrena. Quién lo ha visto y quién lo ve!


Responses

  1. Magnífica crónica. Verdade da boa.

  2. Moitas grazas. Vilaboa volve ter hoxe a súa dose de “xarope” na páxina local do Faro. En breve reproduciremos a contra-réplica da veciña da Brea neste blogue. Pero nesta xornada mandaba a actualidade: a valoración contundentísima do concelleiro de Ordenación do Territorio de Pontevedra sobre a plataforma loxística prevista pola Xunta no Monte Pituco, a cabalo dos concellos de Marín e Pontevedra. É incrible que un concelleiro como César Mosquera, que leva 30 anos adicándose a temas urbanísticos, diga unha cousa, e a só 6 quilómetros de distancia, o seu homólogo de partido, ex-concelleiro de urbanismo para máis inri, diga exactamente a contraria sobre o mesmo asunto. A actitude de Xosé María Vilaboa merece palabras que, por educación, non se poden escribir en público.

  3. Sí que se poden escribir:
    Vilaboa é un incompetente en todos os sentidos.

  4. […] merecidamente lle deu as costas nas eleccións. Porque somos escravos das nosas palabras, e as de Xosé María Vilaboa no Faro de Vigo do pasado 9 de febreiro, entran en clarísima contradición coa historieta que vén de contarnos o cuarteto […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: